Imaxe de cabeceira
Sabías que... / Retratos
Entrevista a Xurxo Souto

O xoves 27 de novembro estivo no noso IES Xurxo Souto. Xurxo falaunos do panorama musical galego e presentou o CD recompilatorio que fixemos desde o ENDL: Os quinse máis votados. Aproveitando a súa visita algunhas alumnas de 4º ESO fixémoslle a entrevista que segue:

 

- Imos empezar esta entrevista analizando algo da túa vida, xa que nos chamou a atención que naceses o 25 de xullo. Cres que isto marcou a túa vida?

- Eso foi culpa dos meus pais. Non marcou para nada a miña vida o que si que e unha data moi bonita, é unha festa estar de cumpleanos un día tan significado.

 

- A túa vida sempre estivo relacionada coa música, cando te adentraches neste mundo?

- Desde pequeniño, xa desde a escola, recordo que estudei nunha escola que se chamaba Moeche e que alí tiñamos clases de guitarra e despois que na miña familia tamén había músicos. O meu avó era músico e ademais sempre tiven un apoio familiar na música.

 

- Que significou para ti ser o vocalista d’Os Diplomáticos de Montealto?

- Unha experiencia marabillosa e sempre digo o mesmo: que a xente que non ten un grupo musical non sabe a experiencia, a felicidade extrema que presenta estar enriba dun escenario. Polo tanto, animo a toda a xente a que suba ao escenario e os que non queren subir eles o perden!

 

- Podes explicar o nome do grupo, Os Diplomáticos de Montealto?

- Si, Os Diplomáticos de Montealto si porque… a ver se son quen de resumir a idea. Falamos da Coruña, falamos de Vigo pero a Coruña  non é… non é unha unidade, está chea de moitos mundos, cada barrio é un universo. Eu son de Montealto, Montealto era aparentemente un barrio, agora cambiou moito, estaba feito de cemento, con casas vellas e con todo estaba cheo de vida. Entón queriamos reivindicar as cousas pequenas.

 

- Dentro da música galega actual, que nos recomendarías?

- Todo… é que somos unha canteira prodixiosa e hai todo estilo de músicas e todo estilo de músicas feitas en galego. Eu sempre digo o mesmo: somos un pobo de artistas, o que pasa que non nos daban unha oportunidade para expresarnos. Agora que nos dan esa ferramenta da lingua xorden marabillas dende a música de jazz, por exemplo, con Roberto Somoza, un saxofonista de jazz de aquí de Rianxo ata a música electrónica ou a música rap con Aid ou Dios que te crew.

 

- E se non nos cinguísemos só á galega, que nos recomendarías?

- Todas as músicas, é que… para poñernos metafísicos, non sabemos de onde vimos nin cara a onde imos, pero sabemos que estamos nun mundo en que podemos desfrutar da música dos demais, así como nós podemos producir moita música para facer máis feliz o mundo, polo que nós debemos escoitar e recibir sensacións positivas coas músicas de todo o planeta, desde Ceilán ata Singapur.

 

- Na actualidade presentas Aberto por reformas na Radio Galega, como resumirías esta experiencia?

- Pois… abraiante, sorprendente. Eu pensaba que a miña experiencia cos Diplomáticos de Montealto e mais os anos que estiven traballando na Coruña na cadena Ser (10 anos), pensaba, digo, que me deran un notable coñecemento da música galega, pero realmente non coñecía nada… Non coñecía nada e ademais tódolos días chegan novas xornadas de grupos, chegan novas ideas, chegan novas sorpresas… Por tanto é unha experiencia de creatividade absoluta e moi enriquecedora.

 

-E un programa como Aberto por reformas, depende da audiencia para seguir en antena?

- Da audiencia dependen todos os medios de comunicación, o que ocorre é que estamos nunha radio pública e a nosa obriga fundamental é atender aos artistas desta parte do mundo e ademais de defendelos, pois si, pois temos moi boa audiencia, co cal se demostra que as cousas boas e bonitas acaban triunfando na xente, diante dos tópicos e dos prexuízos.

 

- Parece que es unha persoa polifacética, xa que tamén participaches como actor en varias producións, gustaríanos saber por que en Mareas vivas, tiñas un papel tan vinculado coa radio?

 

- Claro, porque non son actor, e entón chamáronme para facer de min mesmo. Era a única solución que había. Creo que, é o que falabamos antes, paga a pena xogar con todo tipo de artes, pero claro, tamén é importante que coñezamos os nosos límites. Eu non son actor, non teño capacidade para a interpretación e mediante unha colaboración, o que fixen foi máis ou menos de min mesmo: “Furacán de Portozás”. Ben, “de Portosás”.

 

- E que é o que máis che gusta: ser actor, cantante…?

- É que é todo o mesmo, todas son formas de comunicación, cando escribes, cando cantas… o importante é que hai boas actitudes na vida. Ser espectador é o que fan os demais, que está moi ben, é moi interesante… pero tamén se poden facer cousas. E pódense facer regular ou mal pero a satisfacción intrínseca é marabillosa.

 

- Pois alegrámonos moito de que viñeses a Rianxo e grazas tamén por atendernos nesta entrevista.

- Ben, alégrome eu tamén, quedei moi contento coa entrevista e sempre que veño a Rianxo é unha festa.

Novas músicas



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.