Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Club de lectura Ex Libris
A miña reflexión sobre “A memoria da choiva”

índiceDespois de ler  “A memoria da choiva” de Pedro Feijoo, lin unha reseña sobre el de Ramón Nicolás e, aínda que concordo coa súa opinión, levoume a reflexionar un bocado máis na obra e a elaborar a miña propia recensión da novela.

Para comezar é certo que a obra é unha boa novela de xénero policiaco cos seus terribles asasinatos grazas aos que non puiden durmir apaciblemente. É fácil de ler, mantén a intriga e  é difícil parar de ler porque se quere coñecer o final. Pareceume que engadirlle referencias á literatura como eran os poemas de Rosalía enviados aos protagonistas ou a posta en escena dos crimes, contribuíu a darlle unha maior orixinalidade ao texto.

En segundo lugar resultoume interesante que a historia transcorrese en lugares coñecidos, como Santiago, A Coruña, Vigo, Padrón ou Arteixo, xa que facía que a obra parecese máis real e actual. Ademais as referencias históricas como por exemplo o uso que se fixo durante a ditadura franquista da figura de Rosalía ou os problemas de contabilidade mais ben corrupción da fundación Rosalía tamén contribúen a achegar máis a realidade á obra. As Institucións que aparecen (RAG) e a mala situación que sofre o xornalismo tamén aportan realismo á historia.

En terceiro lugar, os personaxes son os típicos protagonistas de novela policiaca cos que se empatiza porque tamén cometen erros e vese que están caracterizados para ser o máis real posible. Temos por exemplo a Aquiles Vega, un xornalista cun mal traballo ou a profesora Sofía Deneb, unha estudosa de Rosalía que tamén é consciente do mal momento que pasa a cultura actualmente. Fascinoume sobre todo como caracterizou ó asasino, un personaxe que, alimentado pola vinganza e crendo que así limpa a memoria da súa estirpe asasina cruelmente a persoas que segundo el ofenden á súa familia.

Por último, o único que non me agradou do libro foi o desenlace. A historia levaba un ritmo trepidante, con moita intriga. Pero ao chegar ao final resolve a trama cun típico desenlace de película na que o protagonista masculino decide salvar á protagonista femenina no canto de capturar ao asasino. É un final socorrido, pero para min, pobre comparado coa intensidade do resto do libro.

En resumo, o libro é entretido e fácil de ler, porque as ansias de descubrir quen está detrás dos asasinatos fan que non se poida parar de ler. Por iso penso que, co ben escrito que está e coa interesante historia que construíu o autor, o final debería estar á altura do resto do libro e non terse conformado cun desenlace típico de serie policiaca.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.