Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Artigos nesta sección:

Resultado de imaxes para sempre en galizaO pasado xoves dezaoito, ás oito e media da tarde, tiven a honra de asistir a un acontecemento histórico en Rianxo: a presentación de Forever in Galicia, a primeira tradución ao inglés, resultado de catorce anos de traballo, do Sempre en Galiza, de A.D.R Castelao.

A verdade é que tiña un total descoñecemento do que ía pasar, non sabía como se desenvolvería a velada ata que, unha vez sentadas todas as persoas que alí nos atopabamos, Craig Patterson, o tradutor da obra, deu lectura a un fragmento da mesma, na que se relataba a ascensión de Alexandre Bóveda ao ceo. Como comentou a continuación Raquel García, a concelleira de Normalización Lingüística, aínda que o mestre xa non estea, quedamos os seus pupilos.

Logo, procedeu a intervir Clive Boutle, director da editorial, mencionando queResultado de imaxes para forever in galicia el non sabía se Craig falaba ben galego, pero que soaba moi ben na boca do tradutor. A continuación animounos a seguir utilizando a nosa lingua, posto que vivimos nun momento no que debido á globalización existen problemas en canto á identidade, á cultura e á lingua, como apuntou o empresario inglés. Ademais, sería conveniente facer referencia a que a súa editorial, Francis Boutle Publishers, xa publicara anteriormente Breogán’s Lighthouse, unha antoloxía da literatura galega con poemas traducidos ao inglés.

Cabe facer unha pequena pausa para realizar unha mención especial ao dominio por parte de Patterson do galego, pois, ademais de ter un acento moi bo, utilizou expresións totalmente galegas que non me esperaba escoitar del. Tamén vexo necesario confesar que quedei totalmente fascinada co sentimento e o ton que puxo ás lecturas que fixo de tres partes da obra, sentimento que os e as presentes puidemos percibir perfectamente aínda que fose en inglés.

O xoves 18 de outubro presentouse en Rianxo a obra Forever in Galicia, tradución ao inglés do Sempre en Galiza de A. R. Castelao. Foi un acto ao que asistín xunto con moitos outros compañeiros e compañeiras do instituto IES Félix Muriel e onde presenciamos algo realmente digno de admirar.

Cando cheguei alí o primeiro que pensei foi que sería unha charla en inglés, pero a sorpresa foi observar o dominio que o tradutor da obra, Craig Patterson, ten do noso idioma.  Orixinario do Reino Unido contou que o seu achegamento á cultura galega foi durante un Erasmus que fixo mentres realizaba a súa licenciatura en Estudos Hispánicos. Durante o posterior coloquio preguntáronlle por que escollera Galiza e o galego para a súa especialización nos estudos. A súa resposta abraioume pois contou que el atopou algo del aquí, e que sendo doutro país, cando fala galego séntese outra persoa, sente que encontra un dos seus moitos “eu”.

O pasado xoves 18 de Outubro, tivo lugar no auditorio de Rianxo un acontecemento histórico, a presentación de Forever in Galicia, a tradución ao inglés do Sempre en Galiza de Castelao. Digo o de acontecemento histórico porque non todos os días é traducido ao inglés un libro galego, servindo como medio de difusión da nosa cultura por todo o mundo. Como dixo nada máis comezar a presentación do libro o seu tradutor, Graig Patterson “agora calquera de Boston ou mesmo de Australia poderá desfrutalo”.  Que isto fora posíbel debemos agradecerllo por suposto ao seu tradutor pero tamén ao editor que lle deu esa gran oportunidade  e confiou nun dos grandes libros da literatura galega.

Ao longo de toda a presentación o tradutor leu (en inglés) os que para el eran algúns dos fragmentos máis importantes do libro e contounos (agora xa en galego) a historia de como se namorara da lingua de Galicia tras unha viaxe a Compostela nos anos que estudaba Hispánicas na Universidade. Segundo declarou, quedou prendido da cultura galega e agora afirma sentirse “irlandés de pasaporte pero galego de corazón”. Así mesmo o editor do libro, que non sabe galego, insistiunos: “rogo que sigades falando galego porque senón perderase todo un mundo, unha grandiosa cultura”.

77 Artigos |   | 1  |   | 5  | 6  | 7  | 8  | 9  | 10
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.