Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas
Viuva dun morto que ninguén conslará (Despois de ver Mamasunción, por Silvia Casal)

Ollas para a súa foto día tras día, esperando a que volva, esperando novas del. Pasaron os anos, mucharon as flores e o teu cabelo foi sumando pinzas e perdendo cor. Teciches soa a túa tea, sembraches o teu nabal, vas por leña ó monte e vela arder no lar, onde ferve o pote do caldo que soa has de cear. O teu homiño perdeuse e ninguén sabe onde vai, nin que foi del. Ti esperas ás anduriñas que pasaron con el as ondas do mar, esperas que voen, voen e veñan e che digan onde está. Esperas que as anduriñas traian unha carta. Esperas na oficina de correos. Esperas, pero as anduriñas fai corenta anos que marcharon, corenta anos que non voltaron, corenta anos que non traen carta algunha. Semellas a viúva dun vivo, porque non hai nome para a nai que queda sen fillo.

O tic tac do reloxo soa igual tódolos días, a agulla cambia de posición cada segundo, un tempo concreto que leva durando o mesmo corenta anos. Miras as agullas, miras a foto do teu neno e volves a mirar o reloxo. Pensas que estará facendo agora, como lle irá. Corenta anos e a posibilidade de saber del é o único que che dá folgos para erguerte cada día.

Ata que a andoriña trae novas. Tantos anos esperando e dalgún xeito queres alongar a espera. Sabes que o feito de abrir esa carta vai a cambialo todo. Por iso decides vivir os últimos momentos aproveitando a esperanza que che queda.  Repañando o último sorriso, porque unha vez aberta pode que os teus dentes decidan agocharse para sempre.

O reloxo soa agora doutro xeito. Máis ás présas. Desapareceu ese tic tac continuo e ininterrompido durante corenta anos. Din que o tempo é subxectivo, que a inquedanza acelérao.  Non sabes ler,  por iso as horas seguen a pasar. Tampouco ela sabe, por iso non che importou que lese a carta en alto, porque o que dicía non era realmente o que había escrito. E ti sabíalo. Ós poucos comezaches a aceptalo. A carta non traía boas novas e tiñas que afrontalo. Camiño da verdade empezaches a ollar doutro xeito. Antes atravesabas os sendeiros mirando cara a fronte. Tiñas un obxectivo fixo: a oficina de correos. Agora camiñas máis paseniño, como intentando retrasar o momento. Camiñas consciente do teu redor. Consciente do rapaz que sempre estivo aí, pero que sempre ignoraches. Do rapaz que podía ser o teu fillo, pero non é.

El estaba lonxe, nas Américas. Procurando un anaco de pan para comer e un lugar onde durmir a cuberto. Tentando saciar a fame e o frío. Co corpo ó outro lado do charco, pero co pensamento no seu fogar. Co único anhelo de facer fortuna e voltar para a casa traxeado e conducindo o mellor dos coches. Estaba lonxe. E digo estaba, porque xa non está. Nin lonxe, nin preto. A andoriña trouxo riqueza, pero tamén soidade. Veu traxeada, conducindo un bo coche, desaxeitado para os camiños da aldea. Veu e nunca antes viñera. Os veciños asisten á entrega desa herdanza. E ti, aínda que rodeada de xente, sénteste máis soa ca nunca.

Incinéralo. Queimas o seu corpo. As súas mans. A fortuna que fixera traballando. Ves como arden os cartos, mentres asistes a unha orquestra de berros, golpes e esixencias. “Abre a porta, abre a porta!”. O poder do diñeiro. Non abras. Queren o que queda do teu fillo. Pero ti, senlleira muller, só queres despedilo onde, como todo galego, tamén el quería morrer: na súa terra.

E ficas como viuva dun morto que ninguén consolará.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.