Imaxe de cabeceira
O IES rebole
A represión sobre as mulleres tras o Golpe de Estado do 36

Por Montse Fajardo Pérez

Montse - 0001A charla abordou a represión vivida en Galiza tras o golpe de Estado do 36 e nomeadamente, a sufrida polas mulleres nunha zona na que, é fundamental lembrar, non houbo “guerra” senón un brutal xenocidio sobre o bando perdedor: As persoas que morreron a consecuencia do golpe de Estado do 36 na Galiza non o fixeron nun campo de batalla, foron asasinadas.

Montse - 0003O esquecemento sobre esas vítimas e as súas familias foi como a última morte dos derrotados, a última inxustiza á que non puxo fin corenta anos de democracia. No caso das mulleres, o silencio foi aínda máis fondo. Incluso cando se traballa na memoria, se lle soe dar prioridade aos homes, porque foron máis no paredón, na cuneta ou no presidio. Sen embargo, as mulleres galegas non só se viron afectadas polos mesmos tipos de represión ca eles -foron asasinadas, encarceradas, depuradas ou sufriron o exilio- senón que, ademais, o fascismo ideou para elas castigos de índole especialmente machista como a rapa, a inxestión de aceite de rícino, a tatuaxe, ou a violación.

Montse - 0002Elas foron ademais utilizadas polos fascistas como método de presión sobre os homes: encarcerábanas e vexábanas para obrigalas a delatar ao fuxido da familia ou para que, ao sabelo, el mesmo se entregara. Non só perseguían ás mulleres con actividade sindical ou política, o simple feito de ter parentesco cun home sinalado colocábaas tamén no punto de mira dos agresores. Na charla falamos destas distintas tipoloxías de represión, con exemplos dalgunhas das galegas que as sufriron, incidindo na que fixo referencia ás mestras, incidindo en que, en todos os tempos, a loita contra a ignorancia, a aposta pola educación e a cultura son as mellores armas para combater o fascismo. O daquela e o de agora. Ademais defendemos a necesidade de ampliar o termo vítimas, “ás que quedaron”: nais, orfas, viúvas, mulleres que ademais de quedar sen o ser querido perderon tamén o principal sustento do fogar.

Tamén abordamos as consecuencias que para todo o sexo feminino tivo o golpe de Estado. Todas as mulleres foron vítimas, todas seguimos sendo vítimas dun momento histórico no que as liberdades que se empezaban a albiscar desapareceron baixo o abafante manto gris do fascismo, que relegou á muller ao papel de esposa e nai. O franquismo, a igrexa, a sección feminina buscaron implantar durante décadas unha moralidade sexista contra a que aínda teñen que loitar as xeracións actuais.

Por iso, rematamos coa idea de que lembrar a esas mulleres non só é de xustiza senón que
tamén será de proveito, pois o seu exemplo é a nosa mellor herdanza. O exemplo de mulleres que no tempo do medo souberon ser solidarias, por exemplo, fornecendo de alimentos e roupa ás persoas fuxidas no monte, aos presos de San Simón e tantas outras cárceres da Galiza. Un exemplo que deberíamos seguir hoxe, cando tantas persoas foxen do horror da guerra, como fixemos nós no século pasado.

(Ver en Rianxofala.com)




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.