- “Mamá… xa sei o que quero estudar… un ciclo medio”
- “Ah vale… vas estudar perruquería, non?”
Pois non… non era Perruquería; o que ela quería estudar era Soldadura, e soñaba con ir traballar a un asteleiro e facer barcos.
Hoxe coñecimos a Nerea Vázquez, “a diva do metal”, como lle din na súa terra. Unha historia moi valente de loita e superación para acadar as metas propias nun mundo tradicionalmente de homes. Estudante no CIFP Politécnico de Santiago, rematou o curso pasado o CM de Soldadura, e cursa neste o CS de Construcións Metálicas.
Nerea trasladounos dunha maneira amena e moi clara as enormes dificultades e obstáculos que leva atopado dende que elixiu esta rama educativa e laboral, pola que amosa unha paixón que se ve reflectida na mirada que acompaña o seu falar. O menosprezo, as risas, o asombro que provoca unha muller que saca os tacóns e os pantalóns curtos por botas e funda ao chegar ao taller… a discriminación brutal por ser muller dentro da aula, e a fenda de xénero nun mercado laboral que pretendía pagarlle bastante menos que a un compañeiro…
Loitar contra os estereotipos de xénero no corazón mesmo do estereotipo é todo un logro que ela consegue día a día. Ten claro que traballará nun asteleiro e fará barcos… e quen a escoitamos estamos igualmente seguras.
Porque non hai estudos nen traballos de homes e de mulleres, fannos falta moitas Nereas… Brava!!!!
(Texto redactado por Mamen Teijido)
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]