Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas
A esmorga (por Javier Ordóñez)

Eduardo Blanco Amor foi unha figura relevante da literatura galega, pertencente ao grupo de autores individualizados que desenvolveron a súa narrativa entre 1936 e 1976. A súa literatura etiquétase dentro do realismo social, é dicir, xira en torno á problemática social galega da época. A súa cidade natal vai ser o lugar escollido para a ambientación das súas obras, como no caso de A Esmorga. Blanco Amor vai ser, xunto cos seus contemporáneos Fole, Cunqueiro e Neira Vilas, un dos renovadores da prosa deste período.

A súa obra literaria A Esmorga, revoluciona o panorama narrativo galego a través dos seus tres personaxes protagonistas. Presenta 5 capítulos e emprega unha fórmula narrativa única denominada técnica telefónica, é dicir, existe un diálogo mudo entre o Cibrán e o xuíz, dando así máis verosimilitude, focalizando a atención do lector no Cibrán e evitando unha novela bilingüe . Nesta obra amósase a relevancia dos personaxes populares e tamén a presenza da homosexualidade. Existe un rexistro coloquial que vai creando a sensación de oralidade.

Respecto á película, dende o primeiro momento pretende amosar o concepto de esmorga, o cal vai máis aló dunha simple definición de dicionario e da súa mala tradución ao castelán como “juerga” ou “parranda”. Considero que é algo que a película amosa bastante ben, pero sen deixar de ensinarnos tamén a realidade social de cada un dos protagonistas e os seus momentos de reflexión.

Como xa mencionamos, Blanco Amor na súa obra emprega unha técnica telefónica. Na película, dun xeito semellante a como acontece no libro, no cal non hai a intervención do xuíz para evitar o bilingüismo ( o cal si vemos en Socorrito), ocorre o mesmo. En ningún momento vemos unha imaxe do xuíz, nin o escoitamos falar. Temos a perspectiva posta xa dende o primeiro momento no Cibrán, na casa da Rachada, o cal nos vai presentando ao resto de personaxes ao longo da película. En certo modo, no filme vese como o Cibrán é unha persoa que intenta endereitar o seu camiño pero vese moi influenciado polo seus dous compañeiros (o Bocas e o Milhomes), sobre todo polo Milhomes, que é quen leva as rendas dos tres e sempre os acaba convencendo para facer algunha argallada polas aldeas.

Outro aspecto importante do filme, é que amosa a Galicia e as condicións nas que se vivía daquela época nas diferentes clases sociais. A choiva continua ao longo da película, a casa de pedra da Rachada que era como estar fóra co frío que facía dentro, as  rúas de pedra, os camiños entre os carballos, as tabernas, os pazos dos señoríos e as súas bodegas, os “sabañóns” do Bocas que ao final da película non o deixaban andar ou o alcohol que era remedio para todo son algúns exemplos.

Por outra banda, sorprendeume a fluidez coa que Karra Elejalde fala o galego ao interpretar ao Bocas, así como a eficacia que adquire ao caracterizar a variedade dialectal ourensá con toda a naturalidade, que é o que empregan os personaxes da película. Unha mostra máis da viabilidade da lingua galega. En contraposición a isto temos a Socorrito, quen vive ao lado do vertedoiro da vila e emprega o castelán como símbolo de status superior. Se ben é certo que non semella estar totalmente ben das súas facultades, feito que aproveita o Milhomes ao final da trama para abusar dela, o que desencadea un remate abrupto en traxedia. Socorrito amosa admiración pola clase social máis alta.

Ccabe destacar que a película, ao igual que o libro, fai que un estea atento aos novos acontecementos, xa que argallada tras argallada os espectadores teñen a sensación de que tanto o Bocas, coma o Milhomes, coma o Cibrán van acabar mal. Sobre todo, tras a escena do incendio da adega. Impresiona a sorpresa que leva o Cibrán ao saber que morreu o señor que alí dentro se atopaba por culpa deles, sabendo que foi el mesmo o que tirou a candea ao chan. Ningún deles lle axudou a apagar o lume e escaparon a correr de aló, rindo a gargalladas  froito da ebriedade dos tres. O triste final era inevitable.

Así pois, considero que se trata dun bo filme, que recrea bastante ben a obra de Blanco Amor pese á dificultade que pode ter levala ao cine pola súa forma narrativa. A ambientación, así como a naturalidade coa que se conta a historia e que atrapa ao espectador directamente, considero que son a clave do filme.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.