Imaxe de cabeceira
Sabías que...
“Centenario das Irmandades da Fala”

Dibujo

 Comezamos un novo curso e, con el, as clases de Lingua e literatura galega. En canto a isto, non foi pouca a miña sorpresa cando descubrín que a materia nos daba a benvida dun xeito curioso: desvelando o final para logo volver e comezar no inicio, formando unha especie de percorrido cíclico. Así, na primeira clase, centrámonos no ano 1916, última etapa histórica que tocaremos este ano.

Nun principio sorprendeume o feito de elixir esa data para ser a presentación e incursión á Lingua e literatura galega de 1º de Bacharelato, pero tras ver o vídeo proxectado na clase, todo comezou a cadrar.

Nin máis nin menos, tratábase dun vídeo de Illa Bufarda sobre o centenario das Irmandades da Fala, fundadas no 1916. Nel, enumerábanse todos os logros acadados ata hoxe en día, toda a loita pola cultura, pola lingua galega, … todo isto tratado dun xeito ameno e fácil de comprender, cunha linguaxe coloquial, que xunto cas imaxes utilizadas, intentaban captar a atención de todos os públicos e xeracións posibles.

Vendo todo o que acontecera no 1916, puiden ver que, con razón ese ano fora elixido como tema para dar inicio á materia. Esa etapa histórica formaba parte do berce onde naceu e medrou o galego, como lingua, como cultura, como pobo, …

Desde comezos do século XX, en Galicia déranse numerosos cambios. A maioría da poboación galega traballaba no campo, o que favoreceu a aparición do movemento agrario (Agrarismo), o cal se complementou perfectamente cun florecente Rexionalismo galego, que daría pé, máis adiante, á creación do Nacionalismo.

O 1916 foi un ano clave, onde o nacionalismo galego se expandiu dun xeito impresionante. Nese tempo, unha publicación de Vilar Ponte causou un gran impacto e, o seu éxito, levou á organización dunha asemblea na Coruña, da que xurdiu a Irmandade dos amigos da fala. Esta agrupaba a importantes persoeiros galegos, tales como Antón Vilar Ponte, o seu irmán Ramón, e Castelao entre outros. Posteriormente apareceron as Irmandades Femininas da Fala. Desgraciadamente, a forte ideoloxía machista da época reducía a colaboración das mulleres ao bordado das bandeiras ou a recadación de diñeiro.

As Irmandades expandíronse axiña por toda a terra galega, reivindicando a Galicia como nación. Tiñan unha postura política clara e firme. Quizais, entre todas as súas medidas, destaque a petición da autonomía integral para Galicia. De non ser por isto, posiblemente hoxe en día o galego non sería una lingua cooficial en España.

Desde o punto de vista da materia de Lingua e literatura galega, quizais o máis importante, foi o gran potenciamento do galego. Todos eles defendían o uso do galego en todos os ámbitos: ensino, xustiza, prensa, actos públicos, nas ciencias… Dicían que o galego é a lingua de todos, para todo, … é a lingua do pobo.

Ademais, as Irmandades fundaron editoriais, traduciron obras de literatura universal e impulsaron o teatro. Non hai que esquecer que ademais, foron o seo no que se creou o grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Conseguíronse grandes logros, mais as Irmandades e o nacionalismo galego en si, pasaron por unha dura etapa durante os posteriores anos, chegando a disolverse a entidade. No lugar das Irmandades, foi fundado o partido nacionalista galego.

Hoxe en día, se miramos cara atrás, vemos a gran contribución que todo isto supuxo. As Irmandades e o nacionalismo foron os primeiros en falar de soberanía, autodeterminación e liberdade para Galicia. Vemos que avanzamos considerablemente na historia, mellorando pouco a pouco e con moito esforzo, mais, se miramos cara adiante, dámonos conta de que aínda temos moito que facer, espéranos un longo camiño que percorrer. “O galego ten futuro?” Iso depende de nós.

Por iso é realmente importante o seguir avanzando, expandindo o galego en tódolos ámbitos posibles. Debemos seguir traballando duro para non botar a perder todo aquilo polo que Vilar Ponte, Vicente Risco, Castelao, Carmen Sierra e moitos máis loitaron e todo o que conseguiron, superando un obstáculo tras outro.

Así, como ben din no vídeo conmemorativo do centenario das Irmandades da Fala, debemos estar orgullosos de ser diferentes, de ter a nosa lingua, de ter unha cultura propia, de ser nós mesmos, … Debemos estar orgullosos de ser galegos.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.