Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios

Enlaces interesantes a medios de comunicación

Artigos nesta sección:

Fíxose eco a prensa española hai unhas semanas do comentario machista do presidente do Iberojet Palma, que criticaba a falta de aptitude das árbitras e comentaba que era a primeira vez que tiña un trío arbitral femenino, e que el prefería como máximo unha muller. A reacción por parte da Federación non tardou e tomou medidas contra o presidente, que pediu perdón e se mostrou arrepentido e comprometido coa igualdade no deporte

Na miña opinión, este é un tema no que xa se avanzou bastante, tendo en conta a creación da Liga Dia, equivalente da ACB, e un comité de igualdade apoiando a Jorge Garbajosa, presidente da Federación de Baloncesto, en todas as medidas relacionadas con isto. A situación tornou favorable como tamén demostra que Tenerife fose a sede do mundial femenino deste ano, e onde #AFamilia (nome da selección absoluta en ambas categorías) acadou unha medalla de bronce, sumándose así ás medallas olímpicas e europeas conseguidas nos últimos anos. Os éxitos aportan a visibilidade tan necesaria.

As eleccións andaluzas confirmáronnos o que viñamos temendo nos últimos anos en España, un auxe da extrema dereita, que conseguiu por primeira vez representación política. Ademais, todo parece indicar que Vox vai ser clave na formación de goberno.

Os defensores de Vox e os partidos que non descartan pactar con eles din que hai que respectar o votado e, penso eu, os alemáns tamén votaron a Hitler. Polo tanto, ser votado non implica que se trate dunha opción respectable dende un punto de vista democrático. É evidente que se aproveitan do clima de crispación que leva a moita xente a acudir ás urnas sen facer unha reflexión previa e tan só deixándose levar por un odio infundado. Isto púidose ver nunha recente entrevista levada a cabo no municipio onde Vox foi o partido máis votado, no que moitos entrevistados manifestaron descoñecer e incluso rexeitar bastantes puntos do seu programa.

De verdade son imprescindibles nun futuro as tecnoloxías na educación ou só seráan unha distracción para o ensino e sería mellor seguir co que sabemos que funciona correctamente?

As novas xeracións deberían aprender usando as novas tecnoloxías para complementar o traballo nas aulas. Se potenciamos o uso destas tecnoloxías nos rapaces desde pequenos, cando sexan maiores o seu uso seralle moito máis sinxelo, e ademais na actualidade estes aparellos fan que as clases sexan máis levadeiras e que se aprenda dunha forma máis entretida.

Nos colexios deberíase aumentar o número de ordenadores, pantallas dixitais… xa que os alumnos adoitan prestar máis atención e entender mellor os contidos cando estes se expoñen coa axuda de tecnoloxías que cando só se utiliza un libro de texto tradicional. Aínda que en moitos colexios xa hai bastantes ordenadores, deberían ser máis, xa que polo menos cada alumno tería que ter un para uso propio. Así avanzaríamos cara un mundo onde todos soubesemos usar as tecnoloxías, un mundo máis dixital, onde a substitución dos libros por formatos dixitais axudaría a reducir o gasto de papel.

Máis da metade dos estudantes españois deixan os seus estudos antes de cumprir os dezasete anos, isto é debido a un sistema educativo obsoleto e ineficaz.

Unha mostra disto é un estudo da universidade de Murcia que demostra que máis do 42% dos estudantes abandonan os seus estudos antes de chegar ao bacharelato, o que amosa que os estudantes non queren seguir estudando xa que non ven oportunidades nos estudos que se lles ofrecen para que estes despeguen o seu futuro laboral.

Outra mostra do ineficaz que é o sistema educativo español é a porcentaxe de suspensos, tanto na ESO como no Bacharelato, xa que máis dun 37% do alumnado suspende máis de tres materias por curso.

Os datos que ofrecen os institutos non son prometedores para a educación española, pero a solución está máis alá de elevar a dificultade, xa que isto sería contraproducente. A solución para isto sería a mellora no proceso de aprendizaxe dos alumnos e das alumnas, que debería ser máis interactiva e menos pasiva.

Esta fin de semana a través das redes sociais chegoulle a miña nai un artigo que, nada mais acabar de ler recomendoume que o lera pois era moi chulo.

Saíu en La Voz de Galicia e fala de Catalina Zamora, unha mestra murciana que se namorou da nosa terra desde a primeira vez que viu, de nena, nunha excursión cando facía a EXB.

Catalina Zamora di que lle gustan as nosas paisaxes, a nosa cultura e sobre todo a nosa xente. Ten moitos amigos en Galicia, e sempre que pode fai unha escapada para vir a nosa terra.

Tamén di que se namorou da nosa lingua, ata o punto de que decidiu estudar o noso idioma galego. Fíxoo porque facíalle conectar coa terra da que está namorada. Moitos dos seus coñecidos pensaban que era unha perda de tempo e non a entendían. Para ela estudar galego non era unha perda de tempo, pois pensa que estudar idiomas novos e moi bo porque abre a mente a outras culturas. Ela pensa que calquera idioma que poida achegarnos a outros está ben estudalos, pensa que os idiomas suman non restan.

Con motivo do 40 aniversario da Constitución Española este ano fixo na súa clase unha actividade adicada a Galicia, penso que foi por iso que a Voz de Galicia a entrevistou.

Eu penso que os sentimentos non entenden de fronteiras, e o que me gustou moito ler este artigo porque me gusta como pensa esta mestra de Murcia. Eu tamén penso que o plurilingüismo suma e conéctanos como persoas, axúdanos a saber doutras culturas e que é moi interesante saber das nosas culturas irmáns, como ben di esta mestra, por iso me gustou tanto o artigo e polo que quería compartilo con todos.

Vivindo no século vinteún, aínda existen e pódense ver comportamentos así como pensamentos machistas de cote, isto é unha proba máis que notoria para comprobar que non vivimos nunha sociedade equilibrada en termos de xénero.

Como ben sabemos todos, os galegos pisan forte e deixan legado na historia. Hai milleiros de pegadas galegas ao redor do mundo mais, a que hoxe imos analizar é a precursora do movemento máis popular, que acadou máis likes nas redes e ao que se lle dedicaron máis vídeos titoriais ao redor de todo o mundo. Obviamente, chegados a este punto, xa sabemos todos a que me estou a referir, ao movemento vangardista nacido nas aldeas galegas, cuxo obxectivo é dar unha nova utilidade a obxectos que a perderan, como por exemplo unha bañeira vella e oxidada que se converte nun enxeñoso bebedoiro para o gando ou un somier antigo cuxa nova función é a de inesperado portal. Este movemento mundialmente coñecido, creado polos galegos simultaneamente en todas as aldeas e vilas da nosa terra é a primeira expresión da reciclaxe, máis concretamente dun dos tres erres, ‘Reutilizar’. Os labregos galegos, os primeiros pioneiros da reciclaxe que hoxe está a salvar o noso planeta, reutilizaban todo o que noutras partes do mundo (con, claramente, menos consciencia medioambiental) tiraban. Pero, a pesar do grande avance que supuxo, este movemento foi amplamente criticado debido ao seu impacto paisaxístico e á súa carencia de estética, nomeando esta vangarda como ‘Feísmo galego’.

Seguramente toda galega ou galego oíu falar algunha vez das Irmandades da Fala, ese grupo de intelectuais tan famoso, que axudou a prestixiar e impulsar un galego case morto para os ámbitos cultos e asoballado polo castelán, pero á hora de falar destes impulsores ou intelectuais galegos, só temos en mente figuras masculinas, como pode ser o caso de Castelao, Vicente Risco ou Otero Pedrayo, pero, onde quedaran as mulleres nestes anos?

Como moitas veces nos dixeron, a comezos do século XX, os homes que vivían en Madrid, ou nas grandes cidades, sobretodo estudantes, como podía ser o caso dos integrantes das Irmandades, vivían unha vida na que o máis común era manter encontros nos cafés para falar ou discutir sobre diversos temas e xusto foi nestes anos cando un grupo de mulleres, sen importar o que a sociedade pensara delas, sumáronse á causa e fixeron o que daquela era chamado como “cousas de homes”. Ata entón nunca se vira un grupo de mulleres pola rúa vestidas como quixeran, en bicicleta, fumando, bebendo, sendo libres…, aínda que fose unha cousa tan simple como se pode ver agora mesmo, daquela marcou a forma de ver as cousas.

O intento repetido de borrar calquera pegada feminina da historia, por parte do poder establecido polos homes, deixou nunha parte comprometido ao grupo feminino, que realmente parece visto dunha forma superficial, que non fixo nada pola arte nin pola cultura galega, ou de calquera outro país, pero seguramente moitas máis cousas das que nós cremos están pensadas por unha muller e realmente non se sabe, porque se lle atribuiu o seu éxito a un home.Todos coñecemos casos, por exemplo, J.K.Rowling, Amandine Aurore Lucile Dupin, Charlotte Brontë, Karen Blixen, entre outras moitas, estas mulleres do calibre de J.K.Rowling (considerada a escritora máis lida do mundo ca saga coñecida por todos “Harry Potter”), tiveron que buscar un pseudónimo masculino para que as súas obras se tomaran en serio e poder publicar libros sen problemas.

138 Artigos |   | 1  |   | 4  | 5  | 6  | 7  | 8  | 9  | 10  | 11  | 12  | 13  | 14  |   | 18  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.