Imaxe de cabeceira
Todos os artigos de 'Redacción'.

Hai xa un mes, o sábado 27 de abril o equipo feminino cadete do Club de Remo de Rianxo logrou a clasificación para a final do campionato español deste deporte. Quedaron primeiras da súa tanda superando a rivais do País Vasco e lograron o mellor tempo xeral. Este tempo levounas a que ese domingo remaran en Vigo a gran final.

O ser humano, leva coleccionando animais dende as antigas civilizacións, cando emperadores e reis tíñanos para o seu propio entretemento. Foi en Viena, Austria, onde se inaugurou o primeiro zoolóxico en 1752. Dende entón, convertéronse nun lugar habitual de visita nas cidades. A necesidade ou non da existencia destes lugares leva xerando debate dende fai décadas. Salvo o divertimento dos visitantes, eu non vexo ningunha necesidade real para que estas institucións sigan funcionando.

Un dos argumentos máis repetidos a favor da permanencia destas instalacións é que serven para mostrar aos visitantes a enorme diversidade de especies animais que hai no mundo e así ver aquelas que na vida real nunca poderían facelo, concienciando á xente da importancia da conservación das especies. No mundo globalizado no que vivimos, coñecedores dos problemas ambientais que estamos creando e da imparable extinción dos animais, vexo pouco razoable e ético seguir mantendo estes cárceres animais só para o desfrute da sociedade. Grazas á rede, todas as especies do mundo poden ser coñecidas sen necesidade de encerralas en recintos para observalas.

Brancaneves, Cincenta ou Aurora. Todas elas, aparte de ser princesas Disney, presentan nas súas historias unha característica común: un príncipe. Un príncipe que resucita a Brancaneves, un príncipe que salva a Cincenta da súa miserable vida ou un príncipe que esperta a Aurora do seu profundo soño. As súas historias representan a idea do amor perfecto e inalcanzable da sociedade de consumo.

Quen non escoitou algunha vez o dito de encontrar ao teu príncipe azul? Antes de profundar no tema, é necesario aclarar que este non existe (como dicía miña tía nun ton cómico, o príncipe azul son os pais). Non é o único produto da sociedade de consumo relacionado co achado do amor perfecto. Durante décadas, dende Grease ata High School Musical, a industria do cinema provocou que millóns de nenas quixeran encontrar ao seu Danny Zuko ou ao seu Troy Bolton, personaxes irreais, froito da imaxinación de Hollywood.

Este mito do amor perfecto funde as súas raíces no mito da media laranxa, exposto xa polo filósofo grego Platón no século V a. C., na súa obra O Banquete. Menos mal que voces como John Lennon intentaron, coas súas palabras, cambiar esta visión onírica sobre o amor na sociedade de consumo: non nos contaron que xa nacemos enteiros, que ninguén na nosa vida merece cargar nas costas a responsabilidade de completar o que nos falta.

 

 

 

 

 

 

Unha das pescudas filosóficas máis antigas é a busca da verdade tras as aparencias, tendo en conta que dita verdade exista. Pero, máis aló de atopar resposta a este interrogante dentro do ámbito filosófico, atopar a esencia oculta, chegar á verdade universal segue sendo un dos obxectivos máis importantes dentro dunha sociedade, tanto no marco político (discutir cal é o mellor xeito de goberno, por exemplo) coma no interese e curiosidade individual (crer en Deus, elixir un estilo de vida…); así como un dos intereses máis transcendentais dentro da gran industria dos medios de comunicación (cada medio vende a mesma noticia dun xeito totalmente diferente, cada canle televisiva vincúlase a unha determinada ideoloxía política…).

Mais, que é a verdade universal? Poderíamos dicir que existe unha verdade única e absoluta para cada cuestión tendo en conta que existen argumentos dabondo que xustifiquen ou apoien calquera idea, así coma argumentos en contra? Isto é moi sinxelo visto cun exemplo: Podemos xulgar como totalmente culpable a un asasino se realmente temos en conta todos os factores que o levaron a tal crime (un tumor no hipotálamo, esquizofrenia, fortes traumas…)? Mais, a pesar de ter todos eses factores en conta, poderiamos xulgalo como totalmente impune? Ao igual que a culpabilidade dun asasino, todas as verdades son relativas e dependen estritamente da información que se escolla (ou á que se poida acceder). Tamén se debe ter en conta que a información que teñamos e o punto de vista co que se tente elaborar esa verdade irán ligados aos nosos prexuízos (consciente ou inconscientemente) xa que non estamos á marxe da sociedade que nos rodea nin á marxe das nosas propias circunstancias persoais. Chegado a este punto, podemos afirmar que a verdade existe e que non se trata dunha verdade multiperspectivista e cambiante ligada a cada individuo?

Os últimos días houbo un gran número de inundacións ao longo de toda a península pero evitalas resulta case imposible.

Graínzo, neve, chuvia, tormentas, tornados e furacáns , todos eles fenómenos atmosféricos comúns. Terremotos, tsunamis son fenómenos naturais, así os denominan os meteorólogos, para eles só cambios na atmosfera ou cifras nunha pantalla, para os que os sofren son unha catástrofe, un trauma que marcará as súas vidas, a perda non só material dos seus fogares senón tamén a perda de algo que non se pode reemprazar, a súa familia e amigos, todos eles un número que veremos nas noticias desde os nosos televisores nas nosas casas. Que podemos facer para que isto non ocorra? Realmente podemos atenuar os efectos da nai terra?

Atópome a menos dunha semana de rematar a miña educación non universitaria. Concretamente, a seis días de rematar unha etapa neste instituto. Foi un período no que medrei como alumna, pero, sobre todo, como persoa. Por iso, quero analizar a educación actual a través destes seis anos, tanto os aspectos positivos como negativos.

O primeiro que teño que dicir é que son unha afortunada. Todos nós. Podemos acceder a unha educación pública e “gratuíta”, mentres que noutras zonas do planeta non teñen a mesma sorte. Pero como é esta educación? Podería ser mellor. Dende primaria, prepárannos para levar a cabo unha tarefa memorística, non nos ensinan a aprender a aprender. Todos nós coñecemos o exercicio de chapatoria do que somos escravos dende os nosos primeiros anos de educación. Por iso os resultados das últimas –e numerosas- leis de educación son tan desastrosas: entra un goberno de esquerdas e cambia a lei, é escollido un goberno de dereitas e cambia a lei… e así sucesivamente. Ou os políticos elaboran unha lei axeitada e de consenso, ou a educación española desembocará nun desastre aínda maior no que se trata de educarnos para ser escravos do traballo capitalista.

Sendo franca, e logo dos dous anos de bacharelato, cheguei á conclusión de que os anos da ESO non me serviron para nada ou para ben pouco. Sacar unha boas notas non me garantía nada, e digamos que tampouco aprendín demasiado. Ata o ano pasado, non me decatara da importancia das boas notas para conseguir unha media alta que me garanta entrar na carreira que quero, realmente, é unha cuestión que me produce pesadelos. Pero o máis importante foi que non me decatara do interese por aprender que si tiven estes anos.

Pero tamén foi unha etapa na que nos formamos como persoas, adquirindo perspectivas e visións que o noso eu de dez anos non chegaría nunca a entender, iso é o que significa madurar –aínda que algúns o fixeran en maior grao que outros-. Ademais, somos a xeración que viviu plenamente o auxe do feminismo, que chegou para quedarse; mentres que, por desgraza, tamén estamos a vivir o auxe do fascismo, mais esperemos que cunha educación adecuada, poidamos detelo.

Nestes dous últimos anos foi cando máis coñecementos adquirín e tamén o momento no que mellores profesores tiven. Por que? Porque nos ensinaron a ver a materia doutro xeito que na ESO e porque nos trataron dun xeito máis maduro. En Bacharelato foi o momento no que, por fin, puiden ver esa vocación da que tanto falan en certos docentes, e aínda que non o pareza, esa vocación chéganos. Quizais por iso, fose o momento no que máis aprendín, pola vitalidade e a alegría deses profesores por darnos clase e transmitirnos coñecementos, porque, ao fin e ao cabo, diso se trata.

Vou botar de menos todo o que deixo aquí: bonitas experiencias, tristes momentos, suspensos, aprobados, traballos, exposicións, exames, deberes… Pero sobre todo vou botar de menos aos meus compañeiros e compañeiras, por formar unha pequena -e curiosa- pero bonita familia, e aos profesores, porque, como xa dixen antes, creo que nunca atoparei xente tan xeitosa como eles.

Grazas e adeus!

A sociedade capitalista na que a maioría dos países do mundo se atopan ten como piar fundamental o diñeiro e a fama. Como obxectivo fundamental o diñeiro e a fama. Como recompensa polo traballo, o diñeiro e a fama. Todo xira arredor dos cartos e o recoñecemento, e todos somos conscientes diso. Porén moitas persoas tratan o diñeiro, a fama e o poder como conceptos sinónimos; na miña opinión isto non é así, ou polo menos non debería selo.

Para min, o poder adquisitivo está (erroneamente) confundido con posuír a potestade de todo o que nos rodea. Ter diñeiro, fama, gran reputación, ser coñecido a nivel mundial … non é sinónimo de ter dereito sobre a vida doutras persoas. Crerse mellor que alguén por ser o seu xefe ou simplemente por ser máis famoso, pensar que poder “dirixir” a unha persoa na  empresa ou película significa que se ten control desta fóra dela,  resulta desacertado. Aínda así, acontece, e creo que o modelo económico baixo o que nos atopamos ten a culpa. Practicamente a cada momento, nalgún lugar do mundo, unha persoa está a usar o seu poder para extorsionar a outra; un xefe ao seu empregado, unha celebridade a un novo actor… pode ata parecer normal. Isto fai que as persoas teñan tan interiorizado o servir ao rico ou ao famoso que os abusos de poder queden xustificados baixo unha situación cotiá, cando non son máis que iso, abusos. Por exemplo, quen nunca soñou con ser un actor famoso ou director dunha millonaria empresa? probablemente moitas persoas nalgún momento das súas vidas o pensaron, entón, se a maioría da xente aspira a ser coma eles, que tipo de modelo ten a sociedade? Quero dicir, se o teu ídolo durante toda a vida maltrata a outra persoa xustificaralo por todos os medios posibles, facendo que esta situación chegue a “normalizarse”, despois de todo, é unha persoa exitosa e quen non quere ser así?

Dende os últimos anos está aparecendo un prexuízo asociado á lingua galega: o galego como un idioma imposto. Trátase dun prexuízo moi recente, pois, o abandono absoluto por parte dos poderes e a dificultade para o seu uso durante unha gran etapa da historia desta lingua farían imposible a existencia deste prexuízo. Foi nos últimos anos, cando se tomaron as medidas de protección do galego, cando certos grupos comezaron a divulgar esta falacia.

Deste xeito , o 1 de abril de 2019, a Mesa pola Normalización Lingüística, entidade independente constituída en 1986 e que conta con 5000 socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega, sacou unha campaña de denuncia contra a “imposición do galego”. Nesta campaña deixan ver que o galego, claramente ,non é unha lingua imposta na nosa comunidade senón unha lingua minorizada tanto nos ámbitos administrativos, como nos medios de comunicación, así como, no ensino. A través destes cartaces que están sendo repartidos polas diferentes localidades de Galicia e divulgados polas redes sociais, a Mesa quere dar a ver que este é un prexuízo totalmente falso.

Para comezar, en canto aos medios de comunicación, un galego non pode ler un xornal diario impreso integramente en galego xa que as cifras descenden ata o 0 % . No caso da televisión, só o 4% das canles son en galego contra o 96% que hai en lingua castelá. No ámbito da administración as cifras non son moito mellores. O número de pólizas en galego é o 1%, así como, as sentenzas en galego só son o 5% fronte o 95% restante en castelán. Por outro lado, o ensino infantil en galego nas cidades é do 8% , e estes nenos só poden gozar do 0,6 % dos seus xoguetes na lingua de Galicia. Desta forma, as cifras de nenos de entre 4 e 15 anos que non saben falar a lingua da súa comunidade ascende ao 22,7%.

Así vemos que esa imposición da que falan certos sectores é falsa. A Lei de Normalización Lingüística ou o Plan Xeral de Normalización da lingua galega o único que buscan é a paridade no uso e nas competencias de ambas dúas linguas. Nos distintos ámbitos da sociedade é unha evidencia que, se hai unha lingua que se lle impón ao cidadán (nos xogos, sentenzas, pólizas, cinema …) esa é o castelán.

339 Artigos |   | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | 6  | 7  | 8  | 9  | 10  |   | 43  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.