Imaxe de cabeceira
Todos os artigos de 'Redacción'.

O certame fotográfico Corasóns convocado polo ENDLG polo día da Candeloria, consistía en realizar fotografías de corazóns pero sen corazóns, é dicir, servirse da imaxinación e da orixinalidade para obter unhas imaxes magníficas de corazóns suxeridos, insinuados. O único que se precisaba era unha cámara de fotos e unha bonita frase coa que acompañar a imaxe. Todos os participantes fixeron un gran traballo pero só tres podían ser gañadores ou gañadoras. Entre os que se quedaron ás portas de gañar están algunhas imaxes como estas…

Dentro do Proxecto Rianxo Fala que estamos a desenvolver este curso o grupo de 3º PDC traballamos arredor do ecolingüismo e da relación entre especies en perigo de extinción e linguas minorizadas. Pero tamén incidimos na importancia cultural de especies singulares como a herba de namorar, que no caso de que non se perda, tamén se destruiría unha lenda ben bonita. Se o galego desaparece, van morrer moitas cousas canda el. Para sensibilizar ao resto dos nosos compañeiros e compañeiras co tema, fixemos esta curtametraxe. Esperemos que vos guste.

Adianto de HERBA DE NAMORAR, proxecto audiovisual que un grupo de alumnos, encabezados por Adrián Rico, están a desenvolver no marco do proxecto do ENDL do IES Félix Muriel, Rianxo Fala.

Tras a lectura de Made in Galiza, de Séchu Sende, e despois de asistir á representación de Pelos na lingua de Talía Teatro, eis as consecuencias que a actividade provocou entre nós…

Miradas. Murmurios. Silencio. Fóra luces. Comeza a obra. E con ela, as primeiras gargalladas, algunhas, afogadas, reprimidas, outras, ben sonoras. Mexar á risa. Partirse as cachas. Escarallarse… Saín seria do teatro. Aínda cos ollos brillantes polas bágoas precedidas de fortes risotadas, mais seria. Aínda co rebunbio dous aplausos e os asubíos nas tempas, mais seria. Aínda cun sorriso na cara, mais seria. Porque un tema tan serio só se pode afrontar co humor. Tamén co laio, con tristeza, con amargura, mais iso semella quedar vencellado unicamente á poesía. A lírica, tan sentimental, tan afastada da realidade. O teatro, a vida mesma. Chistes, restranca, sarcasmo… Por que? Non somos capaces, non queremos, non nos gusta afrontar a situación da nosa lingua. Demasiada rabia, carraxe, cólera, furor, ira… Impotencia. Mellor mexar á risa, partirse as cachas, escarallarse. Lingua minorizada, lingua non normalizada? Lingua asoballada! Maltratada! Humillada! Tiramos de eufemismos, maquillaxe por riba das mazaduras da fala nai! Sentímonos bruscos se acusamos ao castelán, a España, aos políticos. Se acusamos aos señoritos de "La Coru", de "Sanjenjo", de "Rianjo". E nós mexamos coa risa, partímonos as cachas, escarallámonos…

470 Artigos |   | 1  |   | 50  | 51  | 52  | 53  | 54  | 55  | 56  | 57  | 58  | 59  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.