Imaxe de cabeceira
Actividades do Equipo / Actuacións musicais
Recambios Tucho veu a Rianxo (por Celia Arcos)

O pasado 30 de setembro ás 22:22 o grupo Recambios Tucho deu un concerto no Chiringuito das cunchas, en Leiro. Esta é unha banda de rock que canta en galego e que está formada por Suso Pereiro, David Fama, Manu Rey, Antonio Novo e Antón Paz; os tres últimos coñecidos tamén por tocar nos Herdeiros da Crus.

O evento, ao cal asistiron arredor de trinta persoas, comezou con media hora de demora, mais na miña opinión a espera valeu a pena, xa que despois puidemos desfrutar de balde de unha hora e media de música en directo na nosa lingua, cousa que non acontece todos os días. O ambiente alí era bo, facía un tempo agradable e a xente víase moi animada bailando e cantando co grupo, que ten temas que todos coñecemos, como pode ser vou chupi juai.

Persoalmente gustoume moito a actuación, posto que non se limitaron a tocar as cancións máis coñecidas, como era de esperar, senón que souberon combinar moi ben isto con algunhas composicións moi boas tamén pero menos escoitadas. Cabe dicir que a maioría de cancións eran versións dalgúns dos máis famosos temas do rock inglés (por exemplo, ti es ti é unha versión de TNT de ACDC). Polo tanto, pese a non coñecer as cancións, desfrutei de escoitar melodías que me soaban ou que poño habitualmente, pero con letras completamente diferentes e na miña lingua.

Alén diso, paréceme importante falar do xeito no que o grupo se dirixía ao público, animando a que cantasen e desen palmas canda eles en todo momento. Así mesmo, gustaríame destacar tamén que na metade do concerto un rapaz de 12 anos chamado Xabi foi ao escenario a tocar a guitarra e incluso improvisou un solo, deixando abraiado ao público. Ademais, ao rematar a actuación, fixeime en especial no trato próximo que había, pois sen problema puidémonos acercar a falar ou sacarnos unha foto cos membros do grupo.

En resumo, o último día de setembro Recambios Tucho deu un concerto no Chiringuito das cunchas. Este foi un evento dunha hora e media de duración no cal se combinaron a música, a lingua galega e a diversión. Persoalmente recoméndolle a todo o mundo que lle dea unha oportunidade a este grupo e que, se pode, o vaia ver en directo, pois sen dúbida é unha experiencia que se desfruta moito.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.