Imaxe de cabeceira
Todos os artigos de 'Redacción'.

O día 31 de marzo celébrase o “Día da visibilidade trans”, recordando a loita diaria da comunidade transexual polos seus dereitos. Estas, son persoas que teñen que aguantar a negación da súa identidade por parte da maioría da sociedade durante toda a súa vida e mesmo son tratadas como enfermas.

Para comezar, só hai aproximadamente dous anos que a Organización Mundial da Saúde, eliminaba a transexualidade da súa lista de trastornos mentais. Isto é, até o 2018, as persoas transexuais eran tratadas, cientificamente, como enfermas. Non o é, a nosa bioloxía e xenitais non nos definen como homes ou mulleres, somos nós mesmas as que debemos facer iso. O certo é que, pese a que a OMS o descartase como enfermidade, elas teñen que seguir aguantando que as traten como tal. Un exemplo disto é un home canario, cuxo médico escribiu “enfermidade: transexualismo”, cando el só acudía alí porque se atopaba mal. Cal é a razón pola que á xente lle molesta que os demais se expresen tal e como son?

O 25 de marzo de 2019 íamos durmir ca nova dun novo incendio en Dodro. Á mañá seguinte espertamos con que ese lume voraz que comezara en Dodro estendérase a algunhas parroquias de Rianxo. Os rapaces ese día tiñamos que ir ao instituto, como un día calquera, pero cun medo no corpo que non era característico dun día calquera. Todo era normal ata que nas últimas horas da mañá comezamos a ver como todo o ceo se cubría dun fume gris, case negro. Xa non víamos o ceo azul dese día cando chegaron os bombeiros e a garda civil de Rianxo para desaloxarnos. O lume estaba xusto detrás do instituto. Como chegou tan rápido?! Era unha situación totalmente desconcertante.

Este incendio levou consigo máis de 1.200 hectáreas dende Rianxo ata O Barco de Valdeorras. Os veciños de Rianxo desaloxados e o nivel 2 de alerta establecido nun incendio que mobilizou medios aéreos, militares e servizos de emerxencia aos que se uniron os habitantes da zona. Moitos rianxeiros e de arredores perderon parte da súas terras de cultivo, invernadoiros e mesmo os seus fogares. Pero…que ou quen provocou isto? A hipótese que a propia Xunta manexou foi a dunha chispa procedente dunha torre de alta tensión como primeira fonte do incendio. O tempo meteorolóxico tampouco axudou nos labores de extinción xa que as escasas precipitacións, as elevadas temperaturas deses días e o vento levaron a que o lume se estendera con tanta rapidez.

Algunha das ferramentas matemáticas que se utilizan nas epidemias sería por exemplo a curva da que falan os medios. Isto non deixa de ser unha función na que representamos os infectados con respecto ao tempo. A derivada dinos como de rápido e de lento cambia esa función, se non cambia a derivada é 0. Os sistemas, se interveñen as ecuacións e as derivadas, serían ecuacións diferenciais. Mídese a xente susceptible a ser infectada, a infectada e a xente que se deixa fóra (tamén se poden engadir os expostos).

A cantidade de contaxiados que produce un só infectado é un parámetro que, se é maior que un, significa que pode infectar a varias persoas. Se é así, estamos nunha epidemia e hai que reducilo a un ou a menor que un. Depende de moitas cousas, como as nosas costumes, con canta xente esteamos, a bioloxía da enfermidade, etc. Na nosa man está, tentar xerar unha vacina ou intentar evitar o contacto.

Algúns sistemas biolóxicos compórtanse de forma exponencial. Ao principio ninguén ten virus, logo vai habendo enfermos e por último, vai quedando menos xente con posibilidade de ser infectada. Entón, temos que mirar canta xente queda dispoñible para contaxiar, e cando non haxa, acabaríase a curva e a epidemia.

            Se un inglés desexase acceder a un cargo público en Francia, Alemaña ou Italia, sabería que ten que aprender a súa lingua. Pode que nuns anos nos atopemos en postos públicos ingleses que descoñecen o español, italiano ou portugués, e será culpa dos españois que o permitiron. Deben os galegos permitir que ás persoas a quen lles pagan os soldos descoñezan a súa lingua?

Calquera persoa que viva na Galiza pode desmentir as palabras do deputado que afirmou: “Ninguén pode negar que o castelán desapareceu da Galicia”. O que demostra ese deputado, ademais de non pasar moito tempo no país, é que non respecta a normalización lingüística.

Non podemos esquecer que os galego-falantes temos o dereito a expresarnos en galego se así o desexamos: como poñelo en funcionamento se o funcionariado da Galiza descoñece a nosa lingua? Os galegos deben poder empregar a lingua de xeito natural, sen ter que estar reivindicando ese dereito do que non gozan.

O Día Mundial do Teatro celébrase o 27 de marzo de cada ano e foi creado polo Instituto Internacional do Teatro en 1961. O seu principal obxectivo é dar a coñecer o que representa o teatro para a cultura a nivel mundial. E dende logo que para a cultura galega é inevitable recordar obras tan relevantes como “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao ou “A fiestra valdeira” de Rafael Dieste, entre outras moitas obras teatrais. Ademais o teatro ten a particularidade de espertar verdadeiras paixóns, sentimentos e emocións, e non só nos espectadores, pois son neta dun dos actores que participou na estrea de “A fiestra valdeira” e, a día de hoxe, o meu avó asegura que foi unha experiencia única na súa vida.

Así mesmo, destaca a Ultranoite no teatro galego. A Ultranoite é un cabaret colectivo que o grupo Chévere leva ofrecendo máis de dúas décadas. Asumindo a tradición das Cantigas de Escarnio e Maldicir, con humor sobre a actualidade, empregando a música, próxima ao Entroido, as Ultranoites constitúen un xénero en si. Así mesmo, o grupo Chévere naceu en Santiago de Compostela en plena transición democrática formado por persoas que proviñan de diversas disciplinas como a música, o teatro ou a performance e que romperon cos complexos e a maneira antiga de facer teatro. Despois de recoñecementos como o Premio Nacional de Teatro ou os Premios María Casares, agora levan á escena esas producións teatrais que lles deron a coñecer para celebrar o seu trinta aniversario. Este grupo caracterízase pola súa maneira minimalista de facer teatro e o seu compromiso social con temas como a globalización, o consumismo, a especulación inmobiliaria ou o xénero. As súas producións apelan ao xogo e á risa como forma de expresión. Entre as que alcanzaron maior proxección están “Eurozone” e “Citizen”. Cabe destacar “Eroski paraíso”, unha produción deste grupo que se estreou en 2016. E recentemente a TVG proxectou a súa versión cinematográfica, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron. Con todo, os integrantes do grupo destacan que a Ultranoite ofrece un reflexo cómico, crítico, duro e perralleiro dunha realidade aparente.

A Guerra Civil foi un acontecemento que enfrontou a pais, fillos, irmáns e amigos. Non houbo gañadores, pero si perdedores, e os que escolleron o bando “equivocado”, tiveron que enfrontarse á morte, ao exilio, ou cando menos ao silencio: a calar os seus ideais, a cesar a súa loita, e a ver como o país que desexaban para os seus descendentes, convertíase nunha utopía.

Nunha casa “roxa”, dos descendentes do último alcalde republicano rianxeiro, continua ese silencio a día de hoxe. Meu avó nunca falou do acontecido durante a guerra. Miña nai sempre conta que era algo vetado, algo do que non se lle podía preguntar. Pero el relatoume “Meu pai tivo moita sorte, pois sempre foi moi boa persoa. O seu cuñado era xeneral  dos nacionais en Asturias o cal nos axudou en todo momento e por iso non tivemos que marchar de Rianxo, a pesar de que estaba metido de cheo en política”. Non hai un exemplo máis preto a min do silencio dunha guerra, cando escoito a meus avós repetir día si e día tamén: “Nunca vos metades na política”.

Nunca se produciu ese berro, porque lle quitaron a voz. Vivían do que as tías de meu avó gañaban como mestras, vendo como todos os miraban por riba do ombreiro, porque eles tiveran sorte, as únicas represalias que tiñan era ver como seus fillos pasaban fame, sen poder traballar porque levaban na fronte escrita a palabra “ROXOS”, pero lembremos, unha vez máis que eran afortunados.

Meu avó era un rapaz “moi comedoriño”, como se di na miña casa, polo que cando empezou a faltar a comida para el e seus irmáns, acostumaba a irlle pedir comida aos seus veciños: “Recordo chorar na porta dos veciños do lado, sempre se apiedaban de min, e dábanme parte da bola de pan. Facíalles graza que un rapaz gordiño chorara por fame. Meu pai estaba acostumado a baixar a cabeza pola rúa, e agora facíao tamén ao saír á porta da súa casa, por culpa de seu fillo que ía rogando comida”.

Na actualidade, o niño de “roxos” que foi o Bar Nine, quedou impregnado de silencio. Meu avó puido traballar nel, porque cesaron as represalias  (deixáronlle telo aberto) e iso foi máis que suficiente. É fogar, lugar de risas e lugar de xuntanza, unha pequena taberna familiar, que esqueceu calquera sufrimento pasado, pois así tiña que ser “e non te metas nunca en política, porque para que?”.

470 Artigos |   | 1  |   | 4  | 5  | 6  | 7  | 8  | 9  | 10  | 11  | 12  | 13  | 14  |   | 59  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.