Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Artigos nesta sección:

O pasado venres, no auditorio de Rianxo, non só se representou unha obra de teatro. Representouse a vida, a vida dun ente. Un ente que todos temos presente cada día, un ente que nós precisamos para vivir, pero que tamén precisa da nosa axuda: a lingua galega.

Só dous actores e unha hora e media chegaron para resumirnos a súa vida, a súa historia, e como bos galegos que son Carlos Santiago e Pepe Penabade, sempre dende a retranca.

A representación levounos dende os celtas, pasando polas cantigas, ata a substitución nobiliaria dos reis católicos. E, finalmente, leváronnos á cidade da cultura na actualidade; onde, dende o humor, buscaron un uso para esa edificación, chegando á conclusión de que farían un restaurante, e que debido á súa falta de clientela chamarían a Chicote. A este cociñeiro explícanlle que o único prato que teñen é lingua, lingua que na fonte tería “complementos”, como pode ser o seseo e a gheada. Eu interpreteino como se o que realmente quixeran facer coa cidade da cultura fora un lugar onde se prestixie a lingua galega en todas as súas variantes e onde todos poidamos nutrirnos con ela.

En conclusión, unha obra moi entretida, perfecta para enriquecerse culturalmente á vez que botas unhas risas. Ademais, teño que destacar a boa actuación dos actores, manténdonos sempre cun sorriso na cara e sabendo como levar, só entre os dous, un texto tan rico e amplo. Con catro cousas e moita retranca, mantivéronnos cos ollos ben abertos case dúas horas. Así foi que ao rematar, acollémolos cun gran aplauso que parecía que nunca ía rematar, cun futuro incerto, como o da lingua da que eles tanto falaron en “Falar por falar”.

O venres día 22 de novembro representouse unha obra de teatro no auditorio de Rianxo. Titulábase “Falar por falar” e estaba protagonizada por Carlos Santiago e Pepe Penabade. Estes falaban sobre a historia da lingua galega e as súas anécdotas persoais.

Un era de Santiago de Compostela e outro do medio rural. Falaron de como o galego estaba mal visto na sociedade en xeral, no seu tempo, pero máis no ámbito do primeiro que no do segundo. Na escola, non podían falar galego e incluso lles pegaban se os oían. A situación cambiou ata o punto de que, antes falábano e non lles deixaban e agora que se pode, non se fala. Con todo, o pai dun pegoulle por contar un chiste en galego diante dos seus amigos. Tamén cantaron unha canción de rock en galego, coa que un deles abriu a súa mente e comezou a falar a nosa lingua.

Destacaba como portada do cartel, a figura de Chelo Rodríguez, muller indispensable no labor de axuda aos presos.

O pasado venres 4 de outubro, celebrouse na zona onde se situaba o antigo campo de concentración de Rianxo, unha merecida homenaxe a todas aquelas mulleres, coñecidas como as madriñas, que foron represaliadas durante a guerra por loitar polos seus ideais, aqueles que aínda hoxe se miran con malos ollos.

Neste sentido, foron moitas as personalidades que tomaron voz neste acto tan especial, destacando por exemplo, en representación do noso instituto, o IES Félix Muriel, á actual xefa de estudos, Amparo Cereixo, así como outras moitas que se quixeron sumar a visibilizar as atroces situacións que se viviran.

Todas as que alzaran a súa voz nun silencioso berro de repulsa, amosaron verbalmente situacións de vexacións continuas, a presos e sobor de todo a presas, mulleres que eran rapadas ou mesmo violadas, para así chegar a unha conclusión común, evitar que esta triste historia se repita.

O Venres en Rianxo presentouse o libro  de Luís Rei Nuñez O libre pensamento. Este acto non podía realizarse nun lugar máis apropiado que o da vila mariñeira, posto que o contido da obra fai un percorrido pola vida do escritor que viviu en Rianxo, loitando pola identidade da súa terra e da súa lingua. O acto ademais tiña unha capa de maxia a maiores, pois as palabras do escritor resoaban entre as catro paredes onde nacía un 29 de xaneiro de 1899 o escritor Rianxeiro e onde sufriu 82 anos despois unha caída polas escaleiras que o fixo entrar nun estado de coma do que non se puido recuperar, falecendo o 15 de outubro.

Uns amigos do escritor relataron a historia do día da súa morte. Quedaran para ir velo, pois coñecían o seu estado de saúde. Deuse a casualidade de que, cando chegaron ao Hospital, atopáronse con Rafael recén falecido. A muller pídelles que baixen a cubrir a “esquela” (castelanismo moi asentado no galego, empregado por Santos, en vez de utilizar necrolóxica). Os dous homes erran ao ordenarlle ao ascensor o piso ao que deben ir, e este lévaos á planta máis baixa, onde se atopan con Rafael Dieste morto. Santos conta que non souberon que dicirlle, pero que Rafael botoulles un sorriso, algo que ningún dos dous vai esquecer. Esta anécdota foi imprescindible na presentación da súa biografía, pois deixa ver a parte humana do ilustre rianxeiro. Posto que para a xente máis nova de Rianxo, a morte do seu veciño non é hoxe un recordo palpable, todos coñecen a importancia que tivo para a súa terra e para súa lingua, pero non a súa faceta como coñecido e querido rianxeiro.

O venres 11 de outubro asistín á presentación do libro “Rafael Dieste. O libro pensamento” de Luís Rei Núñez. Este libro conta a vida apaixonante dun dos escritores máis importantes da cultura galega.

    A presentación tivo lugar na casa de Rafael Dieste, en Rianxo, ás 20:30 horas. Comezou facendo unha pequena introdución o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, comentando que a casa na que estabamos aínda se atopaba en obras e que somos afortunados por poder visitala. Logo desta introdución por parte de Adolfo Muíños, tivo a oportunidade de falar Amparo Cereixo, profesora de Lingua Galega e Literatura no IES Félix Muriel, quen destacou, entre outras moitas cousas, que Rianxo é unha vila chea de cultura xa que nela residiron tres dos personaxes máis destacados da historia de Galiza: Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio. Xosé Ricardo Losada, profesor de Filosofía, entre outras materias, no IES Félix Muriel, rematou a introdución citando aspectos esenciais da vida de Rafael Dieste. Finalmente, Luís Rei Núñez, escritor do libro, contounos o que supuxo escribir esta biografía e a razón pola cal decidiu escribila arredor de Rafael Dieste. Tamén contou que coñeceu ao mesmo Rafael nos seus últimos anos de vida e que visitou a súa casa.

                 Luís Rei Núñez é escritor, xornalista e político galego. Comezou a súa carreira literaria en 1982 con “Para matar ao tempo”. Ademais foi Xefe da sección de Cultura da TVG e nas eleccións municipais de 2015 foi o cabeza de lista por Marea Pontevedra, e foi elixido concelleiro. Escribiu poesía, narrativa, ensaio, literatura infanto-xuvenil, traducións, entrevistas e obras colectivas.

A obra teatral “Unha primavera para Aldara” sitúase no 1468 nun convento de Galiza, no momento en que transcorrían as revolucións irmandiñas.

A obra comeza con Sabela e Xoana falando dos malos tempos que acontecen no seu país. Sabela é a noviza do convento, cunha mente moi imaxinativa ata o punto de rozar a inconsciencia, ten unha perspectiva da realidade diferente ao resto das monxas. Xoana é unha monxa moito máis realista, pero tampouco cumpre o prototipo de devota cristiá dende o primeiro minuto da representación.

Os cabaleiros que loitan cos irmandiños encárganse de sementar o terror. Cóntase que todos os fillos primoxénitos das parellas de recén casados, nacen con cara de cabaleiro. Hai unha infinidade de malos tratos e violacións.

Aldara é a abadesa do convento, unha muller moi preocupada polas súas monxas e as cuestións sociais e non tanto polo culto a deus. Ela é consciente do que ocorre, polo que ao comezo da obra prohíbelle a Karola (a boticaria do convento) saír, xa que unha muller fai 500 anos tiña que andar con medo, aspecto que non cambiou demasiado na actualidade. Outra das preocupacións que tiña Aldara na cabeza era a da protección de Elvira.

O pasado venres tivo lugar un acto en homenaxe ás mulleres loitadoras que axudaron aos prisioneiros que se atopaban oprimidos no campo de concentración de Rianxo. Este acto tivo lugar en fronte dese campo de concentración onde antano milleiros de homes foran retidos. Do que non se fala tanto é de que non só eles foron castigados pola súa ideoloxía, senón que tamén moitas mulleres das que non oímos falar tanto como sería necesario, tamén foron silenciadas, rapándoas, paseándoas…

Chelo foi unha desas mulleres, recentemente falecida, que axudara nos seus tempos mozos aos homes que estaban no campo de concentración, levándolles mantas, comida e útiles necesarios para a súa supervivencia.

Ademais disto, aínda que aparentemente parece ser só unha coincidencia, ao fondo víase a imaxe de Castelao pintada recentemente, que sempre é un agrado á vista, e máis cando escoitamos a alguén falar de xente que loitou polos seus dereitos coma el o fixo pola súa lingua.

Por outra parte, o grupo de teatro Airiños representou (e estreou) unha obra progresista, mais contextualizada nos tempos antigos. Abordaba o machismo nunha sociedade antiga, se ben, daquela era máis doado loitar polos dereitos sendo home e non muller. A obra abrangue unha temática lgtbi que antano estaba moi mal vista, polo que se dúas mulleres ou dous homes se querían, tiñan que quererse a escondidas.

O venres 4 de outubro celebráronse en Rianxo dous actos: unha homenaxe ás mulleres republicanas solidarias e a obra de teatro “Unha primavera para Aldara”.

No primeiro, explicáronnos que as mulleres se opoñían ao Estado dunha maneira particular, sendo solidarias cos homes que estaban presos no campo de concentración. Normalmente, elas non eran as arrestadas, pero nese lugar había moitas persoas encerradas en moi malas condicións. Polo tanto, ían a darlles comida e coidalos, isto axudábaos, ademais de a sobrevivir, a saber que aínda había xente que se preocupaba por eles. Debido a isto, elas tamén foron maltratadas (rapábanlles a cabeza, etc) algo que non nos adoitan contar. Ademais, este ano a homenaxe centrouse nunha persoa en particular, Chelo.

77 Artigos |   | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | 6  | 7  | 8  | 9  | 10  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.