Imaxe de cabeceira
O IES rebole

As actividades do noso centro

Artigos nesta sección:

 

 

 

O 17 de novembro fomos ao teatro a Santiago de Compostela a ver unha obra de teatro en inglés titulada “Pygmalion”, que trataba sobre como unha vendedora de flores se converteu nunha estrela, grazas a unha aposta duns profesores de canto. Tanto as semanas anteriores como as semanas posteriores á representación fixemos diversas actividades sobre esta– escoitamos cancións, relacionamos adxectivos, completamos conversas, escenas e cancións, e outras moitas cousas máis—todo co fin de podermos entender mellor o texto da representación. En xeral a obra estivo ben e esperamos facer máis saídas.

O 23 de outubro os alumnos de 4º de ESO ,1º e 2º de Bacharelato deste instituto, acudimos á representación teatral da obra “Cachai?” no auditorio de Rianxo.
A obra relata a vida de dous irmáns chilenos despois do golpe de Estado de Augusto Pinochet o 11 de setembro do 1973.
Esta historia podería ser real, dado que os autores e actores saben moi ben como reflectir os feitos acontecidos por entón.
O actor principal defende perfectamente o seu papel, poñendo emoción no que fai e volvendo o seu personaxe absolutamente crible. Tamén tivo algúns momentos de distracción debidos ao barullo do público, pero, como perfecto profesional, soubo como saír deles rapidamente.

Hoxe 25 de novembro comezou Galiciencia e nós tivemos un espazo entre o conxunto dos 50 expositores. Todo comezou no mes de setembro cando nos convidaron desde o Parque Tecnolóxico de Galicia a que presentásemos o noso proxecto No meu mar, na miña lingua.

Chegamos aquí ás 9 da mañá para colocar os nosos carteis e poñer en marcha nos portátiles o vocabulario dixital con toda a terminoloxía que investigamos (e coas súas fotos) e mais as dúas curtametraxes que fixemos o ano pasado: a da carpintería de ribeira e a dos deportes náuticos. Non había ninguén da organización para explicarnos nada cando chegamos, nótase que a maioría dos expositores repetían e xa tiñan todo controlado e nós eramos novas.

 

 

Rianxo, 19- 23 de Outubro.


Durante esta semana o IES Félix Muriel acolleu a alumnado e profesorado procedente de Nordhorn, Korczyna e Cos, que nos visitaba no que foi a primeira reunión dos membros da asociación escolar G.A.T.E. Foi unha semana moi intensa para todos os que dunha maneira ou doutra participamos no proxecto, sobre todo para os 11 alumnos e alumnas anfitrións do alumnado estranxeiro e para as súas familias. De seguido damos conta das actividades conxuntas que realizamos durante esta semana.

O martes 27 de Outubro, os alumnos de 1º de BACH fomos a Vilagarcía ver a obra de teatro Comedia Bífida.

Comedia Bífida é unha obra escrita por Manuel Núñez Singala e levada aos escenarios pola compañía Nobicarelo Teatro.

Trátase dunha obra de teatro cargada de humor e ironía, na que se representa un Xuízo Final. O xuíz supremo é S.Pedro, e no neste xúlganse os mortos pola súa falta de respecto na súa vida cara á súa lingua: o galego.

Como en todos os xuízos había un avogado defensor, que se trataba dun arcanxo que era novo e con pouca experiencia,e demasiado bobalicón , e no extremo oposto tiñamos o fiscal que era o mesmísimo Demo, moi espabilado e bastante sedutor .Mentres que o arcanxo intentaba defender os acusados do uso que lle deran á súa lingua, o demo sempre conseguía botar abaixo esa defensa pois ningunha das razóns que o arcanxo expoñía era suficiente para gañar o ceo.

Na obra compaxinábase o diálogo entre os actores e cancións que estes cantaban cada un co seu estilo: o arcanxo unha canción como máis pausada e suave e o Demo todo o contrario, enérxico e provocador. Os mortos que eran xulgados tamén usaban a canción para darlle máis credibilidade á súa defensa.

Unha das cousas que fixo que os alumnos prestasen atención á obra foi a colaboración de alumnos dos institutos que alí foron, xa que os actores nos viñeron buscar aos asentos do público para subir ao escenario en calidade de xurado.

Sen dúbida foi unha das obras máis interesantes e divertidas ás que asistimos.

Celeste Campaña Batalla e Clara Suárez Somoza 1ºBachC

Cachai?

 

O venres 23 de outubro de 2009, os alumnos de 4º da ESO, 1º e 2º de BACHARELATO, xunto cos compañeiros estranxeiros e os profesores de Filosofía e Historia, asistimos a unha inesquecible e desconcertante obra de teatro no auditorio rianxeiro. Dirixido polo director e dramaturgo Pepe de Jiménez e representado polos actores Adán Rodríguez e César Desviat, este drama forma parte do proxecto pedagóxico Cachai “Aula Aberta de Filosofía e Ética” .

Profesores de Filosofía, tanto chilenos como españois, quixeron darlle continuidade a esta experiencia. Colaboraron nos seus respectivos países para crear mediante este traballo un ambiente común entre os seus alumnos de tan distintas realidades, unha atmosfera na cal todos poidamos intercambiar pensamentos, emocións e vivencias, abríndonos de tal xeito ao mundo no que nos tocou vivir.

Un deses profesores de Filosofía, Esteban Zamora, foi quen nos recibiu na sala para facer unha breve presentación e entendermos mellor o significado do que iamos ver. Falounos da Ética como unha rama práctica da Filosofía mediante a cal coñecemos o noso mundo e a nós mesmos. De feito para axudarnos a pensar no mundo globalizado no que vivimos, o profesor expuxo algúns datos pavorosos do informe anual de Jean Ziegler, director da PAM (Programa de Alimentación Mundial): cada día morren no noso planeta 100.000 persoas por motivos económicos claros, 850 millóns viven na indixencia, outros 450 millóns non teñen onde vivir e 150 millóns de menores de 10 anos son explotados laboral e sexualmente, todo isto dentro dun planeta que pode producir alimento para o dobre da poboación actual. Un exemplo da situación mundial é Chile. Esteban contounos cómo está alí a situación. Por exemplo falounos do caso de moitos mozos que quedaron orfos e que viven só co lixo, cos desperdicios, con todo aquilo que lle sobra á cidade. Ademais explicounos a situación de moitos deses nenos que forman parte da mafia da droga, e que unha vez iniciados na mesma os seus días están contados, pois aos 21 anos desfanse deles para non correr riscos. Por outra parte recalcou a importancia de que as ONGs desapareceran, posto que ao habituarnos a elas, habituámonos á pobreza. Tamén nos fixo meditar citándonos unha serie de cuestións como, cales son as causas? ata que grao cooperamos con esa situación, aínda que non nos deamos de conta? Ou si podemos facer algo ao respecto.

A continuación representouse o drama. Trátase dunha historia, entre outras moitas similares, que ocorre en Chile. Ambiéntase na noite na que o xeneral Pinochet dá o golpe de estado contra Salvador Allende. Nun dos barrios baixos de Santiago de Chile unha granada estoupou nunha casa onde viven un matrimonio e os seus dous fillos. As consecuencias foron mortais para a parella, só sobreviviron os dous rapaces. Un deles, o máis pequeno, escapou mentres os milicos o querían levar para un orfanato. Posteriormente os dous irmáns reencontráronse e decidiron irse vivir a un lugar máis tranquilo, o nicho dun cemiterio. Debido á experiencia traumática vivida, o neno deixou de falar. No entanto, entre os dous había tal complicidade que o irmán maior manexaba ao pequeno como se dun boneco se tratase, un títere. De tal xeito que lograron gañarse a vida traballando diso nun bar. A dona deste era unha intelectual poderosa que os acolleu e lles ensinou moitas cousas. Non vou contar como é o final, pero si vos podo dicir que é unha historia moi conmovedora que invita á reflexión, cun dramatismo propio da situación que se traza. Trátase dunha traxicomedia que nos ensina polo que pasan moitas persoas cada día. Móstranos unha realidade case imperceptible para nós, que non estamos acostumados a esas circunstancias e esas dificultades.

Hai algúns momentos da obra na que se citan textos filosóficos tales como o fragmento de “Los ojos del murciélago” de Víctor Gómez Pin. Este escrito explica o que significa o proxecto Cachai?: a reivindicación da liberdade, da liberalidade, do esplendor, da lucidez, que dá lugar a un mundo digno, excelente, no cal, aínda que houbese diferenzas económicas e sociais, non habería uns extremos tan negativos como os que hai hoxe en día. Cachai é unha expresión chilena que significa como ves as cousas? como sentes? como comprendes a realidade actual, o mundo actual? de tal xeito que invita a un a reflexionar, a meditar, a descubrir a existencia real e efectiva de todo o que nos rodea, a pensar por un mesmo, a comprender o mundo propio e o do alleo. Desa maneira ínstasenos aos alumnos a aducir sobre a nosa percepción da realidade.

Unha vez falado dos medios, os obxectivos do proxecto educativo son diversos e moi nobres. No rango do coñecemento anímanos a comprender o mundo no que vivimos, implicarnos na sociedade, facéndonos un exame, un xuízo persoal, así como desenvolver a nosa capacidade cognoscitiva e excitar o debate. No plano das actitudes intenta incitar en nós a inclinación ou interese pola Filosofía, e estimular a lectura. A nivel ético tenta perfeccionar as nosas facultades ou leis morais en valores como a solidariedade, a tolerancia, o egoísmo, a compaixón, a igualdade, a inxustiza, a discriminación, a legalidade e a explotación. Ao mesmo tempo quere asentar a crecente convivencia de moitas culturas nas aulas.

Para rematar a experiencia, Esteban abriu un debate facendo un breve resumo da obra. Fíxonos preguntas como se nos pareceu unha situación real, porque ocorren cousas como esas no mundo? quen son os culpables? que podemos facer ao respecto?. Deu énfase ao feito de que nós, como parte do 3% da poboación mundial que conta con todas as facilidades económicas, debemos de ter en conta que todo o que temos (como a educación ou as necesidades diarias físicas cubertas) non son dereitos. Máis ben son privilexios.

Dende aquí agradecemos o enorme esforzo que se está levando a cabo, o traballo que se está realizando en todos aqueles países que participan no proxecto Cachai “ Aula Aberta de Filosofía e Ética” , o cal nos axuda a concienciarnos do mundo real.

A segunda sesión do obradoiro de poesía de Carlos Negro foi moi parecida á primeira, e polo tanto moi divertida e amena.

Ó principio leunos un conto infantil: "Friederich" para darnos a entender outros aspectos da poesía. Logo vimos un fragmento da película "El club de los poetas muertos" que nos ensinou outro punto de vista da poesía e outra maneira de entendela.

211 Artigos |   | 1  |   | 18  | 19  | 20  | 21  | 22  | 23  | 24  | 25  | 26  | 27  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.