O luns 20 de xuño RianxoFala entrevista no IES Milladoiro a Susana López Carbia, xornalista e presentadora da TVG
Hoxe achegámosvos unha nova entrega das entrevistas realizadas no noso proxecto de Mentes Referentes que, como sabedes, realizamos o pasado mércores 8 de xuño.
Sabela Galbán contounos diferentes vivencias e anécdotas referidas ás súas experiencias musicais mais tamén se lembrou do seu paso polo IES Félix Muriel. Confiamos en que estes minutos de conversa sexan do voso interese e agrado.
Sen telo contemplado a principio de curso, participamos nunha proposta dun intercambio lingüístico e cultural co ENDL do Milladorio a través da radio; que deu lugar, neste mes de xuño, á realización de catro podcast conxuntos entre o alumnado do noso centro e o do IES Milladorio. O nome: “Mentes referentes“, obedece a que o obxectivo principal fose que o alumnado de cada centro localizase “mentes referentes” do seu concello, que traballasen en galego, e que llas presentase ao alumnado do outro instituto para que este preparase a correspondente entrevista.
Con este esquema de traballo estivemos no terceiro trimestre e, aínda que parte do proceso se desenvolveu de xeito virtual, argallamos dúas mañás de convivio e traballo conxunto que deron moi bos resultados. O mércores 8 de xuño foi o primeiro encontro en Rianxo, para que as reporteiras do Milladoiro entrevistaran a dúas mulleres referentes do noso concello: Maruxa Miguéns (do mítico grupo Os Rosales) e Sabela Galbán (compoñente do Cuarteto de biselas, Carapaus, Sés..) . Logo o pasado luns 20 RianxoFala trasládase ao Milladoiro para entrevistaren a Inés Suarez, integrante do grupo de música tradicional do concello de Milladoiro “As maianas” e mais á xornalista, presentadora da TVG, Susana López Carbia.
En ambos encontros compartimos, ademais dos estudos de gravación, unha troca de experiencias e de xeitos de traballar, que deu moi bos froitos, de feito temos pensado continuar no vindeiro cursos.
Dende hai décadas, especialmente a partir do ano 2010, obsérvase na lingua galega unha notable diminución de falantes e, polo tanto, ámbitos de uso, situacións que se retroalimentan e resultan nas cifras máis preocupantes ata agora rexistradas. Unha Lei de Normalización Lingüística ineficiente nos seus postulados, a perda de medios de comunicación en galego ou o progresivo deterioro da conciencia dos falantes son algúns dos motivos destes resultados.
Polo tanto, que se debe facer para frear o decaemento do idioma? Eis a cuestión de non tan difícil resposta: intervención institucional. É precisa a posta en marcha de plans que amparen o dereito a uso do galego e promovan a súa transmisión xeracional. Debe impulsarse dende a política un proxecto de normalización que deteña o proceso de substitución lingüística, acelerado en particular nas últimas décadas.