Imaxe de cabeceira
PROXECTOS DO EQUIPO / Proxectos feitos / ...
100 primaveras máis lendo en galego
Artigos nesta sección:

Colección de fotopoemas elaborada polo alumnado de 3º

ESO, para desenvolver a actividade do proxecto Rianxo 2112 do ENDL

PEPE de Vence sentárase a botar unha sesta sentado decontra o palleiro grande, cuberta a cachola e máila cara cun pano, e derriba o sombreiro, caído dende a fronte deica ao mentón. Pepe de Vence era o labrego máis rico do val de Romai, ou polo menos eso se decía a sí mesmo cando iba de camiño ás suas leiras, aos seus prados, ás suas carballeiras, ou aos seus montes co rastro a carregar moido pra as cortes.
      -¡Coido que non hai outro máis rico que eu no val!, decíase en voz alta. ¡Como non haxa algún que se faga pasar por pobre e teña cartos escondidos!
      Naquela sesta tan boa que estaba botando Pepe de Vence, despertouno alguén que lle petaba nas solas dos zocos. Abríu os ollos, e por ver quén era quitou do rostro sombreiro e pano. Era un corvo.
      -¡Vaite, coño!, díxolle Pepe ao corvo. ¡Fai un mes que te atopo en todas partes!
     
-¿E en qué me conoces?
      -¡En que andas medio torto!
      O corvo dixo que sí, pro que non era por imitación e burla de Pepe de Vence, que tamén era un algo esguiado do lado dereito, e ainda se podía decir que coxeaba.
      -¡Non por imitarte, xa que eres o máis rico do val, senón que ando doente!, dixo o corvo. E o andar tras ti, é que me puxo a réxime o médico de Silva. Vaia, non foi o médico. Foi que Xusto Cabaleiro foi ao médico, e eu estaba ouvindo todo. O Xusto ten o estómago desgastado, de tanto porco e tanto viño, e o médico díxolle que tiña que estar un ano a leite, carne da obriga cocida ou bistés á plancha, e si viñan pescantinas á feira de Cadavedo, algo de pescado cocido. Xa che dixen que escoitara todo, e resulta que todo o que lle pasa a Xusto Cabaleiro co seu estómago, pásame a min co meu.
      -¿El é que teño eu que ver con éso? Con Xusto Cabaleiro tiven un pleito por unhas augas e ganeino, e non me volvín a falar con el.
      -Non se trata de Xusto, home, que se trata de min. Chámome Estanislao, pra servirte, e nacín por derriba das tuas xesteiras de Abroso, e toda a vida miña paseina voando sobre as tuas propiedades, e ganando a vida nelas. E como eres o máis rico do val, eres o único que me podes axudar a manter por un ano o réxime pra estómagos desgastados que pon aos doentes o médico de Silva.
      -¡Nin que foras meu pai!, díxolle Pepe de Vence ao corvo.
      -Veño a ti polas boas, Pepiño. Eu sei toda a tua vida, e ónde te ves con Petra, a do peatón, e que levas de mirón ás partidas ao teu sobriño Cosme, pra que faga señas dándoche o naipe do contrario, e que fuches de testigo falso a Lugo no caso dos paus que houbo en Remourelle, e que cobrache vinte pesos e comido e bebido… Podía porme a propalar todas estas faltas tuas, pro son un corvo pacífico que quero sanar o meu estómago.
      Pepe de Vence considerou o caso. O corvo estaba diante del, fraque, envellecido. Despois de todo, nacido por derriba das suas xesteiras de Abroso, e criado e mantido nas suas leiras, era cáseque da sua propiedade, cando non da sua familia. Pra sere o máis rico do val soio lle faltaba ser o dono do corvo Estanislao.
      -Pois cala todo, díxolle Pepe ao corvo, e conta co leite, coa carne da obriga, co bisté á plancha, e si cadra haber peixe fresco, co peixe fresco. ¿E non queres ningún xarabe, nin bicarbonato, nin nada de botica?
      -Nada. Dixo o médico de Silva que abonda cun ano de réxime.
      E así foi que Pepe de Vence iba todos os días a un certo lugar da chousa de Bravos, e deixáballe alí unha cunca vella chea de leite e máis algo de carne ou de peixe ao corvo, quen o agardaba puntual.
      -¡Eres un cristiano compasivo!, díxolle un día o corvo, que non parecía ir pra diante, e ainda estaba cada día máis ensumido e máis fraque, e tamén perdera algo de vista.
      -Si queres uns anteollos, non chos nego, ofreceuse Pepe de Vence.
      -¡Esto váise, Pepiño! ¿Por qué non me trás mañán unhas papas de arroz!
      Ao día seguinte pepe foi tarde a levarlle a parva ao corvo, que tivera un tratante de Meira na casa que viña a mercarlle dous xatos. Cando chegou á chousa, atopou a Estanislao morto, caído a carón da cunca do ieite. Pepe cunha pedra cavoulle sepultura a Estanislao  ao pé dun amieiro, e volveuse pra a casa coa xerra chea de papas de arroz. Requentounas e papounas de merenda.
      Pasaban os días, e Pepe de Vence botaba muito de menos ao corvo Estanislao, procuraba achegarse a outros corvos que andaban picando nos sucos da sementeira, pro nono agardaban. Sentía non ter falado con Estanislao da familia. Ao millor quedáralle algún fillo a quen darlle o pésame, ou unha viuda. Tamén lle pesaba non terlle preguntado por qué se chamaba Estanislao.

Estes son os debuxos que fixeron alguns alumnos e alumnas para ilustrar o texto de Cunqueiro “Marcelino Pardo” máis coñecido como “O gatipedro”

Dentro do programa "100 primaveiras máis lendo en galego" relizouse un concurso de lectura de textos de Cunqueiro, o xurado tivo moi difícil a resolución do concurso

.

Non me lembro si esta Rosa Martiño era de Betanzos ou de Noia. Diante da casa onde nacera e vivía cos seus pais, había unha reloxería. Como o reloxeiro era parente dela, un coxo mui bigotudo, Rosiña iba alí cada día, e afíxose a estar entre os relós, e pasaba as horas vendo a seu parente amañar os relós averiados. Cando chegou aos doce anos, dixo que quería adeprender o oficio. Era entón unha mociña roiba, espigada, mui lucida de pernas, e sempre sorrindo. A nai quería que fose peluqueira de señoras, e o pai coidaba que tan lista como era, que seguro que podía estudar pra mestra na Normal de Santiago. E Rosa terqueaba que ela sería reloxeira ou nada.

─¡Non se sabe que haxa reloxeiras en ningunha parte!─decíalle a nai.

─¡Pois entón serei a primeira reloxeira do mundo!

Consultado un amigo crego, dixo que a reloxería era un oficio mui decente, e que si a nena se daba maña e o parente aquel a ensiñaba, e a deixaba por herdeira da tenda, que non tiña fillos, Rosa tiña o porvir asegurado. A Rosa xa todos a conocían pola Reloxeira. Pro a nai non cedía. Iba a buscala á reloxeria do parente, berraba con este, e que nada de facer herdeira á pequena. As cousas puxéronse tan mal pra Rosa, que decidiu marchar para Buenos Aires, coa axuda do parente reloxeiro, que choraba ao perder aquela axudanta. Xa en Buenos Aires, non lle foi doado atopar traballo nunha reloxería. Ao fin, por amistades, tomouna a proba un reloxeiro suízo, viúdo. Rosa probou que sabía mui ben o oficio, e foi mui apreciada. Xa era entón toda unha moza, arroibada, metida en carnes, e seguía sorrindo, e namentras traballaba, tarareaba cantigas galegas. Todos os que traballaban a seu carón, e ainda o suízo viúdo, querían casarse con ela. Rosa daba a todos mui boas palabras, e deixábase convidar ao Colón e a merendar patatas á inglesa.

Un día chegou á tenda un brigadier que se chamaba Borges, e era home con muito mando, e andaba o máis do tempo a cabalo, vixiando as avenidas da capital. Unha sociedade italiana agasallárao cun fermoso reló, pro cando o brigadier Borges quixo poñelo en hora e darlle corda, resultou que o reló non andaba. O suízo viúdo doullo a Rosa pra que o reparara. E tras dúas horas de estudo do reló, Rosa díxolle ao patrón que aquel reló non estaba feito pra andar, que non tiña as pezas precisas. O suízo viúdo estudou tamén o reló, e tiña razón a Rosa: eran catro pezas cuadradas e unha especie de mecha todo o que tiña dentro. Chegou o brigadier a buscar o reló, e déronlle a noticia de que era un reló de trampa, todo apariencia, e que tal como estaba a ciencia da reloxería, que non podía andar. Que quizabes andivera cando viñeran outros adiantos, pro que no día en que estabamos que non, e que máis parecía burla. O brigadier saíu a cabalo a buscar aos italiáns do agasallo, pro nonos atopou. Ao día seguinte caíu do cabalo, cando saía a seguir a busca dos calabreses, e morreu dun ataque ao corazón. Co disgusto e a rabia.

Ninguén veu buscar o falso reló. Rosa seguía sorteira, e de vez en cando tomaba unha hora pra estudar a peza, que tiña unhas fermosas tapas, cunhas corzas en releve. Unha mañán, co reló na man,  cheiroulle a queimado. Abriu o reló e estaba ardendo aquela mecha marela que tiña, e toda a maquinaria púxose ao roxo vivo. Rosa tirou o reló ao chan. O reló estoupou. Era un atentado contra o brigadier Borges, preparado polos italiáns, e que se produciu cun ano de retraso. Rosa saíu en xornais e revistas, e aparecéronlle muitos pretendentes. Ao fin, como sempre estaba pensando en volver a Noia ou a Betanzos, casou cun piloto mercante. pro resultou que o piloto non quería seguir navegando, que o que quería era exercer o oficio de reloxeiro. O suízo viúdo meteuno na súa tenda. Así é a vida.

Vídeos do concurso de contacontos  recitado e lectura de textos de Álvaro Cunqueiro dentro do proxecto "100 primaveras máis lendo en galego", celebrado no IES Félix Muriel durante o mes de novembro

 

Dentro do proxecto 100 primaveras máis lendo en galego tamén os profes leron textos de Cunqueiro.

 

26 Artigos |   | 1  | 2  | 3  | 4  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.