Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Réquiem por un gato inocente (por Noelia Fernández)

Este pasado venres tivo lugar en Rianxo a representación de Un home con lentes de pasta, da man da compañía Redrum Teatro. Adaptación de Un home amb ulleres de pasta de Jordi Casanovas, é dirixida por Alex Sampayo nesta versión galega que lle fai máis ca xustiza.

Un moderno e xuvenil apartamento. Catro mozos nunha cea. A anfitrioa Sheila, ferida de sentimentos, a expectante e solidaria parella de Fernando máis Laura e o seu intento de animar á primeira, e Guillerme, un refinadísimo amante da cultura. Ou así se presentan ao inicio da velada.

A obra explora as complexidades na dinámica das relacións e a moralidade humanas, empregando primeiramente a Guillerme como exemplo daquilo que non se debe facer nunha casual cea de amigos. A súa prepotente actitude desentoa tanto co resto de presentes que desvela un intelectualoide demasiado selecto para os praceres “mundanos”. Igual que se lanza na busca da admiración dos comensais recitando un ambicioso verso libre, non dubida en esnaquizar a escrita de Sheila con crueis apuntes que tensan o ambiente.

Descubrimos nesta delicada atmosfera que Fernando sucumbe aos encantos deste retorcido home con lentes de pasta, ante a promesa de liberalo da súa banal rutina. Mentres tanto, as íntimas amigas perciben dubidosas intencións, que serven de último ingrediente para un cóctel de latexante desconfianza, onde unha tras outra caen as cubertas dos personaxes. Todo isto desenvolto con efectivos golpes cómicos.

Culmina a obra nun caótico enfrontamento: Laura contra o desleixado futuro pai, Sheila contra o pedante convidado. Un todos contra todos que incluso se cobra a vida dunha mascota.

Recae gran parte da calidade desta obra na formidable interpretación por parte do elenco, que mantén un ritmo melodioso con diálogos coordinados a pesar da esixente cadencia.

Difícil é non rir, pero tamén non verse a un mesmo nas personalidades de cada parte. Os íntimos momentos de irmandade entre as rapazas, a fráxil vontade de Fernando ou o afán de causar unha certa impresión que preocupa a Guillerme: unha visión reflectora que convida á introspección.

En definitiva, Un home con lentes de pasta é o guión óptimo para amantes do álxido Woody Allen, os correctos retratos de xuventude ou as boas realizacións técnicas de luz e son.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.