Imaxe de cabeceira
Todos os artigos de 'Irene'.

O pasado Novembro, mes da ciencia, realizouse en Madrid un programa de Cooperación Territorial organizado polo Ministerio de Educación coa colaboración das Comunidades Autónomas nas que grupos de alumnos de bacharelato ou formación profesional de materias científicas se acercaron a coñecer unha rexión diferente da súa dende o punto de vista da ciencia. Nel participaron rapaces e rapazas do noso IES, de primeiro e segundo de bacharelato. Foi unha experiencia científica enriquecida con cultura, proveniente tanto da capital como das Illas Baleares, posto que participou outro centro, o IES Capdepera (Mallorca).

O xoves 22 de Novembro, a sentenza do TSXG desacreditou considerablemente á  Consellaría de Educación de Galiza e ao seu Decreto do Plurilinguismo. Dita sentenza tacha de -parafraseando a Marta Dacosta-  ilóxico, baleiro, incoherente e ilegal ao ilóxico, baleiro, incoherente e ilegal decreto. Quero dicir. Quitando os argumentos legais que aportou a sentenza, xa estaba demostrado de sobra que o decreto era un claro atentado contra a lingua propia de Galiza -aclároo- o galego. A que me refiro con isto? Será o xogo do zapatiño inglés? Cando o que apanda mira, os outros non se moven, e cando este se vira, seguen avanzando?… En que vai quedar todo isto? Daranlle ao TSXG a razón como aos tolos? -como xa se lle deu o poder aos tolos…-. Desfalcos, blanqueo de contas, paraísos fiscais. Delitos políticos con máis probas en contra  se pasaron por alto, non?

Dúas especies descendentes dun mesmo antepasado, autóctonas das augas atlánticas e mediterráneas, habitan actualmente na península Ibérica. O galego adaptouse ao clima e terreo do noroeste, mentres que o castelan fixo da meirande parte restante da península o seu hábitat.

Só uns poucos acadarán a meta… Comeza o pistoletazo de saída no paritorio. Os familiares emocionados preguntarán a vocación do cativo: que vai ser médico, arquitecto ou enxeñeiro? Ai non… Que saíu muller. E de nome, cal vos deron no rexistro? E.562? Éche ben bonito!

"O diñeiro é poder" é unha afirmación que todos coñecemos, mais penso que non é de todo certa. O diñeiro non ten poder, dámosllo, sobrevalorámolo, e isto é o que, na miña opinión, está a estragar a humanidade, máis do que xa a estragou. Os cartos modifican a personalidade e poden volver ós individuos máis humildes en portentosos estafadores, ó neno máis sinxelo, nun cativo mimoso e choromicón, e ó político máis sensato, nun soberano da corrupción. Pregúntome se este problema de identidade definida polo asunto monetario non se podería arranxar cunha boa educación baseada en valores e máximas universais dende que nacemos. Partindo disto, voume permitir a crítica ao pobo iugoslavo polo seu comportamento ante a situación que se lle presentou arredor do ano 2000 tras a derrota democrática de Slobodan Milosevic a mans de Vojislav Kostunica. O ex-presidente foi acusado de crimes contra a humanidade, mais non foi levado a xuízo ata que, a comezos do ano seguinte, Estados Unidos ameaza a Belgrado con denegarlle unha partida de cincuenta millóns de dólares se Milosevic non é levado ante os tribunais. Tras isto, o goberno de Kostunica inicia a detención do tirano. Segundo a miña exposición dos feitos, nesta historia existen dous e só dous personaxes, un é o malo cun cabalo non tan lento, Milosevic, e o outro o salvador, o heroe, o pacifiador, ó que cando lle fan un primeiro plano, os rubios cabelos, relócenlle co fulgor de cincuenta estrelas, ou simplemente, o goberno de Estados Unidos. Non sufrín un erro de cálculo, hai dous e só dous protagonistas… Iugoslavia é unha folla en branco. É unha folla en branco porque o seu destino é escrito por terceiros. Tentei entender os "comprensibles titubeos" do goberno do presidente Kostunica; supuxen as súas deducións como as seguintes: “Milosevic é malo, de feito é moi malo, máis ben é malísimo. Haino que castigar por todo o que fixo e así conseguir unha democracia real… Mais os seus aliados son fortes… E a verdade, últimamente, non me molesta moito… O mellor é deixalo estar e olvidármonos del’’. Pero chega Estados Unidos e…: “Quero cartos! Necesito cartos! Así que vou obedecer a USA e axustizar a Milosevic… Pero fágoo porque é malo, malísimo´´.

Quizais sexa unha sátira excesiva, mais tamén e excesivo o poder do diñeiro, e todos calamos e ficamos coa cabeza baixa… E deberiamola abaixar ,sí, pero por vergoña.

 

O libro Crime en Compostela de Carlos Reigosa recolle a máxia pétrea e inalterable da capital santiaguesa mesturándoa coa escuridade de suburbios tintados de vicio, celos e morte. Esta aleación resultou Premio Xerais no 1984, sendo unha das obras máis vendidas da literatura galega.
A historia céntrase no asasinato do empresario da construcción Aurelio Xieiro. Para chegar a resolución do crime, Reigosa, lévanos polas rúas compostelás da man de Nivardo Castro, quen, aparte de desvelar a identidade do asasino, tamén descubrirá os segredos da vella Compostela. Cada monumento, cada igrexa, cada praza… Cada pedra ten tras de si unha historia que nos encandeará e nos fará sentir a maxia da cidade. O abraio e desconcerto de Nivardo por terse cometido un crime nesa cidade, que no primeiro contacto transmite  tanta paz e tradición, tamén é experimentado polo lector debido ós cambios bruscos de contexto; dunha Compostela que acolle no ventre os ósos do apóstolo, a unhas rúas manchadas de sangue; da pedra que garda lendas e misterios, aos grafitis en muros de formigón; da cuna de grandes intelectuais, aos locais máis miserentos e depravados…
Este recorrido pola  metrópole, a modo de guía turística, é un perfecto reclamo de visitantes. Incluso para os xa coñecedores da cidade, a obra seduce e invítanos a descubrir Santiago. Eu, invítovos a descubrir a obra.

Sodes amantes da pintura? Adictos aos cómics? Ou simplemente vos gusta disfrutar de cando en vez dun traballo ben feito?

Se é así, botade unha ollada á páxina web do profesor do noso IES, Alfonso Martínez López, onde poderedes atopar unha morea de creacións intresantes que de seguro vos gustarán.

Neste museo virtual expóñense obras de todo tipo, dende a máis realista vida cotiá imaxe.1] ata a máis fantástica aventura [imaxe.2]

10 Artigos | 1  | 2  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.