Imaxe de cabeceira

Non sabedes que facer neste Entroido, e non vos gustan os disfraces… pois podedes viaxar ó Algarve

Bótanlle a culpa á idade, din que é unha fase de rebeldía, que cando maduremos, cambiaremos radicalmente a nosa forma de ser, que non seremos os mesmos duns anos antes. Din que non nos preocuparán as parvadas de agora, e que valoraremos máis o que temos.
Eu o que digo é que os mozos somos máis maduros do que parece, gritamos para facernos escoitar e temos que aproveitar estes momentos porque nunca xamais estaremos así de vivos.
Miramos cara o futuro co mesmo medo, coas mesmas esperanzas, soños, ilusións e paixóns que calquera adulto do noso redor.
Nós podemos cambiar o mundo dándolle un novo sentido, non só somos os egoístas que todos pensan. Somos persoas que poñemos o mellor de nós en cada tarefa que facemos, que valoramos cousas que despois non se terán en conta, que gozamos con detalles insignificantes que nos enchen de felicidade. Choramos por todo e por nada. Rimos sempre e nunca.
Somos nós. O futuro. A incerteza. A esperanza.

O martes 10 de febreiro, no Salón de Actos do IES “Félix Muriel”, contamos coa extraordinaria visita do profesor e escritor Sechu Sende. Nun ambiente relaxado e mediante actividades espectaculares, textos e explicacións, o convidado, que posúe un gran sentido do humor, falounos da súa obra Made in Galiza, que 4º da ESO, 1º e 2º de BACHARELATO puidemos ler na segunda avaliación deste curso. O escritor firmou os exemplares dalgúns alumnos e alumnas antes de comezar.
Nas máis de cincuenta historias que constitúen o libro, o autor fai unha reflexión humorística e, á par, seria sobre o proceso de normalización da nosa lingua, e relaciona o galego con distintos campos sociais da vida. A portada do libro foi realizada por un amigo deseñador seu, Pánchez, ao que lle gustaba pintar as bombonas e tirarlles fotos cando as levaba o repartidor. A pesares de que á editorial non lle gustaba, conseguiu poñer unha foto dunhas bombonas pintadas ao pé das árbores como se foran ananos.
Sechu falounos dos tres elementos esenciais para achegarse a unha lingua:
1) Motivación: precísase ter unha boa actitude ante a lingua e o desexo de coñecela. Tamén debemos esforzarnos por ser fortes e non desmotivarnos se imos a un sitio onde todo o mundo fala castelán, rendéndonos ante a presión de grupo e abandonando a nosa lingua.
2) Coñecemento da lingua: saber o vocabulario, as normas gramaticais…, todas aquelas partes teóricas que conforman un idioma.
3) Uso que se fai da lingua: pode ter dous usos: oral ou escrito. É importante que a usemos, porque así saberémola mellor e sentirémonos máis seguros á hora de empregala. Citounos o exemplo de que en Portugal calquera rapaz á nosa idade sabe moi ben o inglés. Unha das cousas que lles axuda a iso é que cando van ao cine ven as películas na súa versión orixinal subtituladas. Fan uso desa lingua na súa vida cotiá.
Falounos dos dous tipos de aprendizaxe que había:
1) Informal: aquela que teñen os bebés, que dende moi pequenos comezan con palabras, frases curtas… Cada vez van coñecéndoa e empregándoa máis ata que a saben por completo. Parten do uso que se fai da lingua.
2) Formal: aquela que teñen os que chegan ao galego máis tarde, nunha idade adulta. Son os chamados neofalantes. Primeiro van aprendendo as regras e logo van practicando. Parten da motivación.
Na súa calidade de profesor en zonas urbanas sabe que nas cidades non se fala moito o galego, pero tamén sabe que alí se cometen menos erros na lingua que nas zonas rurais, debido a que teñen unha aprendizaxe formal e saben identificar mellor os castelanismos e corrixilos.
Sechu identificouse como un neofalante. Súa nai falaba con todos galego agás cos nenos pequenos. Despois de estudar a lingua, aos escritores galegos… comezou a falala á idade de dezaoito. Foi el o rapaz duns catorce anos que, na escola en Noia, protagonizou xunto coa profesora a historia Eu fixen ouigha co espíritu de Castelao, cuxa experiencia nos contou ao final..
Contounos que só o 17% dos da súa xeración se galeguizaron. O resto perderon o galego. Isto tamén pasa noutros lugares. Sechu naceu en Padrón e viviu en Noia, Pobra, Viveiro e agora en Santiago; ve como en todos estes sitios hai unha realidade sociolingüística diferente. Moitos centros que visitou e visita falan en castelán, por iso con nós levouse unha sorpresa cando preguntou quen falaban galego e levantamos case todos a man.
Confesounos a finalidade da súa obra: “Non é un libro para os que saben falar galego. É para aqueles que falan castelán, para normalizar a nosa lingua e para deter o proceso de desgaleguización”.
A continuación pasounos uns textos. Un era Xoana de Rosalía de Castro idéntico á escena IV da Doncela de Orleáns de Schiller, un autor que lle gustaba moito á poeta galega e que viviu uns oitenta anos antes ca ela. Lonxe de perder o prestixio, admírase a Rosalía, a quen lle gustou o tópico do “despide da natureza”. Sechu pretendeu mostrarnos con isto que as demais persoas, as cousas de sempre… todo inflúe en nós á hora de escribir. Pero tamén nos afecta socialmente. Afirmou que somos un pouco machistas cando asociamos o nome de Seoane cun home.. Tamén, a nivel sociolingüístico moitos dos nosos comportamentos son tópicos. Por exemplo, un rapaz en Carral contoulle que non se dicía “quérote”, senón máis ben, “te quiero”. Ou tamén que os corazóns que ve pintados polas paredes poñen María “y” ou Pepe “y”.
Había catro textos pola parte de atrás: o primeiro era de humor. Os protagonistas eran dous borrachos. Mostraba o contacto na súa cidade entre o galego e o castelán. Os tres seguintes tiñan un carácter máis serio. Sechu sinalou a última estrofa do poema de Ignacio Bittitta: “Un pobo vólvese pobre e escravo Cando lle rouban a lingua Herdada de seus pais: Está perdido para sempre.” E tamén o Caderno de Nova York de José Hierro que fala da situación dos casteláns ou chicanos en Nova York.
Despois de todo isto chegou a parte, quizabes, máis interesante da charla. Contounos que se interesou moito polo método da hipnose, algo que só teñen licencia para facer os psicólogos. Mesmo montou unha consulta na que aseguraba que por trescentos euros a sesión as persoas poderían saír falando galego. “Aínda non veu ninguén” díxonos entre risas. Pero na súa teima de aprender a realizar esta técnica levou a cabo unha viaxe ao Tíbet, onde os lamas lle aprenderon nun curso de sesenta horas a telepatía. Díxonos que se se dan as circunstancias apropiadas era quen de adiviñar unha palabra que outra persoa estaba a pensar. Fíxollo a dúas compañeiras nosas coa axuda dun péndulo pequeno. Ante o asombro da sala acertou.
Logo fixo unha hipnose en grupo con todos. Asegurounos que despois de tal sesión saberiamos falar moi ben o inglés. Empregando un péndulo maior visualizamos relaxadamente no noso interior unha situación que el nos estaba contando: ir por un prado en primavera, meternos nunha cova que acabábamos de ver. Nunha bifurcación collermos o camiño esquerdo que poñía “Aventura”. Andar ata que atoparamos un espello no que aparecía o noso reflexo o cal nos faría tres preguntas: estamos motivados para falar o inglés?, temos algún coñecemento da lingua inglesa?, usámola habitualmente?.
Tanto o libro que lemos como todos os consellos e explicacións que nos dou o escritor gustáronnos moito. Deixounos claro que está nas mans de todos manter con vida a nosa lingua.

Alejandra Picón Romero, alumna de 1º ESO B, foi a gañadora do certame SAN VALENTÍN 2009 convocado polo EDNL do IES. A gañadora presentou un poema de amor de corte intimista estructurado en cinco estrofas. Alejandra asina co seudónimo “A Gata Negra”.

Localizadas en pleno Océano Atlántico, entre Europa e América do Norte, os Açores é un arquipélago formado por nove illas: Santa María, Sao Miguel, Formigas, Terceira, Graciosa, Sao Jorge, Faial, Pico, Flores, Corvo e pequenos islotes. Este territorio pertence á república portuguesa ó ser descuberto a 1500 km de Portugal no ano 1427 polo navegante Diego Silves.

O arquipélago ten unha superficie total de 2333 km2. As áreas das illas varían entre 747 km2 (illa de Sao Miguel) e 17 km2 (illa do Corvo). O volcán Pico na illa Pico posúe 2431 m de altura, e é a maior elevación das Azores e tamén de Portugal. O número de habitantes é de 240000 ( censo de 2001) e viven maioritariamente na abrupta costa sur.

No entanto, de todas as illas que forman este fermoso arquipélago, destacamos a illa de Sao Miguel, coñecida como a illa verde polos cores verdes que lle proporcionan os seus bosques e pradeiras, e sendo a máis visitada e a máis grade de todo o archipélago. Está formada por varios concellos: Lagoa, Nordeste, Povoaçao, Ribeira Grande, Vila Franca do Campo e Ponte Delgada (que é a capital da illa e ó mesmo tempo do archipélago das Azores).

O clima da illa é temperado (arredor de 13 grados no inverno e 24 grados verán). Prodúcense numerosas choivas no verán aínda que se recomenda que é a mellor estación para visitala. Ademáis, prodúcense terremotos destacando o que sucedeu no ano 1522, que provocou unha verdadeira catástrofe, e debido a que son illas volcánicas hai unha elevada actividade volcánica.

Os hbitantes de Sao Miguel dedícanse na súa maioría ó sector primario, cultivando cereais, froita, té viño, etc.

Nesta illa podemos visitar varios puntos de interese turístico:
As Sete Cidades, coas súas dúas lagoas ( a azul e a verde).
O pico do Corvo, que ten vistas do centro da illa e do mar, tendo nos seus arredores diversas lagoas das cales destacamos pola súa dimensión a do Canario, a Rosa e a do Corvo.
O Miradouro do Escalvado, situado na punta do Escalvado con vistas para a parroquia dos Mosteiros e onde se pode observar un magnífico solpor.
Caldeiras da Ribeira Grande, que son un pequeno grupo de fumarolas.
Praia Areal de Santa Bárbara, tal vez o máis extenso areal da rexiónl, lugar moi visitado polos practicantes de surf.
Na Gorreada en Porto Fermoso pódese observar a cultura do te e facer unha visita ás respectivas fábricas.
Pódese visitar A Lagoa do Fogo, un dos lugares máis impresionantes da illa, onde se observa unha lagoa no cráter dun volcán, que está situado nunha reserva natural.
Caldeira Velha, un pequeño lago de auga quente onde se pode tomar un baño
Reserva do Pinhal do Par, onde as azaleas en flor proporcionan un espectáculo deslumbrante.
Vale das Furnas coas súas caldeiras, de auga quente. Posúe 20 nacentes termais que a converten nunha das maiores cidade de auga do mundo. Xunto a ela está a ermida de Nosa Señora da Vitória, onde se fai o “cocido das caldeiras” aproveitando a calor da terra.
Parque Terra Nostra posúe moitas árbores e moitas plantas exóticas.
A Ribeira Quente onde está a Praia das Furnas
Ó Nordeste hai montañas, desfiladeiros, ribeiras e miradoiros. Destaca: Pico da Vara (1105 m), serra da Troqueira, os miradoiros do Salto de Farinha, do Pico Bartolomeu, de Porta Areal e da Ponta da Madrugada ( desde onde se observa nacer o Sol).
O xardín Antonio Borges, e o xardín botánico Xosé do Canto onde hai especies vexetais raras.
O museo Carlos Machado onde se pode atopar unha ampla colección de pinturas, porcelanas, historias naturais, etc.
Convento da Esperanza, lugar onde se admira ó Santo Cristo dos Miragres.

A principal cidade de Sao Miguel é Vila Franca do Campo, onde podemos encontrar moitos templos, como a Igrexa de Sao Pedro cunha fachada barroca do século XVIII, a de Santo André fundada en 1567, e a igrexa de Sao Miguel, que pertence ó século XV. Outros puntos importantes da vila son O Convento de San Francisco ( século XV ) e a ermida da Señora da Paz.

Outra cousa importante para destacar da illa é a gran gastronomía da que se pode degustar con pratos exquisitos como caldeiradas de peixe, cocido de furnas, diversos mariscos, piña, queixos, licores, té e bolos lévedos.

O Museo do Mar de Vigo presenta desde o día 10 de febreiro a exposición denominada  As embarcacións tradicionais do Arco Ártabro ata a ría do Eo.

Parabéns, desde o grupo de traballo de No meu mar, na miña lingua, para os impulsores de tan magnífica iniciativa.

 

Ola a todos:
Chámome Brais. Estou no último ano neste instituto, xa que marcho para Ribeira. Teño dezaseis anos e cumpro dezasete o día catorce de febreiro.
Son alto, delgado e rubio. As miñas afeccións son: pasalo ben coa peña e todo o relacionado co mundo do motor. Actualmente participo en tres equipos cun total de catro coches, facendo asistencias e mecanicamente, ademais estoume preparando para o ano que vén poder competir.
Xa nos coñeceremos, ata logo.

Ola!
Chámome Patrii, teño 16 anos e vou en 3º ESO por un problemiña, ha, ha…
Encántame escoitar música, e gústame o rap, o reggeton, street e pop. Tamén me gusta saír cos meus amigos toda a fin de semana e ir ata os pubs e discotecas a bailar.
Non me gusta a xente falsa xa que eu sempre digo as cousas á cara. Son divertida e mólame moitísimo facer rir á xente.
Espero que nos amiguemos.

2289 Artigos |   | 1  |   | 268  | 269  | 270  | 271  | 272  | 273  | 274  | 275  | 276  | 277  | 278  |   | 287  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.