Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Exemplos (por Adriana Romero)

Os exemplos son fundamentais no noso día a día. En canto a nosa lingua, cómpre ter exemplos, persoas que a usan, que a normalizan e que demostran que pode ser utilizada en todos os ámbitos.

Dende sempre os seres humanos buscamos exemplo en outras persoas. Cando somos pequenas buscamos ser como as personaxes de películas ou famosas ás que admiramos. Pero non só o fan os rapaces e rapazas, sucede en todos os ámbitos, por exemplo, no caso do colectivo LGBT, agradecen que persoas famosas lle dean visibilidade á súa causa, como é o caso de Billy Porter. Se unha persoa que lles gusta aos rapaces e rapazas é feminista, pode abrirlle a mente. O mesmo pasa co galego, necesítanse persoas que o usen e o normalicen.

O galego é unha lingua minorizada dende hai moito tempo, de feito, as estatísticas corroboran que é un idioma que perde moitos falantes. As persoas máis mozas ou a poboación das cidades son as que menos galego falan. Para comezar, existen moitos prexuízos arredor da nosa lingua, por exemplo, que é para persoas que viven no rural, ignorantes, etc. Todo isto fai que se cre arredor do galego un pensamento de autoodio e se deixe de falar. Por isto mesmo, fan falta exemplos de persoas que falen galego e que demostren que é unha lingua válida, como calquera outra.

Podemos falar de Ana Peleteiro, unha coñecida deportista galega que non dubida en falar galego, no “Land Rober” dixo que como galega ía a seguir usando a súa lingua, como persoas doutros países fan coa súa. Así como, Iago Aspas, un futbolista do Celta que, como a anterior, nunca renegou do galego. Estes, son exemplos de persoas que acadaron fama sen deixar de usar a súa lingua. Por outro lado, podemos falar de Patricia Pardo, unha colaboradora do “Programa de Ana Rosa”. Esta é de Taragoña e deixou de falar a súa lingua ao chegar a un certo nivel de recoñecemento. Ben é certo que, en moitos casos, non podemos culpar á xente que debido ao traballo deixa de falar a súa lingua, porque son moitas as empresas que obrigan aos seus empregados a usar o castelán (reforzando o prexuízo de que esta lingua é máis válida), polo tanto a culpa non sería do falante, senón da empresa. Estas persoas deben deixar de usar a súa lingua no traballo se queren seguir gañando diñeiro. O caso máis grave é o de, por exemplo, persoas que traballan na TVG e que usan o galego só no traballo, despois falan castelán.

Como conclusión, a lingua galega está nunha situación crítica, no 2018 un 11,95% da poboación galega non sabía falar galego. Necesitamos exemplos, persoas que demostren que o galego é unha lingua apta para todos os campos. Persoas que pese a que acadan a fama, non reneguen da súa lingua, deixando ver que, independentemente da túa situación, o galego é unha lingua útil e apta.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.