Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Un feminismo para todas (por Adriana Romero)

O 8 de marzo celébrase todos os anos o Día Internacional da Muller. Isto é así porque, nese mesmo día, hai máis de cen anos, moitas mulleres foron asasinadas mentres loitaban polos seus dereitos. Con todo, hai determinadas mulleres que loitan por un feminismo “dunhas poucas”.

O feminismo é o movemento que pretende conseguir os mesmos dereitos que teñen os homes, para as mulleres. Isto é, non o contrario de machismo, senón unha forma de buscar a igualdade. Polo contrario, o feminismo burgués, buscaba os dereitos desas mulleres con cartos, as que podían estudar, pagar un aborto, etc. Quen pensa nesas mulleres máis pobres? Non merecen os mesmos dereitos que as ricas?

Entramos aquí noutro problema, ademais do capitalismo o do clasismo, porque parece que o mundo se ten que dividir en ricas e pobres. Unhas con máis dereitos e facilidades e outras con menos. Por isto mesmo, un feminismo que defende só a unha clase, a alta, non se pode considerar feminismo. Temos que intentar conseguir os dereitos de todas as mulleres, non só os das ricas, brancas, cisxénero e heterosexuais. Se unha muller pretende comezar unha loita en defensa da muller e exclúe a unha, xa non está defendendo ás mulleres, só ás que a ela lle interesan. Por isto mesmo, hai que loitar por un feminismo que inclúa ás mulleres explotadas, lesbianas, pobres, transexuais, etc.

Por outro lado, podemos falar dun grupo denominado “TERFS”. Estas son, mulleres que defenden un feminismo que non inclúe ás mulleres transexuais, din que son homes e que, polo tanto, non é a súa loita. Quen son elas para prohibirlle a unha MULLER ser feminista, manifestarse e reclamar os seus dereitos? En relación a isto, podemos falar doutro tema importante e que debemos recordar á hora de manifestarnos: debemos deixar de facer símbolos e dicir frases tránsfobas nas concentracións feministas (e en todos os lugares en xeral). Isto é porque, está moi estendido, tanto tentar representar unha vaxina coas mans, como gritar frases en contra dos xenitais que para elas son “masculinos”. Para comezar, non hai xenitais masculinos e femininos, isto é, hai mulleres que teñen vaxina e mulleres que non. Polo tanto, ao facer ese símbolo, excluímos a unha grande cantidade de mulleres, así como, ao dicir esas consignas, atacámolas.

Concluíndo, debemos defender un feminismo para todas, isto é, que non exclúa a ningún tipo de muller. Para isto é necesaria a empatía, temos que poñernos na pel das demais e tentar loitar tamén polos seus dereitos. Por isto, mensaxes como á que transmitiu o Partido Feminista no seu Twitter, na que comparaba as mulleres transexuais con “puteiros e proxenetas”, non poden ser permitidos en grupos que se consideren “feministas”.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.