O Día Mundial do Teatro celébrase o 27 de marzo de cada ano e foi creado polo Instituto Internacional do Teatro en 1961. O seu principal obxectivo é dar a coñecer o que representa o teatro para a cultura a nivel mundial. E dende logo que para a cultura galega é inevitable recordar obras tan relevantes como “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao ou “A fiestra valdeira” de Rafael Dieste, entre outras moitas obras teatrais. Ademais o teatro ten a particularidade de espertar verdadeiras paixóns, sentimentos e emocións, e non só nos espectadores, pois son neta dun dos actores que participou na estrea de “A fiestra valdeira” e, a día de hoxe, o meu avó asegura que foi unha experiencia única na súa vida.
Así mesmo, destaca a Ultranoite no teatro galego. A Ultranoite é un cabaret colectivo que o grupo Chévere leva ofrecendo máis de dúas décadas. Asumindo a tradición das Cantigas de Escarnio e Maldicir, con humor sobre a actualidade, empregando a música, próxima ao Entroido, as Ultranoites constitúen un xénero en si. Así mesmo, o grupo Chévere naceu en Santiago de Compostela en plena transición democrática formado por persoas que proviñan de diversas disciplinas como a música, o teatro ou a performance e que romperon cos complexos e a maneira antiga de facer teatro. Despois de recoñecementos como o Premio Nacional de Teatro ou os Premios María Casares, agora levan á escena esas producións teatrais que lles deron a coñecer para celebrar o seu trinta aniversario. Este grupo caracterízase pola súa maneira minimalista de facer teatro e o seu compromiso social con temas como a globalización, o consumismo, a especulación inmobiliaria ou o xénero. As súas producións apelan ao xogo e á risa como forma de expresión. Entre as que alcanzaron maior proxección están “Eurozone” e “Citizen”. Cabe destacar “Eroski paraíso”, unha produción deste grupo que se estreou en 2016. E recentemente a TVG proxectou a súa versión cinematográfica, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron. Con todo, os integrantes do grupo destacan que a Ultranoite ofrece un reflexo cómico, crítico, duro e perralleiro dunha realidade aparente.
Por outra parte, o pasado venres, Isabel Risco publicou un manifesto galego sobre o Día Mundial do Teatro pero cunha perspectiva feminista, aludindo ás teatreiras. “Somos as bruxas, as Marías Soliñas que volveron ignífugas, transformamos o lume nunha ferramenta que racha cos muros da indecencia e a obscenidade e por tanto fóra da escena, sistémica e institucionalizada”. Asegura Isabel Risco que o teatro é algo totalmente necesario hoxe en día polo que demanda que o teatro debe contar con teatreiros e teatreiras, sen distinción de xénero. “Declarémonos insubmisas da ameaza dos urcos encadeados con gravatas de seda que cuspe o mar embravecido e que presiden a falsidade e intentan reducirnos a cinzas”.
En conclusión, o teatro galego tivo que atravesar diversos atrancos como as consecuencias da Guerra Civil e a posterior ditadura, xa que era impensable un espectáculo público teatral en galego e a súa pervivencia nesa época foi posible polo labor do exilio. Pero, a pesar diso, grazas aos autores que loitaron por expresar as súas ideoloxías a través deste xénero, o teatro conseguiu resurxir e actualmente é un espectáculo imprescindible. Na miña opinión, o teatro é unha maneira de expresar ideas e de que o público as perciba e poida cambiar o seu punto de vista. Tamén é unha forma de reflexar a realidade para que os espectadores ollen o seu día a día cunha mirada crítica.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]