Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Sobre o xadrez

O xadrez ten a súa orixe na India, máis concretamente no val do Indo, e data do século VI d.C. Orixinalmente coñecido como Chaturanga, o xogo do exército, difundiuse rapidamente polas rutas comerciais, chegou a Persia, e desde alí ó Imperio bizantino, estendéndose posteriormente por toda Asia. O mundo árabe estudou e analizou en profundidade os mecanismos do xogo, escribiu numerosos tratados sobre o xadrez e desenvolveu o sistema de notación alxébrica.

O xogo chegou a Europa entre os anos 700 e 900, a través da conquista musulmá da península Ibérica. Nas escavacións dunha sepultura viquinga achada na costa sur de Bretaña encontrouse un xogo de xadrez e na rexión francesa dos Vosgos descubríronse unhas pezas do século X, de orixe escandinava, que respondían ó modelo árabe tradicional. Durante a Idade Media, as penínsulas Ibérica e Itálica eran as zonas onde máis se practicaba. Xogábase de acordo coas normas árabes (descritas en diversos tratados dos que foi tradutor e adaptador o rei Alfonso X o Sabio), segundo as cales a raíña e o alfil son pezas relativamente febles, que só poden avanzar de casa en casa. Durante os séculos XVI e XVII o xadrez experimentou un importante cambio, e a raíña converteuse na peza máis poderosa do taboleiro. Foi entón cando se lles permitiu aos peóns avanzar dúas casas no seu primeiro movemento e se introduciu a regra coñecida como en passant (‘ó paso’), que permite capturar o peón que segue a súa marcha e non come a ficha que se lle ofreceu por unha determinada estratexia, e o revolucionario concepto do enroque. Os xogadores italianos comezaron a dominar o xogo, arrebatándolles a supremacía aos españois. Os italianos, á súa vez, foron desbancados polos franceses e os ingleses durante os séculos XVIII e XIX cando o xadrez, que foi ata aquel entón o xogo predilecto da nobreza e a aristocracia, pasou aos cafés e ás universidades. O nivel do xogo mellorou de maneira notable. Comezaron a organizarse partidas e torneos con maior frecuencia, e os xogadores máis destacados crearon as súas propias escolas.

OVELLAS ELÉCTRICAS.

Un artigo redactado por Vicente Verdú móstranos dúas competicións xadrecistas: A primeira é unha partida entre a Deep Junior e Kásparov. Kásparov é unha máquina liviá que conta con recursos profesionais á hora de xogar ao xadrez, pode calcular seis millóns de posicións por segundo, ten visión para anticipar as estampas do taboleiro así como capacidade para ponderar o valor dun alfil ou dun cabalo en función da escena concreta que marca a partida, é dicir unha máquina humana, que perdeu fronte á Deep Blue, unha máquina que pesaba unha tonelada e media composta de máis de 400 procesadores que xamáis vacilaban, con capacidade de calcular unhas oitentecinco millóns de posicións por segundo. A segunda competición foi moito antes, na época de Napoleón, cando este perdeu contra un robot tocado cun turbante chamado o Turco nunha partida de xadrez.

Estas dúas competicións teñen en común unha cousa: o humano perde fronte a unha máquina. Non obstante as reaccións foron diferentes: mentres Kásparov ou outro xadrecista actual incúlpanse do seu fracaso ante a máquina a Napoleón pareceulle inconcebible que o mecano o vencera.

Na actualidade os humanos aceptamos ser inferiores ás máquinas intelixentes, capaces de traducir, falar, ler… que incluso senten e deciden por si mesmas. “As máquinas- segue dicindo o artigo- permanecen espertas mentres nós durmimos, seguen lúcidas cando nos ofuscamos, oriéntannos para chegar ao destino, para superar as depresións ou o insomnio, para deter o coche ou para asar a carne”. “Son serventes pero, pouco a pouco, seres queridos”. En vista disto podemos preguntarnos o mesmo que se preguntou Philip K. Dick “Soñan os androides con ovellas eléctricas?”.

Con todo, as ovellas eléctricas, as Deep Junior, as Deep Blue, os cerebros elctrónicos e a intelixencia robótica que inunda a sociedade actual (sobre todo en Xapón) seguen envidiando o enxeño de Kásparov e de Vladímir Krámnik.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.