Imaxe de cabeceira
Música ...de aquí e de acolá
Artigos nesta sección:

O sábado 13 de setembro de 2008 estreouse, no Teatro Colón Caixa Galicia da Coruña e coa produción da Asociación de Amigos da Ópera desta cidade, a ópera {O arame}, con música do vigués Juan Durán e libreto do lucense Manuel Lourenzo.

A obra é unha ópera de cámara, nun só acto, cunha duración aproximada de hora e cuarto e coa presenza de poucos personaxes. Concretamente participan un barítono, unha soprano, dous bailaríns e unha orquestra de cámara con 16 músicos (corda, vento, piano e percusión).

O libreto narra a historia de Gloria e Labarta, dous titiriteiros que, ao final da súa vida, chegan á beira do mar onde reflexionan sobre os seus soños, recordos e penas. O personaxe masculino, Labarta, representa un artista que aínda mantén a ilusión e cre que pode volver aos éxitos do pasado, mentres o feminino, Gloria, representa o lado contrario, o dunha muller rendida, sen ilusión nin esperanza, que non quere continuar. Ese ton nostálxico e poético da historia, fai que a música non sexa épica, senón contida, lírica, sensible, con tons apagados, aínda que ao final se perciba unha certa esperanza.

O canto segue as características dun recitativo “cantábile”, sen grandes arias ao estilo italiano, senón cunha especie de continuidade, de diálogo e acción sen interrupcións ata o final. A música empregada é moi descritiva e con motivos que acompañan aos distintos personaxes e accións coma o mar, o camiñar do equilibrista polo arame…

Na estrea do 13 de setembro actuaron o barítono Javier Franco (coruñés, residente en Italia), a soprano Carmen Durán (viguesa, residente en Alemaña), os bailaríns Catarina Varela e Alexis Fernández (pertencentes ao Centro Coreográfico Galego) e o {Grupo Instrumental Siglo XX} baixo a dirección do compostelán Maximino Zumalave. A escenografía correu a cargo de Rodrigo Roel e a actuación apareceu reforzada cunha videoproxección.

Cómpre salientar as palabras do compositor ao comentar a obra e dicir que “a música está supeditada ao texto porque non hai que esquecer que a ópera é fundamentalmente teatro. Hai que deixar que a escena e o argumento sexan moi comprensibles e tamén se debe apoiar o lucimento dos cantantes, porque ao fin e ao cabo son os que transmiten a mensaxe.”

121 Artigos |   | 1  |   | 11  | 12  | 13  | 14  | 15  | 16
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.