Se un inglés desexase acceder a un cargo público en Francia, Alemaña ou Italia, sabería que ten que aprender a súa lingua. Pode que nuns anos nos atopemos en postos públicos ingleses que descoñecen o español, italiano ou portugués, e será culpa dos españois que o permitiron. Deben os galegos permitir que ás persoas a quen lles pagan os soldos descoñezan a súa lingua?
Calquera persoa que viva na Galiza pode desmentir as palabras do deputado que afirmou: “Ninguén pode negar que o castelán desapareceu da Galicia”. O que demostra ese deputado, ademais de non pasar moito tempo no país, é que non respecta a normalización lingüística.
Non podemos esquecer que os galego-falantes temos o dereito a expresarnos en galego se así o desexamos: como poñelo en funcionamento se o funcionariado da Galiza descoñece a nosa lingua? Os galegos deben poder empregar a lingua de xeito natural, sen ter que estar reivindicando ese dereito do que non gozan.
“O castelán é tan galego como o galego”. Esta frase dita a modo de refrán case dende fai medio século, é interpretada por algunhas persoas como a maneira de describir o idílico bilingüismo harmónico que nin sequera existe como concepto da Sociolingüística. Pero a realidade é que esta cita provén da época franquista, dita por aqueles a quen lles gustaría que a lingua galega vivise a modo de reliquia e non na boca de quen a falan.
O galego non pode seguir sendo o idioma maioritario de Galicia sen a acción institucional do poder político. Precísase un organismo eficaz, que non se limite a promover cursos de lingua para diversos tipos de profesionais e a difundir campañas, de dubidosa efectividade, de fomento do uso do galego. Na miña opinión, o máis importante é a acción individual, pois a lingua vive nos seus falantes, pero non é suficiente.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]