Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Sempre en Galiza vs. Forever in Galicia (por Irene Fernández)

Resultado de imaxes para sempre en galizaO pasado xoves dezaoito, ás oito e media da tarde, tiven a honra de asistir a un acontecemento histórico en Rianxo: a presentación de Forever in Galicia, a primeira tradución ao inglés, resultado de catorce anos de traballo, do Sempre en Galiza, de A.D.R Castelao.

A verdade é que tiña un total descoñecemento do que ía pasar, non sabía como se desenvolvería a velada ata que, unha vez sentadas todas as persoas que alí nos atopabamos, Craig Patterson, o tradutor da obra, deu lectura a un fragmento da mesma, na que se relataba a ascensión de Alexandre Bóveda ao ceo. Como comentou a continuación Raquel García, a concelleira de Normalización Lingüística, aínda que o mestre xa non estea, quedamos os seus pupilos.

Logo, procedeu a intervir Clive Boutle, director da editorial, mencionando queResultado de imaxes para forever in galicia el non sabía se Craig falaba ben galego, pero que soaba moi ben na boca do tradutor. A continuación animounos a seguir utilizando a nosa lingua, posto que vivimos nun momento no que debido á globalización existen problemas en canto á identidade, á cultura e á lingua, como apuntou o empresario inglés. Ademais, sería conveniente facer referencia a que a súa editorial, Francis Boutle Publishers, xa publicara anteriormente Breogán’s Lighthouse, unha antoloxía da literatura galega con poemas traducidos ao inglés.

Cabe facer unha pequena pausa para realizar unha mención especial ao dominio por parte de Patterson do galego, pois, ademais de ter un acento moi bo, utilizou expresións totalmente galegas que non me esperaba escoitar del. Tamén vexo necesario confesar que quedei totalmente fascinada co sentimento e o ton que puxo ás lecturas que fixo de tres partes da obra, sentimento que os e as presentes puidemos percibir perfectamente aínda que fose en inglés.

A continuación, leu o segundo anaco, no que Castelao, dende Badaxoz, enumera as cousas que botaba de menos de Galicia, coma o mar de Rianxo, por exemplo. Despois disto, foi o alcalde, Adolfo Muíños, o encargado de seguir coa presentación, comentando as traducións de obras en galego a outras linguas e viceversa. O refrán que di Non te deitarás sen aprender unha cousa máis serve para ilustrar o que me pasou cando Muíños revelou un dato moi curioso: a primeira tradución do Ulises de James Joyce foi ao galego na revista Nós, iso si, só algúns capítulos, xa que nunha publicación dese tipo non era posible traducir toda a obra do escritor inglés.

Quizais o lector ou lectora que estea pendente destas liñas que estou escribindo se estea preguntando dende o primeiro parágrafo a razón pola cal é Forever in Galicia e non Forever in Galiza, pois ben, esta pregunta formuloulla unha asistente á presentación, ao que contestaron entre Craig e Clive argumentando que en inglés o nome Galiza non existe, na lingua inglesa o termo para referirse á nosa terra é Galicia. Outra pregunta das que se lle fixeron ao tradutor foi realizada por unha compañeira, Sara, que quería saber o por que da elección de Sempre en Galiza en lugar doutra obra, pregunta que Craig aproveitou para contar unha longa historia: cando estudou Linguas Hispánicas pasou un ano en Salamanca, e un día, un amigo e máis el colleron un coche e chegaron a Santiago, vendo a Catedral co luscofusco de fondo. Nese momento, namorouse de Galicia. Grazas a un profesor seu, interesárase por Otero Pedrayo, polo que á hora de facer a súa tese decidiuna facer sobre este autor, o que o levou a descubrir a Castelao, elixindo a este último para traducir Cousas (Things), no 2001. Como quería volver a facer unha tradución sobre este persoeiro, decidiuse por Sempre en Galiza. Tamén afirmou que, cando fala galego, séntese el, atopando un dos seus moitos “eu”, atopándose a el mesmo.

Finalmente, leu o terceiro fragmento, no que Castelao cita a famosa consigna Se somos galegos e por obra e graza do idioma. En toda esa parte do texto, reflexiona sobre o idioma e sobre aqueles que lle chaman dialecto á nosa lingua. Isto lembroume os prexuízos que aínda hoxe seguen presentes na nosa sociedade arredor do galego.

Para concluír, creo que é realmente importante destacar o feito de que unha persoa estranxeira se interese pola nosa lingua nun momento en que o galego está a vivir unha perda de falantes constante; do mesmo xeito que, grazas a esta tradución, poderase ler a Castelao dende California ata Melbourne. Temos que conservar a nosa lingua, porque un idioma é a bandeira dun pobo e, se este desaparece, así o fará o seu pobo.





Un comentario en “Sempre en Galiza vs. Forever in Galicia (por Irene Fernández)

[…] de semana ben axitada para o alumnado do IES Félix Muriel. Empezaron o xoves coa presentación do Forever in Galicia de Craig Patterson. Continuaron o venres coa presentación do seu propio cadro, A derradeira […]

Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.