Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Que normativa debería seguir a lingua galega na actualidade? (por Sergio Somoza)

Nos últimos anos, as dúbidas sobre que tendencia normativizadora se debería empregar no galego foron en aumento. Son moitos os que defenden a norma oficialista, mais o número de persoas que apoian a corrente lusista tamén é abundante. O desacordo segue estando presente, polo tanto considero que unha normativa de mínimos ou unha coexistencia oficial entre ambas podería ser unha boa solución a este dilema.

 En primeiro lugar, debemos ter totalmente claros cales son os conceptos de reintegracionismo e oficialismo. A tendencia oficialista defende que o galego é unha lingua totalmente diferenciada do portugués , mentres que a corrente lusista defende a aproximación ao portugués ortograficamente falando, porque defende que galego e portugués pertencen ao mesmo sistema lingüístico. Este feito é o que distancia a moitos galegofalantes da tendencia lusista e polo tanto, á presenza do reintegracionismo a pesar de ser abundante, non ten a mesma cantidade de apoios que o oficialismo propiamente dito.

 Por outra banda, é un feito que moita xente galega nos nosos días ten prexuízos moi amplos sobre o que suporía empregar a normativa lusista. A súa vinculación co nacionalismo ou co galeguismo é un tópico que de xeito desafortunado pervive no conxunto do noso territorio. Polo tanto, este é un dos aspectos que actualmente condicionan negativamente o futuro do idioma, pois a relación que realmente existe entre idioma e política é cada vez máis abundante. En todas as campañas electorais, observamos como a lingua é un instrumento utilizado por determinados grupos políticos cunha finalidade destrutiva, pois aludir constantemente ao concepto da ´´imposición do galego´´ condiciona en gran medida os resultados electorais. Nos últimos días, a ultradereita promovía unha campaña en contra das linguas cooficiais co castelán, como o galego, coa que presentaría no Congreso dos Deputados un proxecto no que defenden o dereito a ´´vivir plenamente e a estudar exclusivamente en castelán en todo o territorio nacional´´ optando pola realización de tests de nivel en español pensados para as comunidades con lingua oficial. Isto demostra unha vez máis todo o contrario, pois o español estaría máis próximo de ser un idioma imposto en caso de aprobarse estes proxectos e o galego non tería este rango, senón unha lingua máis minorizada, cuxos ámbitos de uso estaría máis limitado por mor do español, que sería máis dominante do que xa é actualmente.

 En terceiro lugar, as ventaxas que poderían existir coa normativa de mínimos ou unha normativa lusista poderían ser moitas. A máis importante, a mellor comunicación cos habitantes do país veciño Portugal ou con países como Brasil ou Angola, entre outros varios. Coa existencia dunha norma que teña trazos ortográficos semellantes aos lusos, a transferencia de información será moito máis doada. Por moito que os intereses políticos da RAG e das institucións sexan os de manter unicamente unha forma do idioma castelanizada en moitos aspectos, non foi nin será unha razón para rematar coa loita por unha norma do idioma respectuosa cos seus trazos históricos. É necesario bloquear a posibilidade dunha norma lusista da lingua galega por motivos estritamente políticos? En verdade, penso que non é xusto para quen considera válido empregar esa norma do galego .




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.