Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / ...
Os nosos autores
Artigos nesta sección:

O artigo dos investigadores portugueses utiliza os estudos do etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo para elaboraren as súas conclusións.

Luís Aldegunde naceu en Golás, cousa que non todo o mundo pode dicir, unha aldea de 20 habitantes no concello do Corgo, a 10 km. -8 polos atallos- de onde o fixo Ramón Piñeiro. Despois estudou a educación primaria no colexio que agora leva o nome do escritor lancarao e aquí rematan os parecidos entre os dous. Agora dá clase no CPI dos Dices, en Rois, e este ano editou un par de vídeos sobre Piñeiro.

Nas dúas últimas horas dos mércores durante este mes de maio e mais a primeira semana de xuño, imos disfrutar dun obradoiro de escrita creativa . O pasado mércores 6 de maio tivemos a primeira sesión con Carlos Negro, que vai ser quen nos introduza no mundo da creación literaria.

X. Ricardo Losada (Rianxo, 1961), profesor de filosofía no IES Espiñeira de Boiro. É socio fundador e secretario da Asociación Cultural Barbantia. Publicou o libro de relatos O xene da chuvia e o ensaio Premio Faustino Rey Romero. Dez anos de poesía. Colabora no suplemento cultural A voz de Barbantia, en varias revistas culturais e publicou relatos nos libros colectivos Voces da guerra e Luces da cidade, entre outros.

A primeira semana á volta de Semana Santa desenvolveuse a Semana Cultural no noso IES. O alumnado de 2º de Bach. tivemos oportunidade de ir a un par de charlas.

…..Por amainala conciencia guindei co meu título de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial; mais unha noite foron requiridos os meus servicios.
…..Era domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé da porta. Deume as boas noites e rompeu a chorar, e por entre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas que soamente logrou dicirme que tiña un fillo a morrer.
…..O pobre pai turraba por min, e eu deixábame levar, enfeitizado pola súa dor. ¡Despois de todo eu era médico titulado e non podía negarme! E tiven tan fortes anceios de compracelo que sentín xurdir nos meus adentros unha grande ciencia…
…..Cando chegamos á casa de Melchor logrei arriarme das súas mans, e con finxido acoitamento confeseille que sabía pouco da carreira…
…..-Repara que hai moitos anos que non visito enfermos.
E entón Melchor, facendo un esforzo, díxome quedamente:
…..-O meu fillo xa non precisa de médicos. Eu xa sei que o coitado non pasa da noite. E váiseme, señor; ¡váiseme e non teño ningún retrato seu!
…..Ai, eu non fora chamado como médico; eu fora chamado como retratista, e no intre sentín ganas acedas de botarme a rir.
…..E por verme ceibe de xeira tan macabra díxenlle que unha fotografía era mellor ca un deseño, asegureille que de noite poden facerse fotografías, e botando man de moitos razonamentos logrei que Melchor largase de min á cata dun fotógrafo. A cousa quedaba arrombada, e funme durmir, con mil ideas ensarilladas na chola.
…..Cando estaba prendendo no sono petaron na miña porta. Era Melchor.
…..-¡Os fotógrafos din que non teñen magnesio!
…..E díxomo tremendo de anguria. A face albeira, e os ollos coma dous tetos de carne vermella de tanto chorar.
…..Endexamais fitei a un home tan desfeito pola dor.
…..Pregaba, pregaba, e collíame as mans, e turraba por min, e o malpocado dicía cousas que me rachaban as entrañas:
…..-Considérese, señor. Dous riscos de vostede nun papel e xa poderei ollar sempre a cariña do meu neno. ¡Non me deixe na escuridade, señor!
…..¡Quen teria corazón para negarse! Collín papel e lápiz, e alá me fun con Melchor, disposto a facer un retrato do rapaz moribundo.
…..Todo estaba quedo e todo estaba calado. Unha luz cansa alumeaba, en amarelo, dúas facianas arrepiantes que ventaban a morte. O neno era o centro daquela pobreza da materia.
…..Sen dicir nada senteime a debuxa¬lo que ollaban os meus ollos de terra, e soamente ó cabo dalgún tempo conseguín afacerme ó drama que fitaba e aínda esquecelo un pouco, para poder traballar afervoado, coma un artista. E cando o deseño estaba xa no seu punto a voz de Melchor, agrandada por tanto silencio, feriume con estas verbas:
…..-Pola alma dos seus defuntos, non mo retrate así. ¡Non lle poña esa cara tan encoveirada e tan triste!
…..Confeso que ó volver á realidade non souben que facer, e púxenme a repasa¬las liñas xa feitas do retrato. O silencio foi esgazado novamente por Melchor:
…..-Vostede ben sabe como era o meu rapaciño. Faga memoria, señor, e debúxemo rindo.
…..De súpeto naceume unha grande idea. Rachei o traballo, ensumín o meu ollar nun novo papel branco e debuxei un neno imaxinario. Inventei un neno moi bonito, moi bonito: un anxo de retábulo barroco, a sorrir.
…..Entreguei o debuxo e saín fuxindo, e no intre de poñe-lo pé na rúa sentin que choraban dentro da casa. A morte viñera.
…..Agora Melchor consólase ollando a miña obra, que está pendurada enriba da cómoda, e sempre di coa mellor fe do mundo:
…..-Tiven moitos fillos, pero o máis bonito de todos foi o que me morreu. Velaí está o retrato que non mente.

 

…..O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.
…..Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirao do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas en procura do pai ensoñado.
…..De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato, ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por el un grande amor, e canto máis se achegaba o americano, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.
…..Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecía por bicalo a fartar.
…..¡Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou en que o seguían os ollos angurentos dun neno.
…..Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.
…..E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazando a súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo…
…..Aquel si que era o pai de Migueliño.

31 Artigos |   | 1  | 2  | 3  | 4
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.