Imaxe de cabeceira
PROXECTOS DO EQUIPO
Artigos nesta sección:

Non me lembro si esta Rosa Martiño era de Betanzos ou de Noia. Diante da casa onde nacera e vivía cos seus pais, había unha reloxería. Como o reloxeiro era parente dela, un coxo mui bigotudo, Rosiña iba alí cada día, e afíxose a estar entre os relós, e pasaba as horas vendo a seu parente amañar os relós averiados. Cando chegou aos doce anos, dixo que quería adeprender o oficio. Era entón unha mociña roiba, espigada, mui lucida de pernas, e sempre sorrindo. A nai quería que fose peluqueira de señoras, e o pai coidaba que tan lista como era, que seguro que podía estudar pra mestra na Normal de Santiago. E Rosa terqueaba que ela sería reloxeira ou nada.

─¡Non se sabe que haxa reloxeiras en ningunha parte!─decíalle a nai.

─¡Pois entón serei a primeira reloxeira do mundo!

Consultado un amigo crego, dixo que a reloxería era un oficio mui decente, e que si a nena se daba maña e o parente aquel a ensiñaba, e a deixaba por herdeira da tenda, que non tiña fillos, Rosa tiña o porvir asegurado. A Rosa xa todos a conocían pola Reloxeira. Pro a nai non cedía. Iba a buscala á reloxeria do parente, berraba con este, e que nada de facer herdeira á pequena. As cousas puxéronse tan mal pra Rosa, que decidiu marchar para Buenos Aires, coa axuda do parente reloxeiro, que choraba ao perder aquela axudanta. Xa en Buenos Aires, non lle foi doado atopar traballo nunha reloxería. Ao fin, por amistades, tomouna a proba un reloxeiro suízo, viúdo. Rosa probou que sabía mui ben o oficio, e foi mui apreciada. Xa era entón toda unha moza, arroibada, metida en carnes, e seguía sorrindo, e namentras traballaba, tarareaba cantigas galegas. Todos os que traballaban a seu carón, e ainda o suízo viúdo, querían casarse con ela. Rosa daba a todos mui boas palabras, e deixábase convidar ao Colón e a merendar patatas á inglesa.

Un día chegou á tenda un brigadier que se chamaba Borges, e era home con muito mando, e andaba o máis do tempo a cabalo, vixiando as avenidas da capital. Unha sociedade italiana agasallárao cun fermoso reló, pro cando o brigadier Borges quixo poñelo en hora e darlle corda, resultou que o reló non andaba. O suízo viúdo doullo a Rosa pra que o reparara. E tras dúas horas de estudo do reló, Rosa díxolle ao patrón que aquel reló non estaba feito pra andar, que non tiña as pezas precisas. O suízo viúdo estudou tamén o reló, e tiña razón a Rosa: eran catro pezas cuadradas e unha especie de mecha todo o que tiña dentro. Chegou o brigadier a buscar o reló, e déronlle a noticia de que era un reló de trampa, todo apariencia, e que tal como estaba a ciencia da reloxería, que non podía andar. Que quizabes andivera cando viñeran outros adiantos, pro que no día en que estabamos que non, e que máis parecía burla. O brigadier saíu a cabalo a buscar aos italiáns do agasallo, pro nonos atopou. Ao día seguinte caíu do cabalo, cando saía a seguir a busca dos calabreses, e morreu dun ataque ao corazón. Co disgusto e a rabia.

Ninguén veu buscar o falso reló. Rosa seguía sorteira, e de vez en cando tomaba unha hora pra estudar a peza, que tiña unhas fermosas tapas, cunhas corzas en releve. Unha mañán, co reló na man,  cheiroulle a queimado. Abriu o reló e estaba ardendo aquela mecha marela que tiña, e toda a maquinaria púxose ao roxo vivo. Rosa tirou o reló ao chan. O reló estoupou. Era un atentado contra o brigadier Borges, preparado polos italiáns, e que se produciu cun ano de retraso. Rosa saíu en xornais e revistas, e aparecéronlle muitos pretendentes. Ao fin, como sempre estaba pensando en volver a Noia ou a Betanzos, casou cun piloto mercante. pro resultou que o piloto non quería seguir navegando, que o que quería era exercer o oficio de reloxeiro. O suízo viúdo meteuno na súa tenda. Así é a vida.

Vídeos do concurso de contacontos  recitado e lectura de textos de Álvaro Cunqueiro dentro do proxecto "100 primaveras máis lendo en galego", celebrado no IES Félix Muriel durante o mes de novembro

 

Dentro do proxecto 100 primaveras máis lendo en galego tamén os profes leron textos de Cunqueiro.

 

Comezamos polo xurado: Lali, profe de historia e vicedirectora; José Maroño, profe de lingua castelá e membro do EDLG, Mikel (4º ESO B), boris (4º ESO A) e Irene (4º ESO C). Hai que destacar a puntualidade do alumnado que non fallou nin un só día no seu posto..

 
 Un alumno e unha alumna de 3º ESO len “A orella dereita de Antón de leivas”

 

 

 Carolina Oubiña, de 2º de Bacharelato, leu “A voadora de Serantes”

 

Pilar Pérez, profe de tecnoloxía, leu un poema de Mar ao norde.

      Unha tardiña de verán, Alberte Merlo deulle ao seu cabalo unha merenda de herba fresca, e despois sentouse no cepo de partir a leña a ler o xornal. O cabalo merendou, e pasou a súa cabeza por derriba do hombreiro dereito do amo, e con voz humana preguntoulle:
      -¿Como vai o mundo?
      Este foi o comezo das longas conversas que durante varios meses mantiveron Alberte e o seu cabalo. Falaban, según Alberte, de política, das contribucións, de cómo foran os precios na derradeira feira de Noia, e de vodas e de difuntos. Un día o cabalo díxolle a Alberte que non lle non gustaba que lle chamasen Moro, e que millor sería que lle buscase un nome máis decente, aínda que fose francés. Alberte consultou cun mestre de Muros, mui amigo de seu, e este díxolle que lle chamase ao seu Moro simplemente como lle chaman aos cabalos en Francia. Que lle chamase Cheval. Ao cabalo pareceulle ben, aínda que murmuraba que quizabes ao nome deberan seguir dous apelidos. Por consello do cabalo, Alberte foille decindo aos veciños que o seu cruzado de percherón e mourisco, xa non se chamaba Moro senón Cheval, e que fixesen o favor de tomar nota do cambio. A todos os efectos, decía Cheval.

      Pasando os meses, Cheval íbase amosando mui vivo de xenio, celábase de que Alberte falase coa xente sin estar el diante, de que lle asubiase ao can Tirol, e de que lese o xornal en voz alta á muller, que non sabía ler.
      -¡Dabondo fas con durmir con ela! –comentaba Cheval disgustado.
      Iba cumplirse un ano dende a primeira conversa de Alberte co seu cabalo, cando un mediodía, regresando os dous amigos do muíño, carregada a besta con dous sacos de fariña e outro de farelo, Cheval parouse na ponte, e díxolle a Alberte con voz grave:
      -Vai facer un ano que nos falamos, e si queres que sigamos comentando o mundo, tes que prometerme que de agora en diante soio vas falar comigo ¡Despois de todo son o único cabalo da provincia que fala co amo! E non me fío da túa palabra, que máis dunha vez xa che escoitei contar algunha mentira. Tes que facer un documento. ¡Si nono fas, calo pra sempre!
      A Alberte non lle non parecía nada doado o consultar este asunto cun avogado. O avogado seguro que o tomaba por tolo si entraba no seu despacho explicándolle que falaba co seu cabalo Cheval, e que este quería un escrito no que Alberte declarase que soio falaría con el, e que se entendese por señas co resto dos galegos. Foi Alberte a Muros visitar ao seu amigo o mestre. Este díxolle que escribira calquer cousa nun papel de barba, que era seguro que Cheval non sabía ler.
      -¿Quen sabe que non sabe ler? -insistía Alberte.
      O mestre, en papel selado de tres pesetas, escribiu unha declaración xurada na que Alberte se comprometía a non falar coa xente si non era con permiso do seu cabalo Cheval, denantes conocido por Moro,.. Firmou e rubricou Alberte Merlo… Cando chegou á casa co documento e llo amosou ao cabalo, este fixo que llo lera por dúas veces.
      -¡Mui benl ¡Agora tes que levalo ao Rexistro!
      Alberte quedouse coa boca aberta mirando pra Cheval.
      -¡Ao Rexistrol ¡Conozo o procedemento! Lémbrate que denantes de ser o teu cabalo fun o cabalo do procurador Abeledo.
      Un procurador famoso, do que se decía que tiña na memoria o Código das Argalladas… Alberte anda agora coa declaración xurada na man, sube e baixa polos camiños, séntase nese chanto ou arrímase a aquel carballo, pensando sempre no choio, sin saber qué facer, si ir ao Rexistro de Noia ou non… E mentras, o cabalo non lle fala e olla pra el de esguello.

Editorial Galaxia.
6ª Edición Vigo 1987 ISBN 84-7154-183-3
Deseño da portada: F Mantecón
 
 
 

Un dos xéneros literarios que Álvaro Cunqueiro (1911-1981) cultivou con máis dedicación e acerto foi o do retrato, é dicir, a invención de personaxes aillados, sen unha función narrativa maior, dispostos para ser contemplados na súa singularidade, suficientes por si mesmos, donos de vida propria. A primeira serie deles apareceu en Escola de menciñeiros (Galaxia, 1960) e versaban todos sobre o mundo dos individuos de que fala o título, tan presentes na Galicia rural de hai aínda poucos anos. A segunda foi esta que reeditamos hoxe, que poderia formar parte ademais dunha triloxía na que habería que incluír tamén Os outros feirantes (Galaxia, 1979).
Como dixo o autor destas páxinas, nos retratos de Xente de oqul e de acolá hai en cada un deles unha onza do ser galego, e repartida entre todos, está a andamiaxe completa da nosa xente. Por iso, cando un remata de ler estas semblanzas de paisanos de todos nós, ten a impresión de que acaba de poñerse de cóbados sobre o peitoril dun puzo fondo e escuro, pero do que ó fin un remata bebendo unha auga limpa e fresca, capaz de aliviar a sede de cantos teñen necesidade de satisfacer os seus anceios de amistade, de amor ou de simple curiosidade. Que pode ser a de saber como somos.
Aqui están, rescatados do olvido pola maxia de Álvaro Cunqueiro, o picapleitos Somoza de Leiva, que tiña un can que só lle ladraba á parte contraria; e Rello de Pontemil, un tipo calado, que pasaba a vida vendo xogar ó tute e que non xogaba porque non sabía subastar e sempre contaba de máis; ou Leiras de Parada, que adormecía os capós con prosa de artículos de prensa que valían máis para o cometido que tres cobertores ou media botella de tres cepas. Xente nosa, verdadeira. Un espello do país.

Con este cartel anunciamos na entrada do centro a actividade:

 

 

Alejandra Picón participou na modalidade de contacontos, recreando a historia do cabalo de Alberte Merlo.

 

 

 

Amalia, profesora de latín, leu un texto de “Os outros feirantes”

73 Artigos |   | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | 6  | 7  | 8  | 9  | 10  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.