Unha literatura segreda. Unha lingua ilegal. Un réxime que pecha as portas á cultura. Unha cultura que segue viva, pero non na súa terra. Ela exiliouse tamén. Acompañou a Blanco Amor como unha pasaxeira no barco rumbo Arxentina, agochouse nos cadernos que carrexaba Neira Vilas e, moito antes, levouna Castelao nos seus petos ata Bos Aires. A cultura fuxiu con el, entre as súas roupas, os seus cabelos, nos cristais das súas lentes, no seu ollar. Levitaba no fume de tabaco que exhalaba, nos beizos e nas palabras que articulaba, no seu discurso, na súa convición, nas súas mans. A cultura exiliuse nas mans de Castelao, en cada unha das súas líñas, pregos, engurras. Ficou no seu corpo e moito máis adentro.
Mais non foi unha estancia permanente. A súa figura supuxo unha guía para a mocidade galega e galeguista, de nacemento e de pensamento. Esa cultura que gardaba compartiuna con moitos outros expulsados. Emigrantes como Neira Vilas ou Blanco Amor, que se consideraban tamén exiliados. Porque, que diferenza existe entre os dous termos? Exiliados e emigrantes. Uns con fame na cabeza e outros con fame no estómago. Eran bachareles, changadores, traballadores do sector secundario, mozos de almacén, con letras e formación. Eran galegos, seres valentes por cruzar un mar e polivalentes por usar a cabeza e as mans. Querían demostrar que non eran mulas ás que prohibir a entrada ó metro de Madrid, senón intelectuais. Viaxaban a Bos Aires, a quinta provincia galega, a capital intelectual do mundo, onde había 35 teatros con representacións abertos cada noite, onde as librerías eran 24h, onde uns mozos que non saíran da súa terra vían ante os seus ollos un mundo de posibilidades completamente novo.
Porque a situación no seu fogar era contraria á da grande cidade da cultura. Bos Aires era a Galiza libre. O único que as separaba: auga. A unha beira a esperanza da cultura, á outra a resistencia do pobo. Miles de quilómetros afastaban o berro do silencio. A voz duns exiliados e o mutismo doutros. O oubeo do externo e a reserva do interno. En cada unha desas catro provincias mozos coma eles, e non tan mozos, vivían presos nas súas propias casas. Obrigados a conter os seus pensamentos, a reprimir a ideoloxía, a gardar silencio. Solitarios en trincheiras infinitas. Trincheiras asentadas nos sitios máis recónditos dos fogares. Faiados incomunicados, sotos escuros, ou falsas paredes. Parece irónico, mais liberdade era recluírse indefinidamente nun cuarto de dez metros cadrados. E aínda que afastados dos exiliados en América, dos seus pensamentos, das súas obras, eles tamén compartían a idea de que o ser humano morre cando deixa de soñar. Por iso soñaban e berraban nos seus soños. Eran intelectuais, inconformistas, contrarios ao réxime, e moitos deles mestres. Mestres perseguidos e asasinados. Foxen da longa noite de pedra e deciden atrincheirarse antes que impartir a derradeira lección.
A cousa cambia nos anos 50. Morre Castelao e desaparece a fundametal figura do galeguismo no exilio, o principal comprometido co nacionalismo, republicanismo e democracia. Pero toda mala noticia trae consigo unha boa. Nese mesmo ano créase a editorial Galaxia. Con ela nace a posibilidade de publicar en galego. A literatura galega comeza a desenvolverse na súa terra. No canto de morrer olvidada nuns petos vacíos, ollos pechados e boca muda; no canto de ficar enterrada no camposanto da Chacarita, a cultura sobrevive. O berro vence ao silencio. E este non é un berro de dor, senón de liberdade.
Ante a suspensión das aulas, propoñémosvos ir máis alá do ensino regrado e descubrir un mundo novo, diferente, en galego: AULAS GALEGAS.
ESTA É A PRESENTACIÓN QUE PODEDES ATOPAR NESA PÁXINA :
Aulas galegas é un portal educativo realizado por un colectivo de profesoras e profesores sen ánimo de lucro que cremos que ante a situación de illamento provocada polo coronavirus Covid-19 debemos ofrecerlle unha axuda educativa á sociedade.
Aulas galegas nace para axudar o alumnado, as familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego.
A vocación deste portal educativo non é substituír as indicacións educativas que o profesorado lle faga ao seu alumnado no ensino regrado nin o papel das administracións educativas.
A nosa intención é ser unha fonte de recursos que sume no panorama educativo galego.
Para o alumnado e as súas familias publicaremos cada día material clasificado por nivel académico e materia para as etapas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Compartiremos contidos educativos de elaboración propia feitos especificamente para esta iniciativa e tamén outros que xa existen e que paga a pena divulgar.
Para o profesorado imos crear unha sección organizada por departamentos didácticos onde se poidan atopar páxinas doutro profesorado galego desas materias.
Estamos na casa pero non estamos parados. A educación en galego continúa.
Por: Adriana Vázquez (1ºBach-A)
Imaxe da Charla sobre Astrofísica impartida por Isabel Rebollido
A curiosidade é unha das cualidades que nos fai humanos, pero non só por ter esa espiña cravada, senon querer saciar esa ansia e querer quitar esa espiña de todos os xeitos e o máis rápido posible. Se isto o levamos ao campo do universo, non ía ser menos. Xa na antiga Grecia, os filósofos de entón buscaban unha explicación que xustificase porque nos atopamos hoxe aquí, de onde vimos, onde estamos vivindo… a día de hoxe, a astrofísica é a parte da astronomía que estuda as propiedades, evolución e nacemento dos astros utilizando os métodos e leis físicas coñecidas ata agora. Fai uns días, unha astrofísica boirense chamada Isabel Rebollido acudiu ao IES Félix Muriel dar unha charla sobre a súa especialidade científica, dando diferentes opcións de preguntas coma realizar cuestións sobre a súa elección de carreira ou simplemente, dirixidas a datos específicos sobre as múltiples curiosidades que teñamos sobre o universo. Para introducirnos un pouco na súa especialidade, dou unha serie de indicacións e ideas principais relacionadas coa astronomía, pero dende un punto de vista físico.
Existe dende sempre un grande debate arredor da toponimia galega. Deben os españois dicir os topónimos galegos na súa forma natural (o galego) ou poden “castelanizalos”?
A Real Academia Española reabriu este debate hai uns días, cando respondeu a unha muller que lle preguntaba cal das dúas formas era correcta en castelán: “voy a A Coruña” ou “voy a Coruña”. A RAE afirmou que a forma correcta dun castelanfalante sería dicir “La Coruña”, o que desatou moitas críticas por parte de galegofalantes aos que non lles gusta ver como cambian os seus topónimos e os converten ao castelán.
A ideoloxía dos membros da RAE pode percibirse dende lonxe; tanto en actos coma este como no seu empeño en que a forma correcta de designar a homes e mulleres en conxunto é a masculina, mostran a súa ideoloxía conservadora. Polo tanto ninguén se estrañou ao ver que defendían a castelanización de topónimos galegos.
E iso, a pesar do que recolle o marco legal actual. Pois a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística , emanada do Estatuto de Autonomía, a súa vez emanado da Constitución española, establece no seu artigo 10:
Nos últimos anos, o avance xerado en diversos ámbitos da nosa vida cotiá, máis elemental, foi de gran importancia. Moitos maiores din que moitas veces , é mellor abandonar os teus ideais e aceptar os da maioría resignado coa finalidade de evitar problemas. Lamentablemente, a falta de exemplos en determinadas situacións perxudicaríanos moito como persoas e sociedade.
En primeiro lugar, debemos pararnos a reflexionar que é un exemplo.Este termo pode ter diversos significados.Podemos referirnos a unha persoa á que consideramos como referente por determinados feitos que realizou a favor dun determinado colectivo ou movemento .Do mesmo xeito , este non é o significado máis común que realizamos deste termo, pois adoitamos empregalo como unha manifestación concreta e específica sobre unha área do saber que é do noso interese. Polo tanto, ter unha abundancia destes é necesario , pois os acontecementos que ocorren día tras día a nivel mundial básanse en feitos concretos, non en conceptos abstractos.
Despois dunha intensa loita durante anos, o Día das Letras Galegas será dedicado a Carvalho Calero
Como ben sabemos, este ano 2020 é o de Carvalho Calero, autor fundamental na literatura do noso idioma ao que se lle adicará o Día das Letras Galegas. Así pois, nado en Ferrol no 1910, foi un filólogo e escritor licenciado en Dereito e Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela. Converteuse polo tanto nun dos primeiros licenciados nesa rama, ocupando tamén a cátedra de Lingua Galega e Literatura, creada recentemente naquela época.
Trátase dun autor moi prolífico, escribindo numerosas obras en galego e tornándose unha figura clave no ámbito galeguista e de recuperación do prestixio do noso idioma. Foi polo tanto a súa labor tan comprometida, que tivo presenza nun gran número de proxectos destinados á recuperación do prestixio do galego. Así pois, destaca a súa colaboración na revista Nós, a súa militancia no Partido Galeguista, no cal ingresou no 1927 ou a participación na redacción do Estatuto de Autonomía. Máis tarde no 1958, entraría na Real Academia Galega e publicou obras como Historia da literatura galega contemporánea, ou Vieiros.
Os exemplos son fundamentais no noso día a día. En canto a nosa lingua, cómpre ter exemplos, persoas que a usan, que a normalizan e que demostran que pode ser utilizada en todos os ámbitos.
Dende sempre os seres humanos buscamos exemplo en outras persoas. Cando somos pequenas buscamos ser como as personaxes de películas ou famosas ás que admiramos. Pero non só o fan os rapaces e rapazas, sucede en todos os ámbitos, por exemplo, no caso do colectivo LGBT, agradecen que persoas famosas lle dean visibilidade á súa causa, como é o caso de Billy Porter. Se unha persoa que lles gusta aos rapaces e rapazas é feminista, pode abrirlle a mente. O mesmo pasa co galego, necesítanse persoas que o usen e o normalicen.
O 8 de marzo celébrase todos os anos o Día Internacional da Muller. Isto é así porque, nese mesmo día, hai máis de cen anos, moitas mulleres foron asasinadas mentres loitaban polos seus dereitos. Con todo, hai determinadas mulleres que loitan por un feminismo “dunhas poucas”.
O feminismo é o movemento que pretende conseguir os mesmos dereitos que teñen os homes, para as mulleres. Isto é, non o contrario de machismo, senón unha forma de buscar a igualdade. Polo contrario, o feminismo burgués, buscaba os dereitos desas mulleres con cartos, as que podían estudar, pagar un aborto, etc. Quen pensa nesas mulleres máis pobres? Non merecen os mesmos dereitos que as ricas?