Imaxe de cabeceira
Todos os artigos de 'Redacción'.

A Guerra Civil foi un acontecemento que enfrontou a pais, fillos, irmáns e amigos. Non houbo gañadores, pero si perdedores, e os que escolleron o bando “equivocado”, tiveron que enfrontarse á morte, ao exilio, ou cando menos ao silencio: a calar os seus ideais, a cesar a súa loita, e a ver como o país que desexaban para os seus descendentes, convertíase nunha utopía.

Nunha casa “roxa”, dos descendentes do último alcalde republicano rianxeiro, continua ese silencio a día de hoxe. Meu avó nunca falou do acontecido durante a guerra. Miña nai sempre conta que era algo vetado, algo do que non se lle podía preguntar. Pero el relatoume “Meu pai tivo moita sorte, pois sempre foi moi boa persoa. O seu cuñado era xeneral  dos nacionais en Asturias o cal nos axudou en todo momento e por iso non tivemos que marchar de Rianxo, a pesar de que estaba metido de cheo en política”. Non hai un exemplo máis preto a min do silencio dunha guerra, cando escoito a meus avós repetir día si e día tamén: “Nunca vos metades na política”.

Nunca se produciu ese berro, porque lle quitaron a voz. Vivían do que as tías de meu avó gañaban como mestras, vendo como todos os miraban por riba do ombreiro, porque eles tiveran sorte, as únicas represalias que tiñan era ver como seus fillos pasaban fame, sen poder traballar porque levaban na fronte escrita a palabra “ROXOS”, pero lembremos, unha vez máis que eran afortunados.

Meu avó era un rapaz “moi comedoriño”, como se di na miña casa, polo que cando empezou a faltar a comida para el e seus irmáns, acostumaba a irlle pedir comida aos seus veciños: “Recordo chorar na porta dos veciños do lado, sempre se apiedaban de min, e dábanme parte da bola de pan. Facíalles graza que un rapaz gordiño chorara por fame. Meu pai estaba acostumado a baixar a cabeza pola rúa, e agora facíao tamén ao saír á porta da súa casa, por culpa de seu fillo que ía rogando comida”.

Na actualidade, o niño de “roxos” que foi o Bar Nine, quedou impregnado de silencio. Meu avó puido traballar nel, porque cesaron as represalias  (deixáronlle telo aberto) e iso foi máis que suficiente. É fogar, lugar de risas e lugar de xuntanza, unha pequena taberna familiar, que esqueceu calquera sufrimento pasado, pois así tiña que ser “e non te metas nunca en política, porque para que?”.

Ollas para a súa foto día tras día, esperando a que volva, esperando novas del. Pasaron os anos, mucharon as flores e o teu cabelo foi sumando pinzas e perdendo cor. Teciches soa a túa tea, sembraches o teu nabal, vas por leña ó monte e vela arder no lar, onde ferve o pote do caldo que soa has de cear. O teu homiño perdeuse e ninguén sabe onde vai, nin que foi del. Ti esperas ás anduriñas que pasaron con el as ondas do mar, esperas que voen, voen e veñan e che digan onde está. Esperas que as anduriñas traian unha carta. Esperas na oficina de correos. Esperas, pero as anduriñas fai corenta anos que marcharon, corenta anos que non voltaron, corenta anos que non traen carta algunha. Semellas a viúva dun vivo, porque non hai nome para a nai que queda sen fillo.

O tic tac do reloxo soa igual tódolos días, a agulla cambia de posición cada segundo, un tempo concreto que leva durando o mesmo corenta anos. Miras as agullas, miras a foto do teu neno e volves a mirar o reloxo. Pensas que estará facendo agora, como lle irá. Corenta anos e a posibilidade de saber del é o único que che dá folgos para erguerte cada día.

Ata que a andoriña trae novas. Tantos anos esperando e dalgún xeito queres alongar a espera. Sabes que o feito de abrir esa carta vai a cambialo todo. Por iso decides vivir os últimos momentos aproveitando a esperanza que che queda.  Repañando o último sorriso, porque unha vez aberta pode que os teus dentes decidan agocharse para sempre.

O reloxo soa agora doutro xeito. Máis ás présas. Desapareceu ese tic tac continuo e ininterrompido durante corenta anos. Din que o tempo é subxectivo, que a inquedanza acelérao.  Non sabes ler,  por iso as horas seguen a pasar. Tampouco ela sabe, por iso non che importou que lese a carta en alto, porque o que dicía non era realmente o que había escrito. E ti sabíalo. Ós poucos comezaches a aceptalo. A carta non traía boas novas e tiñas que afrontalo. Camiño da verdade empezaches a ollar doutro xeito. Antes atravesabas os sendeiros mirando cara a fronte. Tiñas un obxectivo fixo: a oficina de correos. Agora camiñas máis paseniño, como intentando retrasar o momento. Camiñas consciente do teu redor. Consciente do rapaz que sempre estivo aí, pero que sempre ignoraches. Do rapaz que podía ser o teu fillo, pero non é.

El estaba lonxe, nas Américas. Procurando un anaco de pan para comer e un lugar onde durmir a cuberto. Tentando saciar a fame e o frío. Co corpo ó outro lado do charco, pero co pensamento no seu fogar. Co único anhelo de facer fortuna e voltar para a casa traxeado e conducindo o mellor dos coches. Estaba lonxe. E digo estaba, porque xa non está. Nin lonxe, nin preto. A andoriña trouxo riqueza, pero tamén soidade. Veu traxeada, conducindo un bo coche, desaxeitado para os camiños da aldea. Veu e nunca antes viñera. Os veciños asisten á entrega desa herdanza. E ti, aínda que rodeada de xente, sénteste máis soa ca nunca.

Incinéralo. Queimas o seu corpo. As súas mans. A fortuna que fixera traballando. Ves como arden os cartos, mentres asistes a unha orquestra de berros, golpes e esixencias. “Abre a porta, abre a porta!”. O poder do diñeiro. Non abras. Queren o que queda do teu fillo. Pero ti, senlleira muller, só queres despedilo onde, como todo galego, tamén el quería morrer: na súa terra.

E ficas como viuva dun morto que ninguén consolará.

No momento en que perdín ao meu fillo sentín que o perdera absolutamente todo, e non falo da morte, pois hai moitas máis maneiras de perder a alguén que non teñen que ver con deixar de respirar;  pois non é semellante non volver a ver a alguén coa súa morte? A perda seguiría sendo a […]

“Este vaise e aquel vaise, e todos, todos se van.”

Rosalía de Castro, Follas Novas.

 

 

Á lúa, 23 de decembro de 1939
Que alegría descubrirche hoxe neste ceo escuro. Despois de tantos días de choiva, as nubes grises fixéronche un oco e aí estás, redonda e luminosa, bañando os meus desacougos coa túa luz, igual que fixeches aquela última noite que pasei na miña casa do Courel, a véspera da viaxe que me levaría ata un país lonxano.
Véxote máis pálida, quizais tamén che afecte esta choiva fría que me cala ata as entrañas coma un veleno. Sabes? Aquí a choiva é moi escasa. Recordo como era aló, unha caricia agarimosa sobre a miña pel en calquera mes do ano. Eduardo di que xa debería estar acostumado, que o verán xa está a piques de chegar e, como sempre acontece aquí, vén anunciado por inxentes trombas de auga. Acórdaste de Edu? Por suposto que te acordas, fáloche del en tódalas miñas cartas. Cando pola noite nos sentamos para cear sempre me explica que debo ser paciente, que non resulta doado afacerse a un novo lugar, sobre todo se é tan distinto á miña vila natal. El tamén o pasou mal ao primeiro, pero asegúrame que todo será doado mentres estemos xuntos. Eu estou seguro de que todo nos ha de ir ben, canto me tardaba abrazalo! Cando o barco chegou a porto, as miñas pernas estaban ancoradas á proa coma se quixeran fundirse, buscando entre a xente ese rostro que tanto me fai suspirar dende hai anos. Foi doado distinguilo entre tantas persoas aínda despois de tanto tempo sen velo, en parte porque era moi alto e, sobre todo, por ese horrible sombreiro verde que tanto lle gustaba levar. En canto me viu abrazouse a min e a aperta durou tanto tempo que xa non quedaba ninguén máis cando decidimos marchar. Sempre que me vén a tristeza lémbrome dese momento, sobre todo pola noite, cando me meto na cama e non podo pegar ollo. Daquela saio das sábanas e séntome ao carón da ventá, onde estás ti esperándome. Despois destes meses aquí, decátome de que só ti es sempre a mesma; semellas lonxana, pero es a mesma que me ollaba dende o ceo na vella casa de Mamá Asunción. Ten paciencia comigo, déixame contarche todas estas cousas, pois a ninguén máis lle podo contar o que me bule dentro. Contaríallo a miña nai se estivese comigo, pero xa hai un mes dende que me fun e non a vexo máis. Só podo conformarme con lembrala a todas horas. Dalgunha maneira, ti es o que me une a ela, pois quizais ela tamén estea observándote, pensando en min. Ti fas que sempre a sinta comigo. Tamén aquí. En calquera lugar do mundo onde me leve a vida.

Soa o reloxo a mesma hora de sempre, Deteñome como unha nena inocente A observar unha imaxe Morriña, pena, saudade…   Días,noites, amenceres, atardeceres Esperar, esperar, esperar Morriña, pena, saudade   De súpeto todo cambia Unha mensaxe provoca un xiro na miña vida Morriña, pena, saudade   Maldito o día da chegada desa nova A […]

Eu partín da miña terra, deixando atrás o meu fogar e á miña nai, ca idea de amasar unha boa fortuna nas antigas colonias e voltar xunto á miña nai e darlle unha vida digna no tempo que nos quedara por vivir. Emigrei con todos os cartos que a nosa familia posuía e, cando cheguei a México, traballei en multitude de oficios. Primeiro traballei nas obras públicas durante case nove anos, despois entrei a traballar como peón de almacén durante os seguintes once anos, o que me fixo achegarme ao oficio da hostelería; porén non fun que de triunfar neste sector. Máis tarde, cumprín como chófer daquelas xentes ricas, quen falaban de negocios todos os días, polo tanto aprendín algunhas cousas básicas para poder enriquecerme máis rápido e poder voltar á casa. Así foi como, trece anos despois de empezar a traballar como chófer, aforrei a cantidade suficiente de cartos para mercar unhas terras e dedicarme ao comercio da cana de azucre, que neste tempo era moi fecundo.

Agora, tras pasar corenta anos na emigración botando de menos á miña nai e o meu fogar, conseguín amasar unha boa fortuna. Porén, neste difícil percorrido que iniciei á temperá idade dos vinteún anos, cheguei ignorante das enfermidades tropicais ás que me expuña e enfermei gravemente.

Nestes intres estou escribindo unha carta para a miña nai querida, inevitablemente recostado na cama, sentenciado a morte por causa da tuberculose.

Hoxe cúmprense corenta anos dende que emigrei da miña terra, co soño de voltar algún día con cartos, co traxe novo, garavata e o mellor coche que houbera. A pesar de coñecer o meu fatal destino e ser consciente de que non pederei volver a ver á miña querida nai, son feliz imaxinándome ao seu carón, pensando na miña infancia e os seus atentos coidados.

Espero, miña nai, que poidas vivir ben con estes cartos todos os anos que aínda che quedan de vida. Quérote, mamá…

Durante este tempo no que todas estamos confinadas nas nosas casas, a xente sae aos seus balcóns a unha determinada hora do día a aplaudir e agradecer o traballo do persoal sanitario. Debemos apoiar, tanto como ao persoal, ao sistema que o sustenta: a sanidade pública.

A sanidade privada non se está a facer cargo das persoas infectadas por coronavirus. Todas temos xente cerca que pensa que por pagarlle a un médico vai estar mellor atendida e non valora a sanidade pública. Á hora da verdade, o que realmente funciona é o sistema que debemos pagar todos mediante o nosos impostos e que debe estar a disposición de todos os cidadáns e cidadás. Con isto quero dicir que é impensable ter que pagar para ser atendida. Todas as persoas, independentemente do diñeiro que teñan, teñen o mesmo dereito a vivir. Polo tanto, un sistema como o de EEUU no que, se es pobre e enfermas, morres, é unha barbaridade. Con todo, Esperanza Aguirre, desviou 3 millóns da sanidade madrileña á financiación do seu partido. Na actualidade, tivo que ingresar nun hospital público debido a que enfermou de coronavirus.

A sanidade pública está moi debilitada nesta crise sanitaria polos recortes sufridos durante a crise económica e os procesos de privatización. Non hai material suficiente nalgúns lugares para enfrontarnos a este problema. Na “España baleira” denunciaron que os médicos e enfermeiras non teñen traxes especiais e que teñen que cubrirse con bolsas de lixo. Isto converte a profesión de médico nunha profesión de grande risco. Mesmo nas mellores condicións, estas persoas corren o risco de infectarse debido a que sempre pode haber algún erro. Pero, se as condicións nas que traballan non coidan da súa saúde, isto, ademais de ser inxusto para eles, deixa os hospitais sen persoal para afrontar a crise.

Atopamos estes días moitos casos que mostran a difícil situación en que o persoal sanitario debe desenvolver o seu labor. Unha señora, desesperada, gravou un vídeo denunciando a falta de material en Leganés.A muller dicía que o seu marido estaba grave, necesitaba respiradores e baixar a UCI. Neste caso, nin había respiradores para tentar que puidera respirar nin sitio na UCI e, cando o houbo, tiveron que meter a un home de 44 anos. É dicir, os médicos teñen que elixir a quen deben salvar e a quen non. Neste caso, tiveron que elixir entre un home de 44 anos e outro por riba dos 65, polo que elixiron ao máis novo. Os sanitarios non teñen que pasar por isto, é unha presión inmensa saber que están deixando morrer xente, pero que non poden facer nada máis por falta de material.

Concluíndo, atopámonos nunha grave crise sanitaria que xa leva aproximadamente 15 mortos en Galicia. Necesitamos botar man dunha sanidade pública que non conta cos medios suficientes para facer fronte a este grave problema, porque previamente foi recortada. Por isto, produciuse unha “cacerolada” pedindo ao rei emérito que destine o diñeiro que recibiu de Arabia Saudí, á axuda contra a enfermidade. Con todo, non se precisa que empresarios que non pagan os seus impostos doen á sanidade como se dun acto de caridade se tratase. Se todos pagásemos os nosos impostos e o Goberno fixese unha boa administración deste diñeiro, teríamos unha sanidade pública óptima.

417 Artigos |   | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | 6  | 7  | 8  |   | 53  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.