Imaxe de cabeceira
Todos os artigos de 'Redacción'.

Quen non recorda esa época na que o peor dos males eran as vacinas, as marabillosas e interminables horas que se adicaban a divertirse e a xogar, as clases do colexio… Quen non recorda cando en infantil as nosas mestras e mestres nos ensinaban a conxugar os verbos co pasado, presente, futuro, a convivir entre nós e mesmo ata axudarnos a formar unha opinión propia.Todo iso está a cambiar. Estámolo a cambiar. Aos rapaces de hoxe en día non lles ensinan a conxugar os verbos coma nós; non din: eu quero, ti queres, el quere. Din: yo quiero, tú quieres, él quiere… Isto está ben, apréndenlle a falar. Pero sería mellor que en vez de ensinarlles o mesmo que a un neno madrileño lles ensinasen tamén o idioma dun neno galego. Polo menos ter algo bo do que diferenciarnos non? E non sermos todos iguais! Aquí é onde interveñen os tempos verbais cos que nos ensinaron; actualmente, o 96% dos centros de infantil deixaron de ensinar o galego só nos ultimos dous anos e isto coincide -misteriosamente- coa entrada en vigor do decreto do plurilinguismo, o cal temos presente dende o 2010. Estes datos fannos recapacitar, polo menos a min, e enorgulléceme poder decir que me obrigan a recapacitar, porque para iso temos que ter, aparte de liberdade de expresión, capacidade de reflexión, e, para isto, tamén é necesario ter a capacidade de posuir un pensamento único e de sacar conclusións propias, as cales, por desgraza, a este ritmo, en poucos anos serán un bo motivo para alardear. Aquí entra o tempo do pasado: todas estas capacidades desenvólvense pola educación que recibimos e a educación intervén na nosa personalidade. No meu caso, hónrame dicir que finalicei o colexio sabendo falar en dous idiomas. Cando somos nenos, somos como unha esponxa, a cal absorbe a maior cantidade de coñecementos, sempre a facer preguntas e a buscar os porqués; está demostrado que un rapaz de menos de cinco anos pode aprender tres linguas diferentes ao mesmo tempo, o cal gaña en cultura e benefíciao porque o día de mañán non se lle pecharán portas, ademais de que saber varios idiomas favorece a intelixencia. En Galicia só estamos educando aos nosos fillos con un, o castelán, en realidade permitimos que os eduquen en castelán, posto que en primaria se educan neste idioma, porque a maioría dos pais, a través dunha enquisa, elixen o idioma no que queren que os seus fillos reciban a ensinanza; isto ademais de condicionar aos nenos, á larga perxudícaos porque os pais non deben decidir segundo o seu punto de vista, deben facer un esforzo e comprender que, se o seu fillo quere falar en galego deben ensinarllo, se non lle gusta, pois que decida el non utilizalo, pero non darlle motivos para que dentro duns anos lles recrimine aos pais o feito de non saber falalo. Isto, aparte de ser malo para os nenos, é ilegal!, así o declara unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a cal di que o artigo 5.2. onde se estipulaba o uso da enquisa por parte dos pais, afirma que a administración non pode “abdicar” dos seus dereitos e a elección do idioma de ensinanza non dependen da elección dos pais. Ademais outro dos apartados desta sentenza, moi importante, e que tamén inflúe moito, é a abolición do artigo 12.3. no cal se establecía que o alumnado podería escoller falar galego ou castelán na aula, o cal crea unha situación de desprestixio contra o galego e impide o fomento do seu uso de forma progresiva, xa que se os nenos aprenden en castelán e só saben falar nesa lingua, na aula só escollerán a lingua que dominan, isto, co paso do tempo fará que deixen de falar en galego; o galego non se perderá, perderán eles a oportunidade de falalo e de coñecelo. Fará unha sociedade monótona, na que as persoas con falta de cultura non teñan opinións persoais e sexan manexables, por iso cada vez que escoitemos a un mozo dicir que o galego non serve ou que se quedou anticuado estaremos ante un claro exemplo dunha falta de cultura e unha falta de personalidade tremendas, provocadas por culpa dunha mala educación, pero a culpa non será súa, será nosa por permitilo, posto que independentemente de que o TSXG emitira unha sentenza en contra do decreto do plurilinguismo do 2010, a Xunta descarta derrogalo. Se non poñemos da nosa parte, o futuro que nos ensinaron no colexio, non seguirá sendo o futuro, senón que rematará sendo o pasado lonxano do presente que estamos creando.

470 Artigos |   | 1  |   | 51  | 52  | 53  | 54  | 55  | 56  | 57  | 58  | 59  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.