Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura
A chamada da selva

41vk4cmbOPL._SL500_AA300_por Selena Bermúdez (2º Bac. A)

Tras a descuberta de ouro no Ártico produciuse un enorme fenómeno migratorio cara as terras do Norte. Os emigrados precisaban cans para as duras travesías e foi así como Buck, fillo de san bernardo e pastor alemán, rematou secuestrado e levado en contra da súa vontade cara a Alaska e Canadá. A carraxe que a viaxe lle provocou rematou nun duro enfrontamento co “home de xersei vermello” que o domesticou a base de golpe de garrote: esa foi a súa introdución ao reino salvaxe das leis primitivas.

Os seus primeiros donos foron Perrault e François, ao que respeta profundamente e cos que inicia a súa etapa de aprendizaxe e loita pola supervivencia. Con el viven outros cans, destacando principalmente a tensa relación que mantén con Spitz. A medida que pasa o tempo Buck aumenta en vigorosidade e fortaleza o que levará ao enfrontamento final con Spitz e a consecuente morte do líder da manada. A partir de entón, Buck adopta a posición que anteriormente lle pertencera a Spitz co que consigue aumentar aínda máis as súas calidades.

Rematada a tarefa de transporte de correo que Perrault e François realizaban, vense obrigados a vender os cans que pasan a mans dun mestizo escocés que os somete a longas e monótonas xornadas de viaxe. O resultado foi o esgotamento dos animais que foron vendidos e suplantados por outros. Rapidamente o grupo de Buck foi comprado por un grupo de dous homes e unha muller que pretendían atopar o prezado metal amarelo do ártico. A súa inexperiencia e efectividade conleva a morte de moitos dos cans do grupo e incluso a súa propia morte tras a ruptura dunha placa de xeo. Nembargantes Buck fora salvado por John Thornton, polo que sente adoración e amor. Moitas son as fazañas que o can fai baixo a propiedade deste home chegando a salvarlle a vida en varias ocasións.

Thornton e os seus dous compañeiros parten cara a busca duns filóns de ouro. A viaxe é longa, mais frutífera. A partir de entón Buck séntese cada vez máis atraído pola chamada dos seus ancestros, dos seus instintos. Intérnase na fraga a miúdo, só volvendo polo amor que sentía polo seu amo. Unha semana pasou nela, intentando abater a un gran alce seguindo os métodos que a súa intelixencia e instinto lle suxerían. Finalmente a presa foi cazada e cando Buck volveu ao campamento atopouse cos compañeiros de Thornton mortos, atravesados polas frechas dos yeehats. A súa carraxe tornouse en furia e esnaquizou a todos os que puido en símbolo de vinganza.

Agora que nada o detiña, internouse para sempre no bosque integrándose nunha manada de lobos na que se converteu no líder. A partir de entón, os indios identificárono como o Espírito do Mal e viron como as xeracións posteriores de lobo foron mudando, facéndose máis fortes e adquirindo unha tonalidade branca, procedentes do xa can salvaxe Buck.

• COMENTARIO

O libro está cheo de referencias ao afloramento dos instintos de Buck, que permaneceran adormecidos durante xeracións e xeracións de domesticación así como o retorno a un mundo salvaxe e primitivo onde prima a loita pola supervivencia a toda costa. Así renúnciase aos aspectos morais da vida, propios dunha vida en sociedade que busca a xustiza entre os seus compoñentes, para vivir non no caos pero si nun mundo onde prima a individualidade e a superioridade física. Non existe o chamado xogo limpo. Non se pode confiar en nada nin en ninguén: a natureza é traizoeira.

Baixo o meu punto de vista o libro poderíase comprender como unha gran metáfora con varias interpretacións. Pode simbolizar a existencia dunha besta no interior de cada ser vivo, un animal salvaxe. Quizais é unha reflexión sobre a natureza humana, unha natureza violenta e inmoral que pode aflorar en determinadas condicións. Hai unha frase no libro que para min é clave: “Ou vences ou derrótante; se non matas, mátante; se non devoras, devórante; esa era a lei”. Creo que é o reflexo dun pensamento realista que perfectamente pode plasmar a realidade social tanto actual como ao longo da historia. O capitalismo actual, por exemplo, caracterízase porque o peixe grande come ao pequeno, que é o mesmo que Jack London describe con esa frase. É dicir, incentívase a competencia ata as últimas consecuencias, obviamente a morte non pode formar parte desas (para iso existe un código penal), froito de séculos de traballo para inhibir o máximo posible os malos instintos que impiden a vida en sociedade.

Así, os seres humanos foron evolucionando polo uso da razón, mais os instintos son, foron e serán fundamentais, xa que son o que nos permite discernir a primeira vista se unha persoa é boa ou mala, tomar decisións que requiren unha acción inmediata e en definitiva loitar pola supervivencia nun ambiente hostil.

Outra interpretación da obra podería ser unha transformación da personalidade e forma de reflexionar e ver o mundo por parte do personaxe principal que como ante unhas condicións cambiantes e incertas muda o seu carácter. Deixa atrás unha vida apacible no sur de EEUU para internarse nas frías terras de Alaska onde a lei é a do garrote e o colmillo.

Este cambio é gradual. Pasa da carraxe e a ira a un estado de espreita e aprendizaxe permanente como única maneira de supervivencia. Os sucesivos feitos que ocorren como a morte de Curly (un dos cans cos que vive inicialmente), que se mostrara amable en todo momento enducere o seu carácter, sérvelle de lección pois na natureza todo é inseguro.

Pero non por estas duras leccións da vida perde o sentido do amor e a confianza pois cada vez reafirma máis un estado de superioridade física que fai que calquera adversario sexa facilmente abatible polo protagonista. O amor chega cando coñece a Thornton. É unha relación de respecto e cariño mutuo que non impide que os instintos de Buck afloren cada vez con máis forza abocándoo á busca desa ancestral chamada.

A morte do seu amo, representa o último revés que a dura vida lle dá a Buck, que a partir de entón se deixa levar definitivamente polos instintos integrándose nunha manada.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.