Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Lieders de Rosalía de Castro (por Lía Figueiras)

Non quero cinxirme ás regras da arte! Os meus pensamentos son vagabundos, a miña imaxinación errante e a miña alma só se satisface de impresións.

Xamáis dominou na miña alma a esperanza da gloria, nin soñei nunca con loureiros que oprimisen a miña fronte. Só cantos de independencia e liberdade sairon dos meus beizos, aínda que arredor sentira, xa dende o berce, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre. Porque o patrimonio da muller son os grillóns da escravitude.

Eu, sen embargo, son libre, libre coma os paxaros, coma as brisas; coma as árbores no deserto e o pirata no mar.

Libre é o meu corazón, libre a miña alma e libre o meu pensamento, que se alza ata o ceo e descende ata a terra soberbio coma Luzbel e doce coma unha esperanza.

Cando os señores da terra me ameazan cunha mirada ou queren marcar a miña fronte cunha marca de oprobio, eu río coma eles rin, e fago, en aparencia, a miña iniquidade máis grande que a súa iniquidade. No fondo, o meu corazón é bo; pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual ámiña feitura, e que a súa carne é igual á miña carne.

 ***

 Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino.

 ***

 Os remorsos son a herdanza das mulleres débiles. Eles corroen a súa existencia co recordo duns praceres que hoxe compraron a costa da súa felicidade e que mañá pesarán sobre a súa alma coma chumbo candente.

Espectros durmidos que descansan impasibles no regazo que se dispón a recibir outro obxecto que o que eles non representan, a abrazos que reciben outros abrazos que xuramos non admitir xamáis.

Dores punzantes e desgarradoras polo pasado, arrepentimentos vans, enmendas dun instante e reproducións eternas na culpa, e un desexo de virtude para o futuro, un nome honrado e sen luxar que poder entregar ao home que nos pide con sinceridade unha existencia núa de riquezas, máis pródiga en bondades e sensacións virxes.

He aquí as loitas precedidas sempre polos remorsos que velan o noso soño, as nosas esperanzas, as nosas ambicións.

E todo isto por unha debilidade.

Este artigo publicouse por primeira vez en Álbum del Miño (Vigo, 1858) e é considerado como o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia e probablemente en España Fonte: Rosalía de Castro. Obra completa. Fundación Rosalía de Castro, Padrón, 1996, p. 491-492

FONTE: culturagalega.org




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.