Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Que é ser galeg@? (por Lucía Ces)

     Ser galego/a no século XXI dentro de Galiza é que che guste o cocido os domingos na casa da avoa e os pementos de Padrón na Pascua, fóra dela é o ser morriñento, lembrarse de Galiza cada vez que te vas. Ser galego é que che guste a festa, e tamén as verbenas no verán, aínda que chova na maior parte delas.

Outra das cousas que nos caracteríza de ser galegos/as son os instrumentos, como a pandeireta e a gaita nas feiras, nas que podes pasar todo o día polos postos. Galegos son os que van fóra de Galiza e automaticamente se lles recoñece polo acento. E tamén os que ven os anuncios do Gadis día si e día tamén.

Galegos/as son os que van ás Cíes e ás Ons sen terlle medo ás gaivotas que rouban a comida, ir á neve a Manzaneda, ás termas de Ourense, á muralla de Lugo, á cidade da cultura en Santiago de Compostela, á torre de Hércules na Coruña e outros moitos sitios recoñecidos de Galiza. Pero, ser galego/a tamén é poder apreciar a ría, a natureza e as postas de sol reflexadas no mar.

Mais alá de tópicos e tradicións, os galegos/as caracterizámonos por esa capacidade para superar os problemas, sufrindo e loitando aínda que non se nos note. Por exemplo, cando foi do exilio e emigración de numerosos galegos, dos Séculos Escuros, da desaparición do Reino de Galiza da historia de España, e outros moitos feitos horribles e inxustos.

Aínda que non nazas en Galiza, ser galego/a é acoller todos os costumes e a lingua propia da comunidade, o galego, que nos dá identidade e cultura. Temos expresións como “malo será”, “vaiche boa”, palabras como: trapallada, parvo, aperta, agarimo, arroutada, saudade, sentidiño, xeitoso…en definitiva, palabras que nos permiten expresar a realidade, creadas polo pobo ao longo dos séculos. Como dixo Manuel María: “O idioma é a forza que nos xungue e nos sostén, se perdemos a fala non seremos ninguén”.

Temos motivos para estar orgullosos de ser galegos/as, polos vellos hábitos e polos de agora. Somos galegos/as, non porque naceramos en Galiza, senón porque Galiza nace en nós.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.