Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas

Espazo para a creación artística: literaria, gráfica…

Artigos nesta sección:

LINGUA DE AMOR 2009
 
Xa está en marcha a 3ª edición de Lingua de Amor, o concurso de cancións e declaracións de amor en galego
 
O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, presenta a terceira edición de Lingua de Amor, o concurso de cancións e declaracións de amor a través do correo electrónico.

Un dos principais obxectivos de Lingua de Amor é dinamizar o uso da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación: correos electrónicos, chats, foros… O galego é unha lingua útil para os momentos de lecer e diversión, perfectamente válida para a música. O galego ábreche as portas á hora de coñecer xente, de facer amigos e… por que non? Tamén para formar parellas!

NOTA: debido ao cambio de deseño e adaptación da web ás novas necesidades técnicas, o rexistro estará operativo a partir do vindeiro venres 20 de marzo.

BASES DO CONCURSO:
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e do Día Internacional da Internet presentámosvos a terceira edición de Lingua de amor, o concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico, e que este ano, como novidade, inclúe unha nova categoría: a musical.
1 Obxectivos do concurso
- Un dos obxectivos principais deste concurso é conquistar novos espazos de uso para o galego: internet, o correo electrónico ou os chats son espazos de comunicación nos que os mozos e mozas empregan o castelán como lingua habitual. Pretendemos con este concurso dinamizar o uso da lingua galega entre os máis novos nestes espazos de comunicación habitual.
- Pretendemos vincular as rapazas e rapaces de Galicia coa súa lingua e incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para as actividades de lecer e momentos de diversión: o galego ábreche ás portas á hora de coñecer xente, facer amigos e… por que non? Tamén para formar parellas!
- Así mesmo, outro obxecto é relacionar o galego coas formas de diversión xuvenil e potenciar os seus valores como unha lingua próxima, útil e moderna, perfectamente válida para a música. A normalización da lingua galega en moitas ocasións céntrase en contextos institucionais marcadamente formais que non chegan á mocidade dun xeito atractivo. Con este concurso o que pretendemos é normalizar o uso da nosa lingua dende unha perspectiva lúdica, actual e atractiva para a xente nova.

2 Este concurso organízao o Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Libraría Couceiro.

3 O concurso Lingua de amor consta de dúas modalidades:
- MODALIDADE 1: declaracións de amor en galego a través da rede
- MODALIDADE 2: cancións de amor en lingua galega
 
4 MODALIDADE 1: declaracións de amor en galego a través da rede

- Consiste na elaboración dunha mensaxe que conteña unha declaración de amor. Todas as declaración que se envíen deberán estar escritas en lingua galega.
- A temática das mensaxes será amorosa e poderán estar escritas en prosa ou en verso.
- A extensión máxima da mensaxe é de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. As mensaxes que excedan esta extensión quedarán fóra do concurso.
- Terase en conta o grao de elaboración e a orixinalidade. Ademais todas as declaracións deberán ser inéditas.
- Establecerase un máximo de dúas mensaxes por participante.
- Establécense dúas categorías de idade dentro da modalidade 1:

Categoría A: de 14 a 19 anos
Categoría B: de 20 a 35 anos
- Para poder enviar as mensaxes é necesario rexistrarse na páxina do concurso: www.linguadeamor.eu, para o que se deberá cubrir un formulario de inscrición.
- Todas as mensaxes serán publicadas na páxina www.linguadeamor.eu. Só aparecerán con nome as mensaxes gañadoras.
- A data límite para o envío das declaracións é o 10 de maio de 2009.
- As persoas que queiran participar só como votantes tamén se deberán rexistrar na páxina do concurso. Para esta modalidade o proceso de votacións será o seguinte: os usuarios contarán cun máximo de dez votos por cada unha das categorías de idade. Os usuarios poderán modificar as súas votacións mentres dure o período establecido para isto.
- O período de votacións permanecerá aberto dende o 11 ata o 17 de maio.
- O xurado estará composto pola presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, a concelleira de Igualdade, Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Vigo, dous representantes de recoñecido prestixio do mundo da cultura e as técnicas de normalización lingüística do CXG e do Concello de Vigo.
- O xurado do concurso reunirase unha vez rematado o prazo de votación, e elixirá as declaracións gañadoras de entre as 100 declaracións máis votadas polos usuarios en cada unha das categorías de idade.
- Os nomes das persoas gañadoras faranse públicos o 21 de maio na páxina web do concurso (www.linguadeamor.eu). Contactarase coas persoas gañadoras a través do número de teléfono que se facilitara no formulario de inscrición.
- O 30 de maio haberá unha entrega de premios que terá lugar na cidade de Vigo
- Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade:
Categoría A:
1.º Un ordenador portátil
2.º Unha videoconsola PlayStation3
3.º Un Ipod

Categoría B:
1.º Un ordenador portátil + unha cea para dúas persoas
2.º Unha videoconsola PlayStation3 + unha cea para dúas persoas
3.º Un Ipod + unha cea para dúas persoas
Ademais destes premios, todas as persoas gañadoras recibirán un lote de libros en galego.
- A organización do concurso poderá desbotar aquelas mensaxes de carácter discriminatorio ou ofensivo.
 

5 MODALIDADE 2: cancións en galego
- Consiste na elaboración dunha canción cuxo contido estea relacionado coa temática deste concurso: o amor (á parella, á familia, á terra, aos animais, á lingua…), o desamor, a amizade, as relacións persoais… Así mesmo, tamén se poderán musicar poemas de amor da literatura galega.
- Todas as cancións que participen deberán empregar o idioma galego.
- Nesta modalidade, poderán participar todas as persoas ou grupos que o desexen, sen límite de idade. O/A concursante deberá ser obrigatoriamente o artista/intérprete e o autor da maqueta presentada a concurso, aínda que poderá estar acompañado na interpretación por outros músicos (estes non serán considerados como concursantes).
- O estilo das cancións é libre.
- Non se admiten cancións que inciten ao racismo, á xenofobia, á homofobia, a calquera tipo de violencia, fagan apoloxía do terrorismo ou que atenten conta a dignidade da persoa.
- As cancións deberán ser orixinais e non poderán estar suxeitas a ningunha obriga contractual previa. A organización do concurso non se responsabiliza da autoría das composicións. Calquera apropiación indebida de dereitos de autor na canción é responsabilidade da persoa que a inscribiu.
- Cada autor/a ou grupo poderá participar co número de obras que considere oportuno.
- As maquetas das cancións deberán enviarse a través da páxina web do concurso en formato audio (.mp3) ou vídeo en quicktime (.mov)
- Para poder enviar as maquetas é necesario rexistrarse na páxina do concurso: www.linguadeamor.eu, para o que se deberá cubrir o formulario de inscrición.
- Os autores e autoras ceden gratuitamente os dereitos das súas cancións para facer uso delas sen fins comerciais co fin da promoción do concurso durante este ano ou en convocatorias posteriores.
- Todas as cancións serán publicadas na páxina www.linguadeamor.eu. Publicarase o título da obra, o estilo e o nome do autor/a ou grupo.
- A data límite para o envío das cancións é o 10 de maio de 2009.
- O período de votacións permanecerá aberto dende o 11 ata o 17 de maio.
- As persoas que queiran participar só como votantes tamén se deberán rexistrar na páxina do concurso. Para esta modalidade o proceso de votacións será o seguinte: os usuarios poderán asignarlle a cada unha das cancións unha puntuación, que irá do 1 ao 5. Os usuarios poderán modificar as súas votacións mentres permaneza aberto o prazo para votar.
- O xurado estará composto pola presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, a concelleira de Igualdade, Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Vigo, dous representantes de recoñecido prestixio do mundo da industria musical e as técnicas de normalización lingüística do CXG e do Concello de Vigo.
- O xurado do concurso reunirase unha vez rematado o prazo de votación, e elixirá as cancións gañadoras de entre as 20 máis votadas polos usuarios.
- Os nomes das persoas/grupos gañadores faranse públicos o 21 de maio na páxina web do concurso (www.linguadeamor.eu). Contactarase coas persoas gañadoras a través do número de teléfono que se facilitara no formulario de inscrición.
- O 30 de maio haberá unha entrega de premios que terá lugar na cidade de Vigo
- Establécense tres premios ás tres mellores cancións:

1º Un ordenador portátil + unha fin de semana nunha casa de turismo rural
2º Unha videoconsola PlayStation3 + unha fin de semana nunha casa de turismo rural
3º Un Ipod + unha fin de semana nunha casa de turismo rural

6 A participación neste concurso implica a plena aceptación destas bases
7 A organización resérvase o dereito de modificar e interpretar as bases deste concurso sempre e cando fose necesario para o seu bo desenvolvemento.
 
Achegámosvos xunto con este correo o cartel e as bases do concurso en formato .pdf.
Agradeceriámosvos que lle désedes a maior difusión posible a esta actividade.
 
Consello da Xuventude de Galicia
Servizo de Normalización Lingüística
www.linguadeamor.eu
linguadeamor@cxg.org

“Ferve a rede” é un concurso de microrrelatos eróticos que desenvolve a páxina de novas de galiza Vieiros.
Os interesados en participar na edición 2009 , poden comezar a enviar os seus microrrelatos eróticos xa , debido a que o prazo de apertura tivo lugar o pasado 10 de marzo.

Para poder enviar un relato ou para votar por eles , hai que estar rexistrado en Vieiros, e cada usuario pode enviar un máximo de tres textos. Este ano aumentouse o número máximo de caracteres dos relatos (690). O gañador/a será elidido , por un xurado, que se reunirá a partir do 24 de abril (último día no que se admitirán relatos). O segundo premio sortearase entre todos os participantes.
 
Os premios da nova edición mudan con respecto os do ano pasado. Cando no 2008 se agasallaba con unha viaxe a Venecia , este ano o destino será Bruxas ( Flandres-Bélxica , cidade moi fermosa e romántica , coñecida como a Venecia do norte , pola beleza dos seus canais). A viaxe inclue a estadía no Hotel Pand (4 estrelas) , onde a parella disfrutará de todas as comodidades ( almorzo , champagne, unha cea romántica e un paseo en barco polos canais).

    Ramón Piñeiro naceu en Armea, na parroquia de Láncara, provincia de Lugo, o día 31 de maio do ano 1915. Era fillo de Salvador Piñeiro García e de Vicenta López Fernández.

   O pai viviu de mozo en Madrid, onde se fixo cunha importante cultura, en contacto con grupos liberais. Foi alí onde coñeceu a súa futura muller, veciña do lugar de A Pedreira, que daquela residía tamén na capital en compañía dun irmán que tiña de negocio.

   Despois de casar construíron a casa familiar de Armea, que non puideron  rematala por falta de diñeiro.

   Esa foi a razón de que Vicenta emigrase a Bos Aires, quedando o seu home, que daquela traballaba como oficial no concello, ó cargo dos nenos e da casa.

   En Láncara, os Piñeiro eran coñecidos polo nome de “Os de Abaixo”, que para o resto dos veciños quería dicir que eran persoas raras, aínda que tamén tiñan fama de seren moi intelixentes.

   Era unha historia antiga, pero que se reforzou moito durante a infancia de Piñeiro, pois dous tíos seus chegaron a padecer enfermidades de tipo mental.

   A rareza dos Piñeiro, sen embargo, incluía tamén historias agradables, como a lenda dun tesouro atopado por un dos antepasados da familia. Unha versión aseguraba que un día, estando nun prado, un dos bisavós de Piñeiro encontrara unha arqueta chea de moedas de ouro. Esa arqueta estivo no faiado da casa durante moitos anos.

   Outra versión, esta de tipo fantástico, pretendía que a arqueta co tesouro fora vista flotando no río cunha moura que ía sentada nela e se peiteaba cun peite de ouro.

   O máis probable é que a arqueta fose un tesouro agachado por alguén cando a francesada.

   Co diñeiro do tesouro, os Piñeiro levantaron a casa familiar.

   Ramón non naceu nela, senón na que construíron os seus pais e que foi a causa de que a nai marchase a Buenos Aires en busca de fortuna para podela rematar.

   Desta casa proceden os primeiros recordos de Ramón Piñeiro, cando a nai o metía nun pequeno espazo coutado con bancos de madeira e el se puña a correr arredor, divertido pola propia velocidade con que o facía.

   De neno, Piñeiro foi un neno tímido, en parte porque vivía illado e sen poder xogar con outros nenos, debido á distancia que había entre a casa familiar e as demais casas da aldea. Por iso, xogaba só. Construía casiñas de barro e botaba longas parrafadas consigo mesmo.

   Esta timidez e tendencia á soidade acentuábase cando había visitas na casa. Nesas ocasións, o neno desaparecía rapidamente, pero procurando que non se notase.

   Na súa soidade, Ramón meditaba. Un dos problemas que o intrigaban era o tren, do que lle escoitara dicir ó seu pai que era como un coche moi grande, pero sen cabalos. Esa idea non a conseguía entender pois os únicos vehículos de tracción que coñecía eran os carros arrastrados polos bois ou os carromatos tirados polos cabalos.

   Tamén sentía interese pola escritura.

   En parte, este interese proviña do feito de que o seu pai, que era un bo calígrafo, cuestión moi importante nunha época en que practicamente non existía outro tipo de escritura, tiña a teoría, entón bastante estendida, de que os nenos podían aprender a ler pronto, pero non a escribir, pois había que evitar que adquirisen vicios que logo serían moi difíciles de enmendar.

   Por esta razón, Piñeiro soubo ler moi pronto, pero ninguén lle aprendeu a escribir antes de ir á escola. Fíxoo el pola súa conta. Utilizaba garabullos para trazar liñas sobre a cinsa ou na terra, e tamén pallas que mollaba en auga, coas cales debuxaba sobre a mesa da cociña. Nisto contaba coa axuda da nai.

   Deste xeito, cando Piñeiro cumpriu seis anos e foi á escola, xa sabía ler e escribir.
 
   Na escola, o mestre falaba en castelán, o cal desconcertou ó neno, que non entendía a razón daquela situación estraña, pois o galego era a única lingua que se falaba na súa casa e na aldea, entre os veciños. Sentíuno como unha humillación.

 Na escola, Piñeiro aburríase porque xa sabía ler e escribir.

   Para distraerse, intrigado pola historia aquela que o seu pai lle tiña contado respecto do tren, púxose a imaxinar como podía se-la máquina que arrastraba o comboio, que era o substituto dos cabalos. Despois, pintouna na pizarra, tratando de descubrir o segredo do seu funcionamento.

   Estaba tan emocionado coa solución daquel enigma, que un día non se decatou de que o mestre o chamaba. Entón este achegóuse ata a mesa de Ramón e preguntoulle: “¿ Tú vienes a la escuela a estudiar o vienes a jugar?” O neno quixo oculta-la “pizarra”, pero o mestre colleuna e preguntoulle: “¿ Qué es esto?” Collido por sorpresa, respondeu que era a máquina do tren. Entón o mestre díxolle: “ ¿La máquina del tren? ¿Así que en lugar de estudiar como los demás, te dedicas a inventar cosas? Sin duda vas a ser de los que inventan la pólvora.”

   O que máis amolou a Piñeiro foron as burlas dos seus compañeiros maiores, un día, por fin, Piñeiro puido ve-lo tren. Foi en Sarria, con motivo dunha viaxe a Lugo para ir ás festas do San Froilán.

   Pero antes recibiu outra sorpresa: a luz eléctrica, que non coñecía.

   Aquel mesmo día foi comer a un restaurante co seu pai, onde o neno viu unha luz que non era nin un candil nin unha vela, que ademais non se apagaba soprando.

   Despois xa veu o tren. Cando estaba esperando na estación, ó divisa-la locomotora avanzando pola vía, botouse a correr despavorido, ata que o seu pai o colleu e o tranquilizou.

   A viaxe foi todo un acontecemento.

  En Lugo, seguiron as sorpresas, sobre todo a iluminación das rúas, pois o neno, en Láncara, non coñecía máis luz para andar de noite que a que viña da lúa e as estrelas ou os fachóns de palla que se empregaban para desprazarse polos rueiros e os camiños.

 

…..O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.
…..Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirao do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas en procura do pai ensoñado.
…..De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato, ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por el un grande amor, e canto máis se achegaba o americano, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.
…..Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecía por bicalo a fartar.
…..¡Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou en que o seguían os ollos angurentos dun neno.
…..Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.
…..E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazando a súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo…
…..Aquel si que era o pai de Migueliño.

Unha análise reflexiva sobre as condicións de vida infrahumana que están a padecer as persoas que viven no continente africano e a indiferencia que amosan os países desenvolvidos ante esta situación.

Bótanlle a culpa á idade, din que é unha fase de rebeldía, que cando maduremos, cambiaremos radicalmente a nosa forma de ser, que non seremos os mesmos duns anos antes. Din que non nos preocuparán as parvadas de agora, e que valoraremos máis o que temos.
Eu o que digo é que os mozos somos máis maduros do que parece, gritamos para facernos escoitar e temos que aproveitar estes momentos porque nunca xamais estaremos así de vivos.
Miramos cara o futuro co mesmo medo, coas mesmas esperanzas, soños, ilusións e paixóns que calquera adulto do noso redor.
Nós podemos cambiar o mundo dándolle un novo sentido, non só somos os egoístas que todos pensan. Somos persoas que poñemos o mellor de nós en cada tarefa que facemos, que valoramos cousas que despois non se terán en conta, que gozamos con detalles insignificantes que nos enchen de felicidade. Choramos por todo e por nada. Rimos sempre e nunca.
Somos nós. O futuro. A incerteza. A esperanza.

Alejandra Picón Romero, alumna de 1º ESO B, foi a gañadora do certame SAN VALENTÍN 2009 convocado polo EDNL do IES. A gañadora presentou un poema de amor de corte intimista estructurado en cinco estrofas. Alejandra asina co seudónimo “A Gata Negra”.

Sempre cho repiten, mais xamais te paras a pensar sobre a verdade que gardan esas palabras: nunca sabes o valor das cousas ata que as perdes.
Moi certo. Nunca. Cando te das conta, sempre é demasiado tarde, a primavera pasou para instaurar un inverno permanente no teu ser, a túa razón de vivir perdeu todo o sentido que  noutro tempo tiña.
O sorriso que antes aloumiñaba o teu rostro, desapareceu como se endexamais existise. A dor e a tristeza acompáñante as vintecatro horas do día, e non podes agocharte en ningún lugar, nada te protexe destes sentimentos.
En torno ó teu corazón fórmase unha muralla, e sobre a túa apariencia unha fachada difícil de derrubar. Todo comeza a carecerche de sentido, faste mil preguntas que non podes resolver.
A soidade é a túa máis sinceira compañeira, só ela está contigo, só ela te comprende.
O teu cuarto é agora o teu refuxio, ninguén máis pode pasar. Soamente ti e a soidade. E segues pensando en que fixeches mal, se a culpa é túa ou pasou sen máis, cuestionas se a túa vida é importante, se deberías desaparecer…Fúndeste nunha espiral, nun abismo negro e incerto..
E aparece a luz.

380 Artigos |   | 1  |   | 42  | 43  | 44  | 45  | 46  | 47  | 48  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.