Cando a ditadura de Francisco Franco chegaba á súa fin por causas biolóxicas, no noso país irmán vivían, hoxe hai 46 anos, a coñecida como a “Revoluçao dos Cravos”, que provocou a caída do goberno e a restauración da democracia en Portugal case 50 anos despois.
Portugal celebra hoxe 46 anos de liberade, unha liberdade que chegou grazas á Revoluçao dos Cravos, que tiña que ocorrer para que no país puidese chegar a primavera e a felicidade do pobo libre. A ditadura comezara no ano 1926, pois anos antes, o pobo estivo a vivir un forte período de inestabilidade nacional. Nese momento, Antonio Óscar de Fragoso Carmona, que instaurou unha ditadura nacional e forte, chamada: Estado Novo, un estado que o nomearía presidente no ano 1928, momento no que Antonio de Oliveira Salazar convertíase no Ministro de Facenda. Por aquel entón, os movementos fascistas estaban en auxe en Europa, e Salazar, xa Presidente do Consello de Ministros, establecerá o seu propio modelo en Portugal, no ano 1932, con todas as consecuencias que isto leva consigo, pois suprimiranse dereitos e liberades do pobo e impoñeranse medidas propias dun estado autoritario.
Como en toda ditadura, a poboación que a padeceu non foi feliz, pois Salazar contaba con moitos medios para reprimir as persoas, como é o caso da Policía Internacional para a Defensa do Estado (PIDE) formada por 22800 membros que estaban infiltrados en todos os sectores da sociedade, por iso, afirmaban que en Portugal non se movían nin as follas sen que se decatase a PIDE. Ademais, tamén contaban con forzas paramilitares, forzas como a Lexión Portuguesa ou a Brigada Naval, pasando pola Policía de Seguridade Pública (PSP) e a Garda Nacional Republicana (GNR). Engadindo ademais unha forte censura da prensa da man da Comisión de Exame Previo. Por outra banda, tamén hai que ter en conta a situación de crise económica que asolaba o país, pois en 1973, o país contaba cunha inflación do 20% dos ingresos per cápita que eran os máis baixos da OCDE, o que fixo que se manifestase un fluxo migratorio por parte dos lusos a outros países, principalmente Francia, onde se rexistraron cifras de case 500.000 portugueses vivindo nos barrios obreiros das cidades galas. Un punto clave foi sen dúbida a guerra colonial en diferentes países de África, pois en Portugal o servizo militar obrigatorio era de catro anos, nos que, os dous primeiros dábanse en cidades, e os outros dous, nas colonias. Isto foi importante debido a que o estado destinaba o 41% dos fondos a estas guerras (que acabarían perdendo) pero sobre todo, propiciou o rechazo das forzas armadas portuguesas contra o réxime, o que serviu de detonante para aRevoluçao dos cravos que remataría coa autarquía e illamento de Portugal.
Eran as 00:30 do 25 de Abril, cando na radio Renaçensa soaron os versos recitados por José Alfonso: “Grândola, vila morena terra de fraternidade, o povo é quem mais ordena. Dentro de ti, ó cidade”. Desencadeábase así un amplo movemento militar que foi levado a cabo polo Movemento das Forzas Armadas (MFA), principalmente en Lisboa, cidade onde foron tomados os principais puntos neurálxicos. Ademais, a MFA, emitirá por medio de Rádio Clube Portugués un texto histórico: “Infórmase ao país de que as Forzas Armadas desencadearon esta madrugada de hoxe unha serie de accións con vistas á liberación do país do réxime que dende hai tempos o domina” . A resistencia contra o movemento foi mínima, e as 17:45 horas daquel día histórico, prodúcense as rendicións. Primeiro, foi o primeiro ministro Marcelo Caetano, e pouco despois o presidente da República, o almirante Américo Thomas, que se encontraba cos exministros salazaristas cercados polas tropas do MFA. Mentres isto sucedía, os cidadáns colocaban caraveis nas armas dos soldados do MFA, que os liberarán da ditadura, notificando así que a Revoluçao dos Cravos, culminara de xeito positivo para o pobo, chegando así a súa liberdade.
Un día como hoxe, hai 46 anos, levábase a cabo a Revoluçao dos cravos, un feito histórico que derrocaba unha das últimas ditaduras de Europa por aquel entón (manténdose pouco tempo máis a española liderada por Franco). Esta revolución, remataba coa ditadura máis longa da historia recente de Europa, marcando a vida do pobo portugués durante a metade do século XX, e deixando o pobo ser libre a partir desa data que a xente lusa sempre celebrará un día como hoxe.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]