Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creador@s
Vítima

Ninguén o comprendería. Mais, se o comprendesen, a quen llo ía
contar? Para que? En canto o contas pasas de ser ti, de ter un nome e
unha identidade a ser unha vítima.
Pódeme a impotencia de non poder facer nada para cambiar a situación. O que máis me doe non é como me trata a min, senón como a trata a ela.

.descarga (3)
Todos os domingos chega borracho á casa e temos que nos agochar nos nosos cuartos para que nos deixe tranquilas. Non soporto ver como lle grita, como a insulta, como a menospreza. E o que máis me saca de quicio son as escusas que pon ela. Pero como o pode defender?

“Segue sendo teu pai”

Ese non é meu pai, eu non teño pai. Eu teño unha nai que fixo a
labor de pai e de nai cando o seu home se deu á bebida e só se dirixía á
súa filla para insultala ou berrarlle por non ser “a muller de proveito que
debería ser”.
Non, non son esa muller, non calo e baixo as orellas. Respondo.
Porque é o único que podo facer.
“A teu pai teslle que ter respecto”.
Pois que mo teña el a min, ou que llo teña a miña nai. Non podo
miralo á cara sen sentir asco e frustración. Non sei con quen estou máis
enfadada, se con el ou con ela por deixar que nos trate así. E non podo
dicirllo porque cada vez que llo digo bótase a chorar e párteme a alma
vela así. Así que finxo, finxo que todo vai ben, que non pasa nada. A ela
gústalle finxir, gústalle sentarnos todos á mesa como se fósemos unha
familia feliz. Celebrar os aniversarios os domingos a pesar de que el
sempre está borracho e acaba arruinándonos o día. A ela sempre lle
gustaron esas datas… Non o entendo, que quere? Sentir morriña?
No vídeo do meu quince aniversario tan só se escoita a meu pai
gritar e a min chorar, chorar de rabia e de impotencia.
E é que a impotencia me corroe por dentro. Crecín con medo. Con
medo a que me pegase a min ou a miña nai. Sempre asustada. E non
quero ter máis medo. Vivo nunha frustración continua. Frustrada por non
poder facer nada. Ela non quere chamar á policía polo “que dirán”. A súa
versión da historia é que o fai para protexerme, que esta é unha vila e á
xente gústalle falar demasiado, e cando fala é moi cruel. Mais a min a
xente deste pobo impórtame ben pouco. Eu o único que quero é poder
saír da miña habitación os domingos sen medo, poder estudar sen gritos
de fondo, poder ser feliz. Vivo nun eterno enfado comigo por non facer
nada máis que chorar todas as noites na cama, con ela por non facer
nada, e con el, por facelo todo.
Lembro cando era unha cativa e ía á casa de miña avoa. Cando me
viña recoller el eu choraba, berraba, suplicaba que me deixasen quedar e
que non me levasen co “home malo”. Miña avoa, coa súa mentalidade de
que se lle pega “por algo é”, levábame á forza onda el.
“El quérevos, á súa maneira”.
Sen dúbida a escusa que máis detesto. Iso non é querer. Iso non é
ser persoa nin é nada. Pero ela pensa que si, que se el non lle deixa ter
amigas divorciadas é porque “aprecia demasiado o noso matrimonio e
ten medo de que se acabe”. Que se el non lle deixa ter amigos homes é
porque “quéreme tanto que ten medo a perderme”. E se lle preguntas
porque aguanta todos os insultos dirache “xa o entenderás cando sexas
maior”. Espero non entendelo nunca. Chégame con ter un pai
maltratador, non me fai falta ter unha parella que faga o mesmo.
Eu non pido un pai perfecto, eu non pido un pai.
Eu só quero que ela faga as maletas e que nos vaiamos lonxe.
Eu só quero que cando a xente pase por diante da casa non escoite
como el nos grita.
Eu só quero durmir sen chorar, vivir sen medo.
Non quero que ninguén nos rescate, quero que saiamos adiante nós
soas, que ela sexa capaz de deixalo e me demostre que hai esperanza.
Eu só quero deixar de ser unha vítimaMano morada mujeres progresistas




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.