Curtametraxe de Adrián Chaves, que obtivo p 1º premio no Certame de vídeos organizado para o Samaín polo ENL do IES Félix Muriel.
AUTORA: NOA RIAL (3ºESO-C)
O pasado venres, no auditorio de Rianxo, non só se representou unha obra de teatro. Representouse a vida, a vida dun ente. Un ente que todos temos presente cada día, un ente que nós precisamos para vivir, pero que tamén precisa da nosa axuda: a lingua galega.
Só dous actores e unha hora e media chegaron para resumirnos a súa vida, a súa historia, e como bos galegos que son Carlos Santiago e Pepe Penabade, sempre dende a retranca.
A representación levounos dende os celtas, pasando polas cantigas, ata a substitución nobiliaria dos reis católicos. E, finalmente, leváronnos á cidade da cultura na actualidade; onde, dende o humor, buscaron un uso para esa edificación, chegando á conclusión de que farían un restaurante, e que debido á súa falta de clientela chamarían a Chicote. A este cociñeiro explícanlle que o único prato que teñen é lingua, lingua que na fonte tería “complementos”, como pode ser o seseo e a gheada. Eu interpreteino como se o que realmente quixeran facer coa cidade da cultura fora un lugar onde se prestixie a lingua galega en todas as súas variantes e onde todos poidamos nutrirnos con ela.
En conclusión, unha obra moi entretida, perfecta para enriquecerse culturalmente á vez que botas unhas risas. Ademais, teño que destacar a boa actuación dos actores, manténdonos sempre cun sorriso na cara e sabendo como levar, só entre os dous, un texto tan rico e amplo. Con catro cousas e moita retranca, mantivéronnos cos ollos ben abertos case dúas horas. Así foi que ao rematar, acollémolos cun gran aplauso que parecía que nunca ía rematar, cun futuro incerto, como o da lingua da que eles tanto falaron en “Falar por falar”.
O venres día 22 de novembro representouse unha obra de teatro no auditorio de Rianxo. Titulábase “Falar por falar” e estaba protagonizada por Carlos Santiago e Pepe Penabade. Estes falaban sobre a historia da lingua galega e as súas anécdotas persoais.
Un era de Santiago de Compostela e outro do medio rural. Falaron de como o galego estaba mal visto na sociedade en xeral, no seu tempo, pero máis no ámbito do primeiro que no do segundo. Na escola, non podían falar galego e incluso lles pegaban se os oían. A situación cambiou ata o punto de que, antes falábano e non lles deixaban e agora que se pode, non se fala. Con todo, o pai dun pegoulle por contar un chiste en galego diante dos seus amigos. Tamén cantaron unha canción de rock en galego, coa que un deles abriu a súa mente e comezou a falar a nosa lingua.
O conflito catalán é unha das novas cuxa presenza nos medios nos últimos tempos é abundante. Os medios de comunicación , ao igual que noutras aspectos, manipulan a información. Por tanto, considero que a perspectiva que se dá sobre este tema é excesivamente subxectiva en determinados sitios web xornalísticos.
En primeiro lugar, debemos sinalar que todos os medios de comunicación teñen un obxectivo común, informar. Teoricamente todas as televisión, radios e xornais deberían transmitir o mesmo , mais na actualidade existen cada vez máis o fenómeno de persuasión. Isto é un aspecto prexudicial para o receptor, ao manipular o seu sentido crítico sen decatarse dese feito.
Por outra banda, hai que lembrar que diariamente todas as televisións emiten imaxes sobre as manifestacións en contra da sentenza do ´´Procés´´. Mais este contido adoita estar manipulado , tanto en medios públicos como en privados, por unha razón: o beneficio económico de terceiras persoas. Persoas que gañan moito diñeiro por enganar a xente que só recibe o que a televisión transmite. De verdade queremos un mundo así?
Nos últimos días, os actos vandálicos en Barcelona son o único feito captado pola prensa. Por outro lado, os miles de manifestantes que reivindicaban o dereito de autodeterminación non foron vistos polos telespectadores. Sen dúbida, o mundo xornalístico pretende ensinarnos unha vez máis o que realmente lles interesa que a xente vexa, provocando que a xente teña prexuízos cara os independentistas considerándoos de ´´vandálicos, violentos e antidemocráticos ´´. Os activistas pacíficos defensores da Independencia de Cataluña non foron nomeados en ningún momento, demostrando o interese persuasivo unha vez máis.
En definitiva , debemos pensar unha vez máis que supón ser informados de xeito subxectivo. Toda subxectividade dende o mundo da información é negativa, pois así , o pobo non coñecerá correctamente o que acontece no mundo que lle rodea e o conflito entre a cidadanía será maior. Se mostramos maior interese polo sentido crítico, a convivencia poderá ser mellor e en consecuencia, a subxectividade da prensa será combatida.
Para empezar , debemos chamar a atención sobre o concepto de prexuízos lingüísticos. Con este concepto referímonos a toda valoración negativa que se realiza cara unha lingua ou cara os seus falantes manipulando, malinterpretando ou inventando a realidade a partir dos estereotipos. Este fenómeno débese principalmente ao concepto de diglosia, é dicir, a coexistencia en condicións de desigualdade de dúas linguas nun territorio, exercendo a lingua foránea, como hexemónica, os usos de maior relevancia e a lingua propia, como minorizada, usos limitados e restrinxidos ao ámbito familiar e ao rexistro coloquial. Este feito é o que se dá en Galicia co galego e co castelán, sendo o español o idioma dominante.
O feito que imos analizar desenvolveuse no reality Gran Hermano no ano 2011. Neste programa a coruñesa Marta López mostrou, sen lugar a dúbidas, un pensamento galegófobo ao deixar constancia dunha cantidade inmensa de prexuízos cara o noso idioma. Na súa intervención comeza afirmando que na escola os libros de texto eran en galego e que a docencia do profesorado se desenvolvía en castelán, mais que ela mercaba os libros en castelán porque dicía ´´falar mal galego´´ e, en consecuencia, ao non comprender correctamente todos os termos que se utilizaban nestas publicacións, dificultaban a súa memorización. Este aspecto non só reflicte un pensamento negativo cara o idioma propio de Galicia, pois podemos observar a sensación de preguiza por parte desta muller para informarse do significado dalgún termo, mostrando así a súa escasa formación e mesmo ignorancia.
Por outra banda , a relación entre falar un idioma e ter unha ideoloxía política determinada é outra das visións que esta concursante quere transmitir. Marta López asegura que pouca xente fala galego e que aquelas persoas que o utilizan son nacionalistas, cando en realidade , o feito de usar un idioma non condiciona ser de esquerdas,dereitas , de centro ou independentista. Este é un dos prexuízos máis recentes dende a chegada da Democracia a pesar da existencia de medidas e leis consensuadas pola cámara autonómica que regulan o uso deste idioma en diversos ámbitos.
En terceiro lugar, mostra que o galego non é un idioma válido para ligar, afirmando rotundamente que moitas persoas rexeitan a outras persoas polo idioma que falan. Así mesmo podemos observar como inicialmente Marta López mostra unha concepción do galego como un idioma bruto e feo polo uso do seseo e gheada, criticando ademais como unha gran parte da xente xove fala galego. Mais tamén debemos destacar como a súa compañeira di posteriormente que o acento galego soa ben e bonito. Posteriormente, maniféstase unha visión contraditoria por parte da concursante de orixe galega ao mostrarse de acordo ca idea manifestada pola compañeira, afirmando que a xente se avergoña do propio acento.
En definitiva , podemos observar como estamos ante unha situación real de prexuízos e de galegofobia, manifestada a través dunha coruñesa ignorante, con falta de criterio e carente de sentido crítico, que se contradí en máis dunha ocasión ao manifestar a súa opinión sobre o galego. Esta realidade, por moito que os medios de comunicación a pretendan ocultar en determinadas situacións, existe nunha proporción maior da que pensamos. Por esta razón, deben tomarse medidas que favorezan a erradicación de visións tan prexudiciais para cunha comunidade lingüística e social.
Os medios de comunicación transmítenos información (supostamente) obxectiva da cal podemos fiarnos pola súa veracidade. Pero o problema aparece cando nos decatamos de que as subvencións outorgadas a eses medios pasan polo Goberno en funcións e mesmo pola ideoloxía do redactor que escribe; polo que, moitas veces, esa obxectividade transfórmase en subxectividade na sociedade da posverdade, na que se pretende orientar, controlar ou dominar o pensamento público, non só no referido aos sucesos en Cataluña, senón tamén en todos as novas de actualidade das cales poidamos ser informados.
En primeiro lugar, debémonos cuestionar todo, pois nós non estamos en Cataluña, non sabemos como se vive alí o día a día e, moitas veces, non estamos situados no contexto correcto, por exemplo cando vemos certos vídeos ou imaxes que posteriormente resultan duramente criticadas en redes sociais ou noutros medios por tratárense de farsas (bulos).
Así mesmo, temos que entender que os medios de comunicación son propiedade ou, en moitos outros casos, mantéñense en pé grazas a acción do goberno cos cartos que lles dá, polo que, se o goberno califica de “golpistas” aos cataláns implicados no 1-O, o redactor ou emisor, nomeará do mesmo xeito esa realidade, o que claramente influenciará o pensamento do receptor creando unha visión negativa.
En moitos outros casos, non é o goberno que incita a escribir de xeito negativo sobre a realidade catalá, pode darse o caso de que o propio redactor, seguindo a súa ideoloxía, aproveite para dar a súa opinión do tema de xeito sutil, sen saír da aparente obxectividade; pero estará opinando, non informando como é o seu deber.
No mundo da comunicación non imos saber nunca canto hai de certo nunha información que se nos transmite, todos buscamos os nosos intereses e o noso maior beneficio, aínda que sexa a costa de falsificar ou manipular a información. Pero o peor parado sempre vai ser o receptor, que precisa dos medios de comunicación, do labor dos xornalistas para coñecer a verdade e a partir dela formar a súa propia opinión con sentido crítico; pola contra, recibirá opinións, non información e creará falsas realidades e puntos de vista alleos moitas veces á verdade.
Non sabemos cando rematará todo o tema de Cataluña nin como se solucionará todo ao final, pero unha cousa está clara, os independentistas son os “malos” da película e sempre van saír mal parados a ollos do receptor.