Un dos xéneros literarios que Álvaro Cunqueiro (1911-1981) cultivou con máis dedicación e acerto foi o do retrato, é dicir, a invención de personaxes aillados, sen unha función narrativa maior, dispostos para ser contemplados na súa singularidade, suficientes por si mesmos, donos de vida propria. A primeira serie deles apareceu en Escola de menciñeiros (Galaxia, 1960) e versaban todos sobre o mundo dos individuos de que fala o título, tan presentes na Galicia rural de hai aínda poucos anos. A segunda foi esta que reeditamos hoxe, que poderia formar parte ademais dunha triloxía na que habería que incluír tamén Os outros feirantes (Galaxia, 1979).
Como dixo o autor destas páxinas, nos retratos de Xente de oqul e de acolá hai en cada un deles unha onza do ser galego, e repartida entre todos, está a andamiaxe completa da nosa xente. Por iso, cando un remata de ler estas semblanzas de paisanos de todos nós, ten a impresión de que acaba de poñerse de cóbados sobre o peitoril dun puzo fondo e escuro, pero do que ó fin un remata bebendo unha auga limpa e fresca, capaz de aliviar a sede de cantos teñen necesidade de satisfacer os seus anceios de amistade, de amor ou de simple curiosidade. Que pode ser a de saber como somos.
Aqui están, rescatados do olvido pola maxia de Álvaro Cunqueiro, o picapleitos Somoza de Leiva, que tiña un can que só lle ladraba á parte contraria; e Rello de Pontemil, un tipo calado, que pasaba a vida vendo xogar ó tute e que non xogaba porque non sabía subastar e sempre contaba de máis; ou Leiras de Parada, que adormecía os capós con prosa de artículos de prensa que valían máis para o cometido que tres cobertores ou media botella de tres cepas. Xente nosa, verdadeira. Un espello do país.