Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Unha muller das de hoxe nunha época das de mañá (por Miguel Otero)

Cando a situación parecía escura, as letras dunha escritora enchíano todo de luz, para xerar un refacho de esperanza que na actualidade recibimos con ledicia.

Este 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía e, sendo conscientes da importancia desta autora no referente á nosa literatura e ao noso país, é obrigado recordala. Cando falamos da nosa choromiqueira padronesa, a maior parte da xente pensa nos ríos e nas fontes da súa terra natal, si, nese poema co cal, eu polo menos, comecei a descubrir a Rosalía. Pode ser que o “Adiós ríos, adiós fontes” sexa un dos seus textos máis coñecidos, pero o certo é que non só se adicou a expresar o amor pola súa terra, ou a expresar os seus sentimentos. Rosalía foi unha verdadeira activista, comprometida coa lingua, e coa súa condición. Si, porque nunha época na que ninguén escribía en galego, ela facíao. E nunha época na que imperaba a misoxinia, ela tamén defendeu ás do seu xénero. Por iso dicimos que se tratou dunha muller das de hoxe, das que loitan polos seus dereitos, convencidas de que toda loita é válida. Unha feminista das de hoxe, nunha época das de mañá. Porque o futuro do planeta avanza cara a desidia, cara unha nova era que ben poderá recordarnos a eses días nos que o noso idioma non contaba e nos que non todas as persoas eran iguais. Mais, como diciamos, aí estaba ela, esa muller incansable, que, mesmo ante a negra sombra que a asombraba, seguía loitando.

Naceu en Padrón, o 24 de febreiro do 1837 e morreu o 15 de xullo do 1885. A súa figura destaca especialmente polo seu gran compromiso, converténdose en consecuencia, nunha das autoras, xunto con Pondal e Curros Enríquez, máis prolíficas do Rexurdimento (século XIX). Moitas veces unicamente nos centramos na causa literaria, pero neste caso considero importante facer referencia tamén á súa vida dende nena. Pertenceu unha familia de clase fidalga, sendo o seu pai cura, pero durante a súa infancia, foi criada pola súa tía paterna ata os oito anos. Pasou unha xuventude bastante dura, pois cando se trasladou coa súa nai a Santiago de Compostela, sobreviviu ao tifus, a fame do 1853 e mesmo á epidemia de cólera do 1854 que rematara coa vida de uns 3000 civís. Ademais foi na súa mocidade cando comezou a tomar conciencia sobre a difícil situación do rural galego, da xente da Galiza, entrando en contacto coas costumes da nosa terra e coa lingua, experiencias claves para desenvolver toda a súa actividade posterior.

No referente á súa produción literaria, é importante destacar que se ben se iniciou a través da prosa, o xénero no que máis destacou foi a poesía, destacando Cantares Gallegos e Follas Novas. Podemos facer mención á súa participación no Liceo de la Juventud, lugar onde se reunían diferentes intelectuais do momento como Manuel Murguía, quen sería o seu home posteriormente, ou a súa presenza tamén no Banquete de Conxo, un acto de confraternidade entre obreiros, artesáns e estudantes

Desta forma, no referente ás súas obras é importante falar de Cantares Gallegos. Publicada no 1863, trata diferentes temas, distinguindo pois unha corrente social, onde se denuncia por exemplo a emigración, ou unha corrente intimista, que tratará máis afondo na obra de Follas Novas. Esta composición é moi importante, posto que serviu para denunciar o trato dos labregos e emigrados galegos a mans dos castellanos de Castilla... E mesmo reivindicar o uso do galego ou loitar contra a visión negativa de Galiza. Como vemos, foi esencial para a cultura galega e a súa data de publicación serviu como referencia para establecer o día das Letras Galegas, conmemorando así a publicación da obra o 17 de maio.

Por outro lado destaca Follas Novas (1880), unha composición dividida en cinco partes onde se empregan innovacións métricas, tratando temas diferentes, destacando por exemplo os seus poemas intimistas que reflicten a angustia existencial da autora. Nesta obra resalta Negra sombra, un texto onde fai referencia a algo que a acompaña sen soltala, unha especie de angustia, que poderiamos pensar, representa a súa enfermidade.

En definitiva, Rosalía ben merecido ten un día a ela adicado. A súa pegada na nosa literatura foi moi importante, así como a súa labor, e é por iso que lle debemos agradecer a forza vital que como pobo temos os galegos e galegas. Porque como un día dixo Enrique Díaz Canedo, “cando todos cantaban, ela atrevíase a falar…” Pois fala Rosalía, fala, aínda que non lle cantes nin ás pombas nin ás flores, porque nós escoitarémoste e saberemos de que tes alma, porque estar, está claro. A túa alma é de semente de vencer. Feliz día de Rosalía!




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.