Pasou maio e o día das Letras galegas, pero non acabou o ano Novoneyra. Deixámosvos aquí un poema que a nós nos gustou moito.
Aquà presentamos aos catro rapaces gañadores dos premios do concurso de lectura, un deles ten o premio de recitado e os outros tres os premios de lectura en alto.
Ti que es de Rianxo ou de Taragoña ou de Asados ou d´O Araño ou de Leiro ou de Isorna ou de toda canta parte e parroquia haxa que sabes porque cho dixeron ou cho contaron ou o viviches ou o pensaches ese conto ou historia irreal ou asunto investigado ou anécdota ben un costume ou tradición mariñeira rianxeira da Guadalupe ou doutras festas e aconteceres relixiosos
TERRAS altas e craras da Lucenza
onde se ollan cerca as serras lonxanas!
Voan as aigas cas áas abertas
levando a sombra polas penas brancas
i as erbas douradas e sanguiñentas.
Eu son esto que vexo e que me vei:
………………………………………………………
Cebreiro! Faro! Iribio! Cervantes!
Ancares!
Capeloso!
Montouto! Rebolo!
Cumes mouros do Courel!
Serras longas
De Oencia e Val di Orras!
O cor
preso no silencio antergo dos tesos
sólo sinte a presencia do sol…
Inmensidade da terra i o ceo!
COUSOS do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ningués foi nin ha d´ir!
O lobo! Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola e máis medosa…
Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.
OS soños negros i os xeitos broucos da noite
nun emboltoiro polos carreiros do monte.
VEO o tempo dos bullós
e de porse tral´o lume.
Polo alentó e polo fume
hase indilgar de nós…
NEVA venta e fai fume.
vense a xentre tralo lume
i axóugase toda encol
ó cariño do remol.
Fora riba do lousado
óllase por un furado
nevar a copo tendido
e logo a entretecido…
CHEGA a hora d´irse á cama.
O lume xa non dá fume
nin chama.
Tras tantas cousas contadas
van indo acabadas
as ganas de falar.
O ollo do lume
xunta nunha as miradas…
………………………………
Queda a brasa das ragoadas
amontoada no lar.
FIANDEIRA namorada
que fías dertralo lume
cos ollos plostos nas chamas
roxiñas brancas i azules.
fiandeiriña que fías nas noites do longo inverno
as liñas máis delgadiñas
co fío do pensamento.
Cai a neve que fora
riba dos teitos calada
mentras ti fías e soñas
nunha cousiña lonxana…
-FIANDEIRIÑA delgada
Sempre metida a fiar
Sempre a fiar e soñar
Para logo non ser nada.
-Para logo non ser nada
Eso inda está por ver
E pois cas frebas do liño
Ó torcelas de camiño
Algo se ha de prender.
-Algo se ha de prender
I afé que tiñas razón
Que eu estábache mirando
Sin deñar que encantenón
Íbame indo namorando.
1954
Uxío Novoneyra naceu en Parada de Moreda, Courel, en 1930, fillo dunha familia de labregos. Esta terra será o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, até a súa morte no ano 1999.
Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
Nos seus textos, Novoneyra explicita o seu compromiso nacionalista e marxista (especialmente na época en que estes temas son protagónicos na literatura galega), sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma poética e mais pola linguaxe, pesquisando na materia lírica até conseguir o mellor resultado visual e —sobre todo— sonoro para os textos (botando man para tal efecto de diversos recursos como o fonosimbolismo, a utilización de dialectalismos e vulgarismos, os silencios, o simbolismo gráfico, etc) .