Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Saúde pública (por Adriana Romero)

Durante este tempo no que todas estamos confinadas nas nosas casas, a xente sae aos seus balcóns a unha determinada hora do día a aplaudir e agradecer o traballo do persoal sanitario. Debemos apoiar, tanto como ao persoal, ao sistema que o sustenta: a sanidade pública.

A sanidade privada non se está a facer cargo das persoas infectadas por coronavirus. Todas temos xente cerca que pensa que por pagarlle a un médico vai estar mellor atendida e non valora a sanidade pública. Á hora da verdade, o que realmente funciona é o sistema que debemos pagar todos mediante o nosos impostos e que debe estar a disposición de todos os cidadáns e cidadás. Con isto quero dicir que é impensable ter que pagar para ser atendida. Todas as persoas, independentemente do diñeiro que teñan, teñen o mesmo dereito a vivir. Polo tanto, un sistema como o de EEUU no que, se es pobre e enfermas, morres, é unha barbaridade. Con todo, Esperanza Aguirre, desviou 3 millóns da sanidade madrileña á financiación do seu partido. Na actualidade, tivo que ingresar nun hospital público debido a que enfermou de coronavirus.

A sanidade pública está moi debilitada nesta crise sanitaria polos recortes sufridos durante a crise económica e os procesos de privatización. Non hai material suficiente nalgúns lugares para enfrontarnos a este problema. Na “España baleira” denunciaron que os médicos e enfermeiras non teñen traxes especiais e que teñen que cubrirse con bolsas de lixo. Isto converte a profesión de médico nunha profesión de grande risco. Mesmo nas mellores condicións, estas persoas corren o risco de infectarse debido a que sempre pode haber algún erro. Pero, se as condicións nas que traballan non coidan da súa saúde, isto, ademais de ser inxusto para eles, deixa os hospitais sen persoal para afrontar a crise.

Atopamos estes días moitos casos que mostran a difícil situación en que o persoal sanitario debe desenvolver o seu labor. Unha señora, desesperada, gravou un vídeo denunciando a falta de material en Leganés.A muller dicía que o seu marido estaba grave, necesitaba respiradores e baixar a UCI. Neste caso, nin había respiradores para tentar que puidera respirar nin sitio na UCI e, cando o houbo, tiveron que meter a un home de 44 anos. É dicir, os médicos teñen que elixir a quen deben salvar e a quen non. Neste caso, tiveron que elixir entre un home de 44 anos e outro por riba dos 65, polo que elixiron ao máis novo. Os sanitarios non teñen que pasar por isto, é unha presión inmensa saber que están deixando morrer xente, pero que non poden facer nada máis por falta de material.

Concluíndo, atopámonos nunha grave crise sanitaria que xa leva aproximadamente 15 mortos en Galicia. Necesitamos botar man dunha sanidade pública que non conta cos medios suficientes para facer fronte a este grave problema, porque previamente foi recortada. Por isto, produciuse unha “cacerolada” pedindo ao rei emérito que destine o diñeiro que recibiu de Arabia Saudí, á axuda contra a enfermidade. Con todo, non se precisa que empresarios que non pagan os seus impostos doen á sanidade como se dun acto de caridade se tratase. Se todos pagásemos os nosos impostos e o Goberno fixese unha boa administración deste diñeiro, teríamos unha sanidade pública óptima.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.