Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
O corazón galego de Craig Patterson (por Irene Rey)

O xoves 18 de outubro presentouse en Rianxo a obra Forever in Galicia, tradución ao inglés do Sempre en Galiza de A. R. Castelao. Foi un acto ao que asistín xunto con moitos outros compañeiros e compañeiras do instituto IES Félix Muriel e onde presenciamos algo realmente digno de admirar.

Cando cheguei alí o primeiro que pensei foi que sería unha charla en inglés, pero a sorpresa foi observar o dominio que o tradutor da obra, Craig Patterson, ten do noso idioma.  Orixinario do Reino Unido contou que o seu achegamento á cultura galega foi durante un Erasmus que fixo mentres realizaba a súa licenciatura en Estudos Hispánicos. Durante o posterior coloquio preguntáronlle por que escollera Galiza e o galego para a súa especialización nos estudos. A súa resposta abraioume pois contou que el atopou algo del aquí, e que sendo doutro país, cando fala galego séntese outra persoa, sente que encontra un dos seus moitos “eu”.

Así mesmo, tamén relatou que cando chegou por primeira vez a Galiza fora durante unha fin de semana xunto cun amigo, pero que ese tempo xa lle servira para quedar namorado deste lugar e dende o primeiro momento pensou que lle parecía un sitio tan noso e tan propio que foi o que o levou a centrar os seus estudos arredor da nosa lingua e da nosa cultura. Persoalmente esas palabras parecéronme preciosas pois a partir de aí foi, nas súas traducións, onde demostrou todo o interese que tiña sobre Galiza.

Ao longo da presentación, citou varias veces a Castelao lendo fragmentos (en inglés) da obra. Nas súas lecturas notábaselle un gran sentimento; o énfase que empregaba, o ton, a forma de ler, todo tiña un significado, e mesmo asegurou que aínda, tras lelo moitas veces, non podía non quedar conmovido co seu contido. Do mesmo xeito, nada máis comezar dixo que aínda que morrese o mestre os pupilos seguirían o camiño.

Tanto Craig como Clive Boutle (director da editorial)  afirmaron que a obra de Castelao debe difundirse por moitos máis lugares e que se debe de valorar toda a cultura que posúe o pobo galego xa que é única. Defenderon tamén que o galego debía de converterse nunha lingua máis universalizada e coñecida. Ese interese que teñen por dignificar a lingua galega faime reflexionar sobre os prexuízos que arredor dela se xeran aquí, polos seus propios falantes.

Por outro lado, contou que un dos motivos polo que escolleu a figura de Castelao foi porque tanto a súa persoa como a súa obra representan perfectamente a identidade galega e todo o seu entorno. Precisamente en homenaxe a el e todo o que representa decidiu vir presentar o libro a Rianxo o lugar natal de Castelao, onde se fixou en todas as estatuas e referencias ao autor que aquí hai.

Tal e como podemos ver, a labor e dedicación que dedicou Craig ao galego é fascinante. É algo único e é un verdadeiro orgullo coñecer a xente así que, sen ter nada que ver nun principio co noso territorio nin coa nosa lingua, diga que naceu inglés, ten pasaporte irlandés e corazón galego.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.