Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
A catástrofe que quedou no olvido (por Paloma Sobradelo)

O 25 de marzo de 2019 íamos durmir ca nova dun novo incendio en Dodro. Á mañá seguinte espertamos con que ese lume voraz que comezara en Dodro estendérase a algunhas parroquias de Rianxo. Os rapaces ese día tiñamos que ir ao instituto, como un día calquera, pero cun medo no corpo que non era característico dun día calquera. Todo era normal ata que nas últimas horas da mañá comezamos a ver como todo o ceo se cubría dun fume gris, case negro. Xa non víamos o ceo azul dese día cando chegaron os bombeiros e a garda civil de Rianxo para desaloxarnos. O lume estaba xusto detrás do instituto. Como chegou tan rápido?! Era unha situación totalmente desconcertante.

Este incendio levou consigo máis de 1.200 hectáreas dende Rianxo ata O Barco de Valdeorras. Os veciños de Rianxo desaloxados e o nivel 2 de alerta establecido nun incendio que mobilizou medios aéreos, militares e servizos de emerxencia aos que se uniron os habitantes da zona. Moitos rianxeiros e de arredores perderon parte da súas terras de cultivo, invernadoiros e mesmo os seus fogares. Pero…que ou quen provocou isto? A hipótese que a propia Xunta manexou foi a dunha chispa procedente dunha torre de alta tensión como primeira fonte do incendio. O tempo meteorolóxico tampouco axudou nos labores de extinción xa que as escasas precipitacións, as elevadas temperaturas deses días e o vento levaron a que o lume se estendera con tanta rapidez.

Un ano despois dese incendio devastador, atravesamos por outra crise. Unha pandemia chamada Coronavirus que comezou en Wuhan e agora está recorrendo todo o mundo. A situación en España é catastrófica. Cada día aumenta sen cesar o número de infectados e de mortes. O presidente do goberno decretou o 14 de marzo o Estado de Alarma que supuxo un confinamento de 15 días. Pero non, non foron só  15 días. Fai unha semana o goberno de España decretaba 15 días máis de corentena. Agora parece que outras dúas semanas van ser escasas…

O caso é que despois dun ano, ninguén se acorda do sufrimento polo que pasamos os galegos ao ver que os nosos montes estaban sendo arrasados. Fai un ano nas redes sociais só víamos publicacións de apoio, imaxes do lume… E hoxe nas redes vemos como a xente comparte novas sobre o Coronavirus e mesmo se rin da situación. Nunca está de máis o humor nestes momentos. Pero non vemos que ninguén se acorde do incendio que levou consigo parte do monte galego, da nosa terra. Quizais a xente non lle deu tanta importancia ou non lle afectou de maneira directa. Pero foi algo que nos ten que preocupar a todos. Como comunidade. Máis que nada porque os nosos montes son o máis significativo que temos en Galiza. Ademais, é algo digno de recordar por todo o que loitamos. É unha catástrofe si. Pero loitamos xuntos.

Na miña opinión, a pesar da situación excepcional pola que estamos pasando, que é totalmente preocupante, deberíamos recordar aqueles días de sufrimento nos que o lume ameazaba o noso territorio. Foron días intensos, sobre todo para a xente á que lle afectou de maneira directa. Ademais, a día de hoxe as consecuencias aínda están presentes e tardarase en recuperar moito tempo. Mesmo en parte do territorio hai que volver a plantar baixo o risco de que volva a arder. Foi un feito coa suficiente importancia como para que este ano os galegos o recordáramos. E poucos o fixeron. Polo menos que o demostraran.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.