Imaxe de cabeceira

  Dentro do Ciclo de Charlas “Camiñando entre mulleres” organizado polo ENL en colaboración co Concello,  tivemos o pracer  de contar coa presenza de  Beatriz Fernández Domínguez, profesora de Física de Partículas na USC, quen foi entrevistada por Andrea Ordóñez   para  Radio RianxoFala       Parte da entrevista a Beatriz Fernández: Entrevista completa:

Os últimos días houbo un gran número de inundacións ao longo de toda a península pero evitalas resulta case imposible.

Graínzo, neve, chuvia, tormentas, tornados e furacáns , todos eles fenómenos atmosféricos comúns. Terremotos, tsunamis son fenómenos naturais, así os denominan os meteorólogos, para eles só cambios na atmosfera ou cifras nunha pantalla, para os que os sofren son unha catástrofe, un trauma que marcará as súas vidas, a perda non só material dos seus fogares senón tamén a perda de algo que non se pode reemprazar, a súa familia e amigos, todos eles un número que veremos nas noticias desde os nosos televisores nas nosas casas. Que podemos facer para que isto non ocorra? Realmente podemos atenuar os efectos da nai terra?

Atópome a menos dunha semana de rematar a miña educación non universitaria. Concretamente, a seis días de rematar unha etapa neste instituto. Foi un período no que medrei como alumna, pero, sobre todo, como persoa. Por iso, quero analizar a educación actual a través destes seis anos, tanto os aspectos positivos como negativos.

O primeiro que teño que dicir é que son unha afortunada. Todos nós. Podemos acceder a unha educación pública e “gratuíta”, mentres que noutras zonas do planeta non teñen a mesma sorte. Pero como é esta educación? Podería ser mellor. Dende primaria, prepárannos para levar a cabo unha tarefa memorística, non nos ensinan a aprender a aprender. Todos nós coñecemos o exercicio de chapatoria do que somos escravos dende os nosos primeiros anos de educación. Por iso os resultados das últimas –e numerosas- leis de educación son tan desastrosas: entra un goberno de esquerdas e cambia a lei, é escollido un goberno de dereitas e cambia a lei… e así sucesivamente. Ou os políticos elaboran unha lei axeitada e de consenso, ou a educación española desembocará nun desastre aínda maior no que se trata de educarnos para ser escravos do traballo capitalista.

Sendo franca, e logo dos dous anos de bacharelato, cheguei á conclusión de que os anos da ESO non me serviron para nada ou para ben pouco. Sacar unha boas notas non me garantía nada, e digamos que tampouco aprendín demasiado. Ata o ano pasado, non me decatara da importancia das boas notas para conseguir unha media alta que me garanta entrar na carreira que quero, realmente, é unha cuestión que me produce pesadelos. Pero o máis importante foi que non me decatara do interese por aprender que si tiven estes anos.

Pero tamén foi unha etapa na que nos formamos como persoas, adquirindo perspectivas e visións que o noso eu de dez anos non chegaría nunca a entender, iso é o que significa madurar –aínda que algúns o fixeran en maior grao que outros-. Ademais, somos a xeración que viviu plenamente o auxe do feminismo, que chegou para quedarse; mentres que, por desgraza, tamén estamos a vivir o auxe do fascismo, mais esperemos que cunha educación adecuada, poidamos detelo.

Nestes dous últimos anos foi cando máis coñecementos adquirín e tamén o momento no que mellores profesores tiven. Por que? Porque nos ensinaron a ver a materia doutro xeito que na ESO e porque nos trataron dun xeito máis maduro. En Bacharelato foi o momento no que, por fin, puiden ver esa vocación da que tanto falan en certos docentes, e aínda que non o pareza, esa vocación chéganos. Quizais por iso, fose o momento no que máis aprendín, pola vitalidade e a alegría deses profesores por darnos clase e transmitirnos coñecementos, porque, ao fin e ao cabo, diso se trata.

Vou botar de menos todo o que deixo aquí: bonitas experiencias, tristes momentos, suspensos, aprobados, traballos, exposicións, exames, deberes… Pero sobre todo vou botar de menos aos meus compañeiros e compañeiras, por formar unha pequena -e curiosa- pero bonita familia, e aos profesores, porque, como xa dixen antes, creo que nunca atoparei xente tan xeitosa como eles.

Grazas e adeus!

A sociedade capitalista na que a maioría dos países do mundo se atopan ten como piar fundamental o diñeiro e a fama. Como obxectivo fundamental o diñeiro e a fama. Como recompensa polo traballo, o diñeiro e a fama. Todo xira arredor dos cartos e o recoñecemento, e todos somos conscientes diso. Porén moitas persoas tratan o diñeiro, a fama e o poder como conceptos sinónimos; na miña opinión isto non é así, ou polo menos non debería selo.

Para min, o poder adquisitivo está (erroneamente) confundido con posuír a potestade de todo o que nos rodea. Ter diñeiro, fama, gran reputación, ser coñecido a nivel mundial … non é sinónimo de ter dereito sobre a vida doutras persoas. Crerse mellor que alguén por ser o seu xefe ou simplemente por ser máis famoso, pensar que poder “dirixir” a unha persoa na  empresa ou película significa que se ten control desta fóra dela,  resulta desacertado. Aínda así, acontece, e creo que o modelo económico baixo o que nos atopamos ten a culpa. Practicamente a cada momento, nalgún lugar do mundo, unha persoa está a usar o seu poder para extorsionar a outra; un xefe ao seu empregado, unha celebridade a un novo actor… pode ata parecer normal. Isto fai que as persoas teñan tan interiorizado o servir ao rico ou ao famoso que os abusos de poder queden xustificados baixo unha situación cotiá, cando non son máis que iso, abusos. Por exemplo, quen nunca soñou con ser un actor famoso ou director dunha millonaria empresa? probablemente moitas persoas nalgún momento das súas vidas o pensaron, entón, se a maioría da xente aspira a ser coma eles, que tipo de modelo ten a sociedade? Quero dicir, se o teu ídolo durante toda a vida maltrata a outra persoa xustificaralo por todos os medios posibles, facendo que esta situación chegue a “normalizarse”, despois de todo, é unha persoa exitosa e quen non quere ser así?

Dende os últimos anos está aparecendo un prexuízo asociado á lingua galega: o galego como un idioma imposto. Trátase dun prexuízo moi recente, pois, o abandono absoluto por parte dos poderes e a dificultade para o seu uso durante unha gran etapa da historia desta lingua farían imposible a existencia deste prexuízo. Foi nos últimos anos, cando se tomaron as medidas de protección do galego, cando certos grupos comezaron a divulgar esta falacia.

Deste xeito , o 1 de abril de 2019, a Mesa pola Normalización Lingüística, entidade independente constituída en 1986 e que conta con 5000 socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega, sacou unha campaña de denuncia contra a “imposición do galego”. Nesta campaña deixan ver que o galego, claramente ,non é unha lingua imposta na nosa comunidade senón unha lingua minorizada tanto nos ámbitos administrativos, como nos medios de comunicación, así como, no ensino. A través destes cartaces que están sendo repartidos polas diferentes localidades de Galicia e divulgados polas redes sociais, a Mesa quere dar a ver que este é un prexuízo totalmente falso.

Para comezar, en canto aos medios de comunicación, un galego non pode ler un xornal diario impreso integramente en galego xa que as cifras descenden ata o 0 % . No caso da televisión, só o 4% das canles son en galego contra o 96% que hai en lingua castelá. No ámbito da administración as cifras non son moito mellores. O número de pólizas en galego é o 1%, así como, as sentenzas en galego só son o 5% fronte o 95% restante en castelán. Por outro lado, o ensino infantil en galego nas cidades é do 8% , e estes nenos só poden gozar do 0,6 % dos seus xoguetes na lingua de Galicia. Desta forma, as cifras de nenos de entre 4 e 15 anos que non saben falar a lingua da súa comunidade ascende ao 22,7%.

Así vemos que esa imposición da que falan certos sectores é falsa. A Lei de Normalización Lingüística ou o Plan Xeral de Normalización da lingua galega o único que buscan é a paridade no uso e nas competencias de ambas dúas linguas. Nos distintos ámbitos da sociedade é unha evidencia que, se hai unha lingua que se lle impón ao cidadán (nos xogos, sentenzas, pólizas, cinema …) esa é o castelán.

A suposta “imposición” do galego volve a ser tema de debate e son dúas persoas procedentes doutras autonomías, que agora viven en Galicia, as que fixeron unhas publicacións en Twitter nas cales desmontaban esta teoría da “imposición” do idioma contando a súa propia experiencia.

Unha delas é Gonzalo Ballesteros que, despois cursar un máster en Santiago, descubriu que o galego sofre unha diglosia evidente. Sempre eran os galegofalantes os que cambiaban á lingua castelá nas clases e á hora de facer traballos. El, que aprendera a desenvolverse en galego, atopouse con dificultades para ser atendido nesta lingua e afirma que se debe coidar a diversidade lingüística para que as xeracións seguintes entendan que as linguas son un patrimonio.

Por outro lado, está a andaluza Mar Fernández que tamén se atopa con incontables problemas para falar galego. Nunca lle impuxeron falar galego en Galicia, pero é certo que nalgún traballo lle prohibiron atender neste idioma. Ela mesma afirma que se pasa a vida xustificando por que fala galego mentres ve como o idioma se está perdendo.

Como conclusión, a polémica sobre a suposta imposición do galego tivo consecuencias nas estatísticas, pois indican que o idioma galego retrocede en lugar de avanzar. Con feitos como estes debese tomar conciencia da situación que vive o galego a pesar de que esta teoría quede totalmente desmontada unha vez coñecidas estas situacións tan reais como surrealistas que sofren os falantes do idioma galego e a propia lingua.

Elixir o noso futuro é unha das decisións máis importantes da nosa vida. Para algúns resulta doado; para outros, non tanto. Depende das nosas aspiracións, das influencias que recibamos na infancia ou incluso da situación económica do lugar onde habitemos.

Cando somos cativos, soñamos con ser astronautas, bombeiros, detectives… Cos anos, as nosas aspiracións redúcense a profesións máis comúns: limitamos as nosas posibilidades. Para as novas xeracións, espérase un futuro profesional pésimo. Polo tanto, tendemos a buscar saídas, desprendéndonos dos soños e, por desgraza, tamén dos nosos intereses persoais en relación aos gustos de cada quen. Onde quedan as ilusións inocentes do neno que levamos dentro? Madurar e ter os pés na terra non implica oprimir os nosos desexos co paso do tempo.

Durante a etapa escolar, obrígannos a escoller entre distintas ramas de estudo, sen ter experimentado cal é a adecuada para as nosas capacidades e ambicións. Dende o meu punto de vista, aínda se é moi novo para determinar parte do camiño da vida. De todos modos, cada día é máis necesario ter coñecemento de distintas especialidades: xa non basta con ser de ciencias ou de letras, posto que o futuro está diluíndo a liña divisoria entre as principais disciplinas e iso presiona aínda máis ás próximas xeracións.

Ademais, hai que ter en conta o apoio no ámbito familiar. En ocasións, obrígaselles aos nenos a continuar cun negocio xeracional ou simplemente a estudar un grao universitario, perdendo de vista outras saídas para formarse adecuadamente: ben comezando a traballar, estudando un ciclo, marchando ao estranxeiro para aprender unha nova lingua… Todo isto vén dado por prexuízos cara a certas profesións e por un prestixio outorgado a outras, como as relacionadas ca medicina ou co dereito.

A decisión de cada persoa depende de moitos factores e a ausencia de liberdade á hora de tomala é unha das razóns polas que existe o fracaso escolar ou o abandono de estudos superiores. O futuro non está decidido e debemos loitar polo que realmente nos fai felices e non só polas supostas saídas profesionais, por influencia da familia ou por medo ao fracaso.

O 17 de maio celébrase en España o día de internet impulsado pola Asociación de Usuarios de Internet. Celebrouse por primeira vez o 25 de outubro de 2005 e, en novembro dese mesmo ano, a Cume da Sociedade da Información, decidiu propoñer á ONU a designación do 17 de maio como o Día Mundial da Sociedade da Información, polo que se moveu o denominado Día de Internet á devandita data.

Co gran avance das tecnoloxías, varias entidades viron a necesidade de celebrar anualmente dito día para contribuír a que internet se coñeza mellor, así como para coñecer a importancia deste recurso en diversos sectores, como por exemplo na gran cantidade de posibilidades que ofrece o uso das TIC na economía.

Por outra banda, a celebración deste día é un xeito de colmar a brecha dixital, é dicir, a distinción entre aqueles que teñen acceso e internet e poden facer uso del, e aqueles que están excluídos do seu servizo.

En conclusión, as novas tecnoloxías, e entre elas internet, achégannos milleiros de facilidades á nosa vida, pero poden ser moi perigosas se non as usamos correctamente. Por iso foi creado o día de internet, para adquirir coñecemento sobre el.

2024 Artigos | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | 6  |   | 253  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.