Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
As vítimas esquecidas (por Ismael Boga)

Hoxe en día non deixamos de ver nos medios de comunicación día si e día tamén catástrofes naturais que arrasan poboacións arredor de todo o mundo. Son moi recorrentes as falsas promesas dos grandes líderes políticos ao respecto, ocultando un interese económico detrás delas, e sufríndoas as persoas con menos recursos económicos. Acaso non é o mesmo que haxa un terremoto nun país rico que nun país pobre?

Non podemos comparar as infraestruturas de, por exemplo, California e Haití. Os edificios do estado americano están feitos con intención de que o edificio aguante calquera tipo de movemento de terra, mentres que as edificacións de Haití están feitas con menos coidado e precisión, tendo como consecuencia unha construción moi vulnerable. San Francisco é un lugar onde os terremotos xa son algo cotiá para os seus habitantes, sobre todo para os mais lonxevos, onde no ano 2008 un terremoto de magnitude 6 sacudiu durante un minuto a cidade. Por outro lado, atopámonos co terremoto de Haití dous anos máis tarde, o cal chegou á magnitude 7 na escala Richter, e aínda que a diferenza non foi abismal, as cifras si que o foron: na cidade estadounidense as vítimas foron de cero persoas, mentres que en Haití os mortos superaron as 315.000 persoas, sendo feridas 350.000 e damnificadas outras 1.500.000.

Non podemos negar que entre estas dúas catástrofes hai dúas grandes diferenzas, aínda que só unha delas pode ser chamada propiamente “catástrofe”. Os firmes e sólidos edificios californianos aguantaron coma se estivesen cravados no chan, mentres que en Haití a máis pequena casa caía como se fose feita de papel. Ademais das infraestruturas, a acción do goberno deixou moito que desexar. Nos Estados Unidos a actuación foi inmediata, sendo a cidadanía axudada dende un primeiro momento. En Haití non se puido actuar do mesmo modo, pois tras o terremoto un gran tsunami  arrasou coa costa. Cabe destacar que o mandatario haitiano fíxose ver dous días despois da traxedia, sen saber moi ben como actuar ao respecto.

Con isto, podemos observar que os países máis pobres non contan cun aviso de sismos tan avanzado como os dos países máis ricos e avanzados, como os Estados Unidos. En California as autoridades puideron actuar incluso antes de que pasase o sismo, mentres que no país caribeño sucedeu todo o contrario. Tamén queda patente que nos medios de comunicación se fala máis dos países máis avanzados que dos países pobres. Certo é que a desgraza de Haití tivo grande repercusión arredor do mundo, pero nun moi corto prazo as miradas deixaron de centrarse nese problema, o cal segue a ter moitas e malas consecuencias no pobo haitiano a día de hoxe, das que pouco ou nada se fala.

Queda clara a diferenza entre os países pobres e ricos á hora de ser afectados por un desastre natural como o xa mencionado. Os grandes mandatarios deberían de centrase máis en actuar de forma eficaz ante estes problemas, e en prometer menos, para levar a cabo un cambio en canto as construcións dos países menos avanzados, para evitar máis catástrofes e vítimas esquecidas, así como darlles a mesma importancia ás mortes de calquera persoa, independentemente da súa cor ou etnia.

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.