Imaxe de cabeceira
Opinión
N.E.V.E.R.M.O.R.E.

Lorenzo Rodríguez Iker (2º BAC-B)

N.E.V.E.R.M.O.R.E

O pasado sábado 18 de marzo estreouse no auditorio de Rianxo a obra N.E.V.E.R.M.O.R.E ideada e creada pola compañía teatral Chévere e dramatizada e dirixida por Xron, na cal se relatan a xeito de documental os feitos sucedidos en novembro do 2002 co afundimento do Prestige e as graves consecuencias que este trouxo consigo para toda Galiza, sendo este feito ocultado e minimizado de todos os xeitos posibles ate que se fixo tan notorio que foi imposible seguir evitando o conflito.

nevermore01

Chévere.


No transcurso da obra comézase relatando o sucedido a través de audios reais da xente que se viu involucrada nesta traxedia, pasando polos que decidiron limpar o petróleo, polos mariñeiros que o viviron dende cerca e por outros traballadores e xente común que realizou distintas actividades de denuncia ao goberno pola ocultación e a neglixencia fronte ao afundimento. Desta forma ao longo da composición trátanse e critícanse diversos temas, como a falta de empatía dalgunhas partes do pobo que se viron subvencionadas por parte do goberno a cambio deste silencio e a falta de competencia dos encargados institucionais fronte á problemática situación, xa que se esta tivese sido tratada coa importancia e transparencia que merecía teríase reducido en moi alta medida o dano que este ocasionou a toda Galiza unha vez traspasou o punto de non retorno. Nacendo de toda esta constante inxustiza o movemento N.E.V.E.R.M.O.R.E, en referencia ao poema de Edgar Allan Poe, como un último chamamento do pobo galego fronte esta arbitrariedade que de non verse eliminada acabaría condenándonos a repetir a mesma historia unha e outra vez.

nevermore2

Chévere.

En conclusión, na miña opinión esta obra e moi recomendábel tanto para o público mozo coma o máis adulto, xa que trata esta catástrofe dunha forma bastante lineal e fácil de seguir para a xente que non viviu este suceso ou non o recorda, á vez que a través de todos os documentos que expón fai unha grande e detallada énfase tanto nos motivos coma nas consecuencias do Prestige, destacando persoalmente a incríbel dramatización e os envolventes efectos de son realizados en directo cunha gran maioría de obxectos de porte cotián.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.