Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios

Enlaces interesantes a medios de comunicación

Artigos nesta sección:

Cando a ditadura de Francisco Franco chegaba á súa fin por causas biolóxicas, no noso país irmán vivían, hoxe hai 46 anos, a coñecida como a “Revoluçao dos Cravos”, que provocou a caída do goberno e a restauración da democracia en Portugal case 50 anos despois.

Portugal celebra hoxe 46 anos de liberade, unha liberdade que chegou grazas á Revoluçao dos Cravos, que tiña que ocorrer para que no país puidese chegar a primavera e a felicidade do pobo libre. A ditadura comezara no ano 1926, pois anos antes, o pobo estivo a vivir un forte período de inestabilidade nacional. Nese momento, Antonio Óscar de Fragoso Carmona, que instaurou unha ditadura nacional e forte, chamada: Estado Novo, un estado que o nomearía presidente no ano 1928, momento no que Antonio de Oliveira Salazar convertíase no Ministro de Facenda. Por aquel entón, os movementos fascistas estaban en auxe en Europa, e Salazar, xa Presidente do Consello de Ministros, establecerá o seu propio modelo en Portugal, no ano 1932, con todas as consecuencias que isto leva consigo, pois suprimiranse dereitos e liberades do pobo e impoñeranse medidas propias dun estado autoritario.

O 25 de marzo de 2019 íamos durmir ca nova dun novo incendio en Dodro. Á mañá seguinte espertamos con que ese lume voraz que comezara en Dodro estendérase a algunhas parroquias de Rianxo. Os rapaces ese día tiñamos que ir ao instituto, como un día calquera, pero cun medo no corpo que non era característico dun día calquera. Todo era normal ata que nas últimas horas da mañá comezamos a ver como todo o ceo se cubría dun fume gris, case negro. Xa non víamos o ceo azul dese día cando chegaron os bombeiros e a garda civil de Rianxo para desaloxarnos. O lume estaba xusto detrás do instituto. Como chegou tan rápido?! Era unha situación totalmente desconcertante.

Este incendio levou consigo máis de 1.200 hectáreas dende Rianxo ata O Barco de Valdeorras. Os veciños de Rianxo desaloxados e o nivel 2 de alerta establecido nun incendio que mobilizou medios aéreos, militares e servizos de emerxencia aos que se uniron os habitantes da zona. Moitos rianxeiros e de arredores perderon parte da súas terras de cultivo, invernadoiros e mesmo os seus fogares. Pero…que ou quen provocou isto? A hipótese que a propia Xunta manexou foi a dunha chispa procedente dunha torre de alta tensión como primeira fonte do incendio. O tempo meteorolóxico tampouco axudou nos labores de extinción xa que as escasas precipitacións, as elevadas temperaturas deses días e o vento levaron a que o lume se estendera con tanta rapidez.

Algunha das ferramentas matemáticas que se utilizan nas epidemias sería por exemplo a curva da que falan os medios. Isto non deixa de ser unha función na que representamos os infectados con respecto ao tempo. A derivada dinos como de rápido e de lento cambia esa función, se non cambia a derivada é 0. Os sistemas, se interveñen as ecuacións e as derivadas, serían ecuacións diferenciais. Mídese a xente susceptible a ser infectada, a infectada e a xente que se deixa fóra (tamén se poden engadir os expostos).

A cantidade de contaxiados que produce un só infectado é un parámetro que, se é maior que un, significa que pode infectar a varias persoas. Se é así, estamos nunha epidemia e hai que reducilo a un ou a menor que un. Depende de moitas cousas, como as nosas costumes, con canta xente esteamos, a bioloxía da enfermidade, etc. Na nosa man está, tentar xerar unha vacina ou intentar evitar o contacto.

Algúns sistemas biolóxicos compórtanse de forma exponencial. Ao principio ninguén ten virus, logo vai habendo enfermos e por último, vai quedando menos xente con posibilidade de ser infectada. Entón, temos que mirar canta xente queda dispoñible para contaxiar, e cando non haxa, acabaríase a curva e a epidemia.

Durante este tempo no que todas estamos confinadas nas nosas casas, a xente sae aos seus balcóns a unha determinada hora do día a aplaudir e agradecer o traballo do persoal sanitario. Debemos apoiar, tanto como ao persoal, ao sistema que o sustenta: a sanidade pública.

A sanidade privada non se está a facer cargo das persoas infectadas por coronavirus. Todas temos xente cerca que pensa que por pagarlle a un médico vai estar mellor atendida e non valora a sanidade pública. Á hora da verdade, o que realmente funciona é o sistema que debemos pagar todos mediante o nosos impostos e que debe estar a disposición de todos os cidadáns e cidadás. Con isto quero dicir que é impensable ter que pagar para ser atendida. Todas as persoas, independentemente do diñeiro que teñan, teñen o mesmo dereito a vivir. Polo tanto, un sistema como o de EEUU no que, se es pobre e enfermas, morres, é unha barbaridade. Con todo, Esperanza Aguirre, desviou 3 millóns da sanidade madrileña á financiación do seu partido. Na actualidade, tivo que ingresar nun hospital público debido a que enfermou de coronavirus.

A sanidade pública está moi debilitada nesta crise sanitaria polos recortes sufridos durante a crise económica e os procesos de privatización. Non hai material suficiente nalgúns lugares para enfrontarnos a este problema. Na “España baleira” denunciaron que os médicos e enfermeiras non teñen traxes especiais e que teñen que cubrirse con bolsas de lixo. Isto converte a profesión de médico nunha profesión de grande risco. Mesmo nas mellores condicións, estas persoas corren o risco de infectarse debido a que sempre pode haber algún erro. Pero, se as condicións nas que traballan non coidan da súa saúde, isto, ademais de ser inxusto para eles, deixa os hospitais sen persoal para afrontar a crise.

Atopamos estes días moitos casos que mostran a difícil situación en que o persoal sanitario debe desenvolver o seu labor. Unha señora, desesperada, gravou un vídeo denunciando a falta de material en Leganés.A muller dicía que o seu marido estaba grave, necesitaba respiradores e baixar a UCI. Neste caso, nin había respiradores para tentar que puidera respirar nin sitio na UCI e, cando o houbo, tiveron que meter a un home de 44 anos. É dicir, os médicos teñen que elixir a quen deben salvar e a quen non. Neste caso, tiveron que elixir entre un home de 44 anos e outro por riba dos 65, polo que elixiron ao máis novo. Os sanitarios non teñen que pasar por isto, é unha presión inmensa saber que están deixando morrer xente, pero que non poden facer nada máis por falta de material.

Concluíndo, atopámonos nunha grave crise sanitaria que xa leva aproximadamente 15 mortos en Galicia. Necesitamos botar man dunha sanidade pública que non conta cos medios suficientes para facer fronte a este grave problema, porque previamente foi recortada. Por isto, produciuse unha “cacerolada” pedindo ao rei emérito que destine o diñeiro que recibiu de Arabia Saudí, á axuda contra a enfermidade. Con todo, non se precisa que empresarios que non pagan os seus impostos doen á sanidade como se dun acto de caridade se tratase. Se todos pagásemos os nosos impostos e o Goberno fixese unha boa administración deste diñeiro, teríamos unha sanidade pública óptima.

Existe dende sempre un grande debate arredor da toponimia galega. Deben os españois dicir os topónimos galegos na súa forma natural (o galego) ou poden “castelanizalos”?

A Real Academia Española reabriu este debate hai uns días, cando respondeu a unha muller que lle preguntaba cal das dúas formas era correcta en castelán: “voy a A Coruña” ou “voy a Coruña”. A RAE afirmou que a forma correcta dun castelanfalante sería dicir “La Coruña”, o que desatou moitas críticas por parte de galegofalantes aos que non lles gusta ver como cambian os seus topónimos e os converten ao castelán.

A ideoloxía dos membros da RAE pode percibirse dende lonxe; tanto en actos coma este como no seu empeño en que a forma correcta de designar a homes e mulleres en conxunto é a masculina, mostran a súa ideoloxía conservadora. Polo tanto ninguén se estrañou ao ver que defendían a castelanización de topónimos galegos.

E iso, a pesar do que recolle o marco legal actual. Pois a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística , emanada do Estatuto de Autonomía, a súa vez emanado da Constitución española, establece no seu artigo 10:

  • Os topónimos terán como única forma oficial a galega
  • Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente
  • Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia reglamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado
138 Artigos |   | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | 6  | 7  | 8  |   | 18  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.